Menu Xerais

Unha novela que me perturbou e, ao tempo, me fascinou: «Muros de aire», de An Alfaya. Anotación de Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro publicou no seu blog Versos e Aloumiños unha anotación sobre Muros de aire, de An Alfaya.

 

 

OS HERMÉTICOS “MUROS DE AIRE” DE AN ALFAYA

Sempre digo o mesmo, pero é verdade: estou desexando que apareza un novo libro de An Alfaya para gozar.

     Posiblemente goce sufrindo ou sufra gozando, pero é que esta muller escribe unha literatura da que estou namorado. Porque a literatura de An Alfaya  se asenta nun mundo persoal que comparto literariamente.
     Nese mundo os personaxes posúen unha vida interior moi forte, moi fonda. Ás veces penso que son eses personaxes os que marcan o rumbo da nosa escritora. Malia que un sabe que ela leva a iniciativa, non poñería a man no lume polo dominio real sobre eles.
     Isto ocorre na excelente novela Muros de aire  (Edicións Xerais. Narrativa) que me perturbou e, ao tempo, me fascinou.  An Alfaya constrúe unha historia conformada por distintas liñas de narración que van confluír cara ao final. E a novelista desenvolve as situacións cun ritmo lento, ben pensado e facendo circular os seus personaxes polos camiños que ela lles marca. Ou é que son eles quen marcan a traxectoria?  Talvez, mais o que consegue An é que o lector –neste caso, eu- forme parte dese universo proposto e se vexa inmerso  nos avatares das persoas que dan vida á historia.
     Mediante cartafoles de suicidas (un traballo administrativo e de campo de socioloxía), coñecemos os encontros e, sobre todo, os desencontros de Cora e de Fidel, que manteñen unha relación profesional e persoal con espazos grises. E coñecemos, ademais, variados comportamentos daquelas persoas que Cora entrevista, cuxos testemuños e reaccións diante dela,  dan un dramatismo real á novela. Magnífica estrutura, na que ten un protagonismo importante a desconcertante Remedios, a avoa da protagonista, acubillo desta, pero que se nos mostrará como unha muller de personalidade castradora e cruel. Como os personaxes marcan certas pautas, xa queda dito, non está de máis que reparemos, ademais, en Mauro Luaces, Elisa Luaces, a nai deste, ou en Amalia. Están moi ben perfilados e un chega a comprendelos completamente.
     Quizais sexa o destino quen mova os fíos destes personaxes que se ven maltratados polas vicisitudes da vida. Unhas personaxes que semellan non teren control dos seus actos e que sofren un desequilibrio vital que os confunde dun xeito permanente.
     An Alfaya volve presentarnos unha novela de personaxes tecida coa mestría de sempre, que nos engole, que nos inquieta e desacouga,  pero que nos permite gozar da boa literatura. Unha novela de dor, reflexión e emocións varias.
Abusando da súa xenerosidade, Versos e aloumiños pediu á autora un texto libre, que lle apetecese escribir tendo Muros de aire como referencia.
E An escribiu este poético e fermoso texto:
Non sempre a fuxida é unha opción,
ás veces os pés camiñan por un vieiro de escuridade que nos conduce ao abismo.
Mais, procuramos a luz.
A luz nese punto difuso, fugaz cara o infinito.
A luz pescudando a súa beleza que nos cega.
Imantados á intensa dor que nos provoca a súa inaccesibilidade.
Estendemos os brazos, as mans, os dedos, as uñas, desmembramos as articulacións tentando apreixar unha físgoa, un lampo, un fío de luz, porén, cando recollemos os brazos, os dedos, as uñas, coas articulacións desmembradas, só atopamos muros de aire…
                        Muros de aire irrespirable,
                                               aire envelenado,
                                               aire de xofre,
                                               aire que viaxa
polas vías respiratorias da xente escura que busca a luz no buraco do muro.
Sospeito que en todo muro hai unha greta, un oco, unha vía de escape
aberta á esperanza, que mata a rabia, a dor, a tristeza, a eterna incógnita
                                               do desalento.
Mais, no buraco dun muro de aire, só hai aire, aire, aire…
                                               Baleiro.
                                               Pulsión de morte.
            Desexo de finar, de acabar, de descansar de autoconcluir.

  

Antonio García Teijeiro

Deixa un comentario!