Menu Xerais

Unha novela que afonda na dor e no sufrimento: «Muros de aire» de An Alfaya

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre a presentación de Muros de aire de An Alfaya, no Café Badía, en Vigo. Tamén o crítico Ramón Nicolás, que participou no acto, publicou en Caderno da crítica anotación sobre o acontecemento que se pode ler nesta ligazón.

 

 

«Muros de aire» de An Alfaya no Café Badía

Inauguramos onte a tempada literaria de presentacións en Vigo no Café Badía dos Caños. Case un cento de persoas ateigaron o tan acolledor espazo dos nosos amigos Menchu e Marcos Calveiro para participar na estrea de Muros de aire, a novela máis recente de An Alfaya. Un excelente serán literario a cuxo inicio lembramos con gratitude a figura de Manuel Rodríguez Alonso.

Comezou a súa intervención o crítico Ramón Nicolás cualificando Muros de aire como «novela suxestiva, ben construída, comprometida e solvente tecnicamente», salientando a predilección da autora «por non dar as costas a aspectos como a dor, a soidade, a perda ou a morte, como nesta tan valiosa entrega.» «Muros de aire nucléase arredor do concepto de dor, a traves do suicidio, un tema presente na historia literaria en texto senlleiros como en Madame Bovary, mais escasamente abordado na literatura galega e nunca coa fondura co que nesta novela o fai An Alfaya.»

Nicolás continuou sinalando que esta é «unha novela moi traballada, documentada, moi coidada nos aspectos construtivos, na que se combinan as descricións e paisaxes dialogais cunha analepse continua que explica os acontecementos do presente.» Detívose despois Ramón na análise da ambientación dunha obra, que «afonda na dor e no sufrimento, onde o tema do suicido ten centralidade, razón pola que non é unha novela amable», para deterse despois na análise dos personaxes. Rematou expresando que «esta é unha novela para enfrontarnos aos demos de cadaquén, poñéndonos diante dos ollos cousas que se nos agochan.»

An Alfaya comezou citando unha frase de Agustín Fernández Paz nunha twiitter entrevista recente para confesar que ela tamén «quere contar parte das súas obsesións persoais». «Eu cuestiónome constantemente as miñas dores e teimas que disfrazo nas miñas novelas e contos. Todos os temas poden ser contados a calquera lector de calquera idade.Conto apenas o que sei ofrecer.» «Muros de aire responde as dúas das miñas obsesións. A primeira, a da dualidade entre bondade e maldade, esa obsesión de facer dano, esa tendencia perversa presente nalgunhas persoas. A segunda, a da contradición entre o instinto de conservación e un certo instinto autodestrutivo, o desexo de fuxir ou escapar. Estas dúas dualidades foron as que quixen contar na novela. Mais non hai ningún interese a levar ao lector a ningún outro sitio. Só pretendín envolvelo nese mosaico, nesa rede, nesa arañeira que vai conducindo a abordar o aspecto emocional, as atmosferas emocionais da novela. Quixen que o ambiente fose pechado, os espazos herméticos, sempre de interiores.»

Manuel Bragado

 

 

Na presentación de Muros de aire, de An Alfaya, no Café Badía

 

Foi un pracer participar onte, no Café Badía do barrio vigués de Teis, na presentación da última novela de An Alfaya titulada Muros de aire, na compañía de autora, de Manuel Bragado e case dun cento de persoas, entre elas moitas amigos e amigos e que rematou cunha breve lectura teatralizada.

No que di respecto do libro da escritora viguesa, publicado por Edicións Xerais, pronunciareime en breve nunha recensión crítica polo que simplemente quero deixar aquí constancia de que se trata, ao meu ver, dunha proposta suxestiva e intensa, que se interna en asuntos como son a dor e o suicidio, entre outros, ben pouco transitados como motivo literario entre nós.

Dei comezo á miña intervención cun fragmento que Nuccio Ordine rescata, no seu libro A utilidade do inútil, dunha carta que o cardeal Besarión lle fai chegar ao dux Cristoforo Moro, escrita en 1468 e que fala da relevancia dos libros e da memoria. Dediqueillas á autora e mais ao espazo do Café Badía nesta estrea, exitosa, do que será un longa xeira de presentacións literarias. Velaquí van, entre outras razóns, porque Paz Raña mo solicitou.

Os libros están cheos de palabras dos sabios, de  exemplos dos antigos, de costumes, de leis, de relixión. Viven, discorren, falan connosco, ensínannos,  edúcannos, consólannos, recórdannos cousas  remotísimas da nosa memoria póndonolas ante os ollos. Tan grande é a súa dignidade, a súa maxestade e, en fin, a súa santidade que se non houbese libros, nós   seriamos todos brutos e   ignorantes, sen recordo ningún do pasado, sen exemplo ningún; non teriamos coñecemento ningún das cousas humanas e divinas; a mesma  urna que acolle os cadáveres borraría tamén a memoria dos homes.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!