Menu Xerais

Unha aposta arriscada: «Muros de aire», de An Alfaya. Anotación en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publicou unha anotación crítica sobre a novela Muros de aire, de An Alfaya.

 

Muros de aire

An Alfaya realiza en Muros de aire, publicada por Xerais, unha proposta arriscada (un motivo literario ben escaso) e sae potente gañadora.
Non sei que me pasa ultimamente, cústame comezar a lectura. E con esta novela sucedeume o mesmo. Pero chega un punto en que os muros tórnanse aire (preciosa metáfora do título) e a novela convida a engulirse nela, adentrándose neses muros que poden deixar de ser imaxinarios para seren tan reais como a vida que vivimos. An Alfaya propón nesta novela unha historia de mesquindade, de amor, de superación e de temor á vida. O ser humano pode elixir entre vivir unha vida que non ama ou desprezala. Aquí temos a semente deste libro. Logo, esta semente xermola en diferentes liñas narrativas, de ritmo lento, que marcan unha traxectoria -varias, se atendemos aos diferentes cartafoles- dramática. Dramática, porque a vida sentida, pensada e vivida en Muros de aire está chea de vicisitudes e maltratos. De aí, o sucidio como vía de fuxida. Ou non. Polos cartafoles saberemos de persoas que non se arrepinten da súa decisión. Doutras traxectorias veremos como si hai outras saídas posibles. De fondo, a dor da vida.
Desta dor xorde esta proposta atafegante e inmensa, intensamente emocional. Xa que a lectura propón que sexamos nós quen xulguemos, quen nos repensemos, quen nos cuestionemos: a vida está aí, esas vidas doutras persoas que senten como non paga a pena ser vividas. Non procuredes amabilidade, porque a vida non é amable. E a autora amósanos lados escuros e pegañentos dunhas vidas que, ás veces, parécennos ben afastadas.
A cuestión é: hai saída?
No mosaico da novela non sei se toparedes a resposta. Pero convídovos a lela sen dúbida ningunha.

Deixa un comentario!