Menu Xerais

Un libro diferente que paga a pena ler: «De remate», de Héctor Cajaraville. Crítica en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publicou unha anotación sobre a novela De remate, de Héctor Cajaraville, Premio Xerais de Novela 2015.

 

De remate

Onte estivemos no club de lectura con Héctor Cajaraville e o seu De remate, último premio Xerais. Así que esta foi a miña última lectura, o que constituíu unha boa elección, xa que houbo momentos lectores ben agradables e divertidos.
Emprega o autor unha prosa fresca, fluída, na que destaca a ausencia de dramatismo a pesar da realidade que vive o protagonista, algo que se desvela xa no prólogo do libro; pero este afastamento é quizais un dos mellores logros da novela, que reflicte unha vida calquera, sendo a pesar diso unha novela lúdica co contrapunto final da última carta. Así pois, o optimismo que regala o libro agradécese por esa retranca que domina os artigos, uns artigos que nos fan desexar comprar o xornal onde escribe o protagonista para seguir a lelo. Deses artigos, eu -deformación profesional- destaco os lingüísticos, pero o mellor de todos é, sen dúbida, “Castrofobia no autobús” onde consegue verdadeiras gargalladas; o feito de que este sexa un dos primeiros artigos engade valor ao libro, pois aumenta as ganas de seguir a lectura. Realmente, é a parte que máis me gusta pola aproximación irónica á realidade e o seu xogo de palabras constante. Unha retranca que botamos tantas veces de menos na nosa prosa! E con esta, o autor consegue fotografarnos como somos, retratar a nosa singularidade, construír retallos vívidos da nosa idiosincrasia.
A destacar asemade a autocrítica que conten o texto. Dentro da crítica ficcional realízase unha autocrítica ao mundo do xornalismo, profesión do autor, e a dobre crítica realizada cara fóra e cara dentro, do máis xeral ao máis íntimos, unha crítica que se entreve mesmo nos correos que se escriben. E a crítica é un fío condutor da novela, un elemento cohesionador importante.
Un libro que é diferente e que paga a pena ler.

Deixa un comentario!