Menu Xerais

Uxía Casal: «Escribo o que me apetece cando me apetece»

Noticieirogalego.com publicou unha entrevista que lle fixo Carlos Loureiro Rodríguez á escritora Uxía Casal.

 

Uxía Casal: «Quen me dera a min ser a mestra do desacougo!»

Uxía Casal (Santiago de Compostela, 1957). Autora de varias obras de literatura infantil e xuvenil (Un ano de fábula en catro estacións // O faro de Arealonga // Sede en Ourense…) así como tamén unha obra de relatos para lectores máis adultos como é Vidas Exemplares. Na súa obra destaca especialmente a procura da ficción mais sen esquecer un forte compromiso e reivindicación.

portada-vidas-exemplaresNormalmente as primeiras andainas dunha persoa soen marcala no seu percorrer futuro… Como lembra Uxía Casal aqueles anos de fins da ditadura que foron tan importantes para ti e tamén para a túa obra literaria?

Foron anos de moito movemento e rebumbio, pero só son consciente diso a partir de 1970 ou por aí. Cando Franco morreu eu estudaba segundo de Xeografía e Historia. Tiña 18 anos e problemas abondos, típicos da idade e doutras cuestións relacionadas coa saúde. Para min eses anos foron importantes porque estaba medrando e iso sempre é importante. Para a miña obra literaria supoño que tamén o foron, coma todo proceso de crecemento e aprendizaxe. Sospeito que o que saquei en limpo de todo aquilo foi unha necesidade moi grande de liberdade e de expresión, algo que puiden satisfacer escribindo.

Sabemos que unha das calidades que ti mesmo te adxudicas é a da “inseguridade”… até que punto esta calidade coma esta pode influír e condicionar unha obra literaria?

Estou convencida de que todos, en maior ou menor medida, somos inseguros dun xeito ou outro e iso obríganos -se queremos saír adiante- a esforzarnos máis e revisar o que escribimos ou facemos para procurar o que coidamos algo semellante á perfección (imposible, por outra parte). Intentamos facelo o mellor posible, segundo o que sabemos e coñecemos, e ás veces ese afán perfeccionista non fai máis que complicar as cousas. Nun momento dado incluso pode paralizar, pero penso que, en xeral, axuda a sacar o mellor de nós mesmos. A miña inseguridade non me paralizou, por fortuna, aínda que ás veces fose unha auténtica lata.

A túa primeira novela publicada (Un ano de fábula en catro estacións) é unha obra para idades temperás e, como non, cos animais de protagonistas… Que ofrece este tipo de protagonistas na literatura infantil e xuvenil para estaren tan omnipresentes?

Desde as fábulas clásicas os animais dan moito xogo; ao empregarse coma substitutos de facetas humanas experimentan un proceso de personificación, sobre todo de determinadas características -defectos e virtudes- que poden servir de “exemplo” (non necesariamente edificante) para plasmar ideas e obxectivos vitais sen entrar en excesivos matices psicolóxicos. Non é o caso en Un ano de fábula en catro estacións, no que predomina máis a tenrura, tan importante e tan vilipendiada, coma se fose algo do que avergonzarse. Pero para min a tenrura é un sentimento sen o que non podería nin sabería vivir. Os animais, ademais, provocan sensacións e sentimentos moi gratos, e dígoo con coñecemento de causa porque comigo viven dúas cadelas marabillosas.

Normalmente a arte literaria conleva didactismo, amais de entretemento… En As ás de Xenoveva procuraches exemplificar coa procura da liberdade ou máis ben isto é algo adxacente á historia narrada?

Xenoveva naceu dun xeito fortuíto, a raíz do comentario duns amigos cuxos pais tiñan unha granxa de polos: “As galiñas son os seres máis parvos e simples do mundo”. Eu quixen contar a historia dunha galiña que non fose parva, tan só inexperta, que coa súa forza de vontade e ansia de coñecemento saíse ao mundo exterior para vivir o que este tivese que aprenderlle e do que ela sacaría a maior cantidade de zume posible. Todas as experiencias nos aprenden algo valioso e canto máis aprendemos, máis libres somos. É imposible a liberdade sen coñecemento, así que a medida que Xenoveva vai aprendendo e respectando xeitos de vivir diferentes, máis aumenta a súa comprensión e coñecemento e, xa que logo, a súa liberdade. O primeiro trae como consecuencia o segundo, así que supoño que todo está relacionado. Procura a liberdade porque procura saber e viceversa.

Podemos dicir que coa obra Saturno tamén é deus encetaches as túas publicacións de relatos… Procura de novas experiencias literarias ou máis ben un banzo máis na túa narrativa?

Sempre me gustou o relato; crear micromundos ou anacos de mundo con sentido semellábame unha tarefa difícil pero moi atractiva. Desde que coñecín os contos de Cortázar e os doutros desexei lanzarme a ese campo dun xeito concienciudo. Creo, máis ben, que procuraba novas experiencias literarias; son incapaz de verme a min mesma subindo os banzos dunha escaleira narrativa. De feito, alternaba a escrita de relatos curtos coa escrita de historias máis longas; sempre que escribía algo longo asemade estaba con relatos e ao revés. Era moi bulebule e o meu maxín andaba acotío ideando cousas. Escribía de xeito simultáneo ambos os xéneros, a medida que ía crecendo.

Probaches literariamente co relato, tanto en literatura infantil e xuvenil coma para idades máis adultas… Un cambio moi salientábel á hora de escribir relatos dependendo da idade dos lectores, non?

Así é, pero non tanto. Explícome: cando se escribe para nenos unha é máis e menos libre; máis libre en canto que a fantasía pode incluso desbordarse -sempre que o relato sexa verosímil no xogo que propós- e menos en cuestións instrumentais; non se debe manexar unha sintaxe complexa, a variedade ou complicación léxica cómpre introducila con coidado e a acción ten que adecuarse ao público lector que, inevitablemente, descoñece moitas cousas. Escribir para adultos permíteche unha maior liberdade expresiva, non tes que parar a pensar se isto ou aquilo se comprenderá ben, porque dás por feito que os coñecementos dun adulto están por riba dos dun neno, así que tiras para adiante sen freo, aínda que logo corrixas e intentes mellorar o xa escrito. Á fin de contas non deixa de ser o mesmo: escribir. O mellor que saibas.

uxia-casal-foto-1Sen embargo é moi posíbel que para unha escritora abondo identificada coa ficción escribir narrativa curta sexa máis gratificante ca narrativa longa…

Digamos que hai a mesma diferenza ca entre correr cen metros e tres mil. As dúas carreiras son gratificantes, mais os dispositivos e aptitudes son diferentes. Na narrativa curta necesítase unha precisión lingüística moito máis afinada que na narrativa longa; na primeira podes e debes ser máis impresionista, pois non veñen a conto descricións longas e detalladas; tes que crear un mundo ou un anaco de mundo sen entrar en moitas fonduras e para iso tes que escoller moi ben as palabras que empregas para que o resultado se comprenda e transmitas do mellor xeito posible o que pretendes. A narrativa longa pide descricións e diálogos nos que te podes espraiar, entras en detalles ás veces miúdos que adquiren unha importancia decisiva para entender mellor o personaxe e a acción e, sobre todo, leva moitísimo máis tempo…

En O faro de Arealonga mergullácheste de cheo no suspense e na ficción… Por que esta arribada a a este tipo de narrativa?

Porque me apetecía. Si, non hai outra razón. Levaba anos desexando escribir a historia dunha anana, pero non daba atopado o xeito nin o ton. Cando por fin dei con eles, non desaproveitei a ocasión. Había varias cuestións que me interesaban: contar unha historia longa en primeira persoa -con todas as limitacións e control que esa voz implica-, que a dona desa voz tivese unha eiva evidente e visible que a empurra a superarse (eu son xorda e teño acúfenos e a miña eiva non se ve, pero que dúbida cabe que me obrigou e me obriga a superarme), que fose unha persoa cualificada profesionalmente e que tivese unha familia normal e corrente, na que cuxos membros saísen adiante cos recursos que tivesen a man. Debían acontecer moitas cousas e perigos para que Rosalía amosase o seu poder e non podía faltar un bo amigo que a defrauda e co que se reconcilia á fin porque o comprende e/ou acepta. O TRAMA e o APRETA levaban moitos anos roldándome e todo veu rodado (dito así, semella que foi rápido e doado, pero estiven con esa novela catro anos. Consultei cun físico de partículas a viabilidade de aparellos con esas características e con outros especialistas distintas dúbidas que me asaltaban. Aprendín moito).

portada-o-faro-de-arealongaPor que che gustaría semellarte a Rosalía Pardal, a protagonista da túa obra O faro de Arealonga?

Por que me gustaría parecerme a Rosalía? Polo valor (ou valentía), polo empuxe, porque arrisca sen medo, porque tira para adiante con toda a forza que lle permite o seu miúdo corpo, sen deterse a pensar que a poden sacudir dunha pancada, porque non se sente menos ca ninguén, a pesar de comprobar día a día que a súa eiva a limita, porque loita contra as súas limitacións e sae triunfante,  porque loita á fin por desenvolver unha vida normal e quere ser feliz e, sobre todo, porque se supera a si mesma día a día a pesar de que podería encerrarse en si mesma e deixar que o mundo fose de seu. Ela forma parte dese mundo e quere formar parte del e abofé que o consegue. Encántame a súa forza.

A túa última novela de literatura infantil e xuvenil publicada é Sede en Ourense… Supoñemos que este espazo terá algo que ver coa túa estadía como ensinante na Cidade das Burgas…

Etiquetar Sede en Ourense como novela xuvenil resúltame curioso, aínda que podo comprendelo. Por riba, aínda que foi a última publicada, escribina antes ca O faro de Arealonga. Nela quixen mesturar todo canto xénero coñecía: cómic, aventuras, acción, culebrón, amor, humor, etc. Paseino moi ben mentres a escribía. E claro que ten que ver cos dezaoito anos que vivín en Ourense! Como non había ter! Alí coñecín xente estupenda, desenvolvinme e medrei como profesional do ensino, aprendín e medrei como ser humano, madurei un chisco… Fun moi feliz.

E unha novela non exenta das máis variadas realidades dunha cidade galega onde unha realidade (a seca) pode provocar as máis variadas realidades sociais…

É que a realidade nunca é unha tan só, componse de miles ou millóns de realidades -coma nas novelas, por outra parte- que se desenvolven e mudan segundo as circunstancias pasadas e presentes e van modificándose consonte os avatares da vida, das vidas, e grazas a iso avanza a acción. Se non fose así, non habería historia. Ante un mesmo estímulo as persoas reaccionan de xeitos diferentes, de aí que se produzan variadas realidades sociais. Coma na vida mesma.

A túa última obra publicada foi Vidas exemplares… Poderíase falar dunha obra de medo, de terror…?

Son relatos curtos. E si, pretende transmitir medo, ese medo que aniña no doméstico ou no cotián, á espreita; sospeito que ten algo que ver co que me aprenderon os acúfenos. De súpeto ves alguén en aparencia san e normal que cres que te mira con mala cara, pero ignoras que padecementos ten que aturar. No meu caso, os acúfenos eran tan impertinentes ao comezo que me axudaron moitísimo a comprender as “miserias” humanas. Axiña me preguntei que a saber que lle ocorría a aquela persoa con tan mal xesto, se cadra tiña unha úlcera de estómago que o estaba martirizando; do mesmo xeito, ninguén podía saber -baixo a miña aparencia de mazá reineta- que oía dous asubíos agudos as vinte e catro horas do día, de maneira que non me deixaban durmir. Moitos dos relatos de Vidas exemplares xogan con esa aparencia e o que agacha e non sempre é agradable. Por veces incluso resulta moi desagradable.

E falando desta obra, non podemos pasar por alto unha fermosa crítica realizada por María Reimóndez onde te define nin máis nin menos que coma “A mestra do desacougo ou a normalidade como trastorno… Que pensaches cando te viches así definida?

O primeiro que pensei foi “vaia, María non coñece a Cristina Fernández Cubas”, a verdadeira mestra do desacougo. En realidade sentoume moi ben esa crítica, non o podo negar, aínda que me pareceu excesiva. Quen me dera a min ser a mestra do desacougo! Intento transmitir esa emoción nos relatos, enganchar o lector co formigo interior do medo e da inquietude, aínda que ás veces esa sensación só choute coas frases finais. No fondo hai un desexo de desconcertar, de que, unha vez lido o relato e chegado ao final, xurda a necesidade de volvelo ler porque ese final o cambiou case por completo. É un xogo estimulante.

E continuando coas palabras verquidas verbo desta túa obra narrativa por María, é certo que os teus relatos “deixan un pouso escuro que todo o cambia”?

Iso non o podo afirmar eu, que son a nai das criaturas e, por moi obxectiva que queira ser, sempre hai un certo orgullo de nai. O que si podo afirmar é que intentei crear un contraste entre unha atmosfera máis ou menos cotiá, case doméstica, e o que se agocha detrás desa aparencia. Se o conseguín ou non…, iso ten que dicilo quen lea os relatos.

A voz feminina está moi presente na túa obra, así coma tamén a realidade social na que a muller se ve mergullada… isto non deixa de ser unha reivindicación feminista, non?

Pode verse así, aínda que non é algo consciente pola miña parte. Claro que resulta inevitable que semelle feminista se eu son feminista. Xa dixen antes que nestes relatos parto de realidades máis ou menos cotiás que agochan unha sorpresa e no mundo feminino, por sorte ou por desgraza, hai moitas sorpresas. Ademais, ao ser eu muller na época que vivimos e coa miña traxectoria, é imposible que non se reflictan parte dos meus pensamentos, do meu xeito de ver a vida… Non é algo buscado conscientemente, repito, pero sospeito que era inevitable.

E falando do anterior, pode unha autora, ou autor, permanecer allea, ou alleo, á hora de escribir ao seu pensamento, á súa realidade como persoa?

Non, é evidente. A escrita é unha faceta dun ser humano concreto e desde o momento en que escolles un tema, un personaxe, unha historia, xa estás amosando algo do teu pensamento e do teu xeito de ser e de estar no mundo, e iso ocorre incluso se pretendes plasmar algo por completo alleo a ti. A ficción non sae da nada, é o resultado de todo o que viviu, leu e procesou quen escribe; pretender ser unha escritora sen achegar nada de ti mesma paréceme imposible.

E xa van alá uns anos sen vermos nas nosas librarías obras de Uxía Casal… Para cando outras obras ou será que ao non teres “ningún plan ao que te cinguir”, tampouco os proxectos son firmes?

Antes que escritora son persoa e esta persoa pasou por unhas circunstancias un pouco complicadas que a condicionaron e condicionan. En xeral, escribo o que me pide o corpo e nunca sei o que me vai pedir nun momento dado. Desde hai uns anos ando metida nunha historia un tanto complexa que se desenvolve amodo. Non teño ningunha présa porque non como disto. Vou ao meu ritmo, que é, por forza, lento. Son incapaz de idear e encarar un proxecto que se desenvolva a longo prazo. Non me gustan as presións, aborrézoas. Tampouco axudan moito os problemas de saúde á hora de planificar nada. Cómpre adaptarse ao que hai.

E xa que non miras ao pasado e só “tes a mirada posta no que che queda por conseguir”… Que che queda por acadar na nosa literatura ou ben cres que o teu gran xa é máis que suficiente para o celeiro da nosa literatura?

Esta é unha pregunta que me custa responder. Xa dixen antes que primeiro que escritora son un ser humano que desexa seguir aprendendo e descubrindo cousas, e na vida hai moreas delas ben interesantes e atractivas. Tampouco me considero unha escritora “galega”, senón unha escritora, sen apostilas. Que escribo en galego? Si, claro; ese é o instrumento que escollín porque é o que máis me gusta e me permite determinados xogos lingüísticos e estilísticos moi agradables. Por riba, tamén son galega. Pero non teño consciencia de formar parte dun celeiro, sempre fun moi independente, moito, moito, e andei e ando por libre. Escribo o que me apetece cando me apetece, sempre e cando teña algo que dicir ou experimente a gana de dicilo. E iso non o podo prever. Para min sería terrible e moi pretencioso pensar que “estou facendo país”; de feito é unha expresión que me irrita un chisco, se cadra porque parece que se espera de ti un comportamento e unhas actitudes determinadas que pouco teñen que ver comigo. Nesta vida hai moi poucas cousas transcendentes e eu non quero ese tipo de responsabilidades enriba miña. Xa comentei antes que non me agrada sentirme presionada, e eu vexo presión onde se cadra non a hai.

E para rematarmos, e o verso? Unha muller comprometida, que vive preto dun mar que provoca fondos sentimentos… nunca se che ocorreu sentares fronte ao mar “sempre igual, sempre cambiante” e mergullarte na lírica?

En fin! Lírica e muller van da man, non si? Pois non, non me atrae nada escribir poesía; eu son narradora e o meu medio natural é a prosa. Non se trata de que nunca se me ocorrera; quen, aos quince ou dezaseis anos, non sentiu o desexo de escribir poemas? Eu non fun a excepción, pero comprobei que aquilo non era para min, quedábanme demasiadas cousas no tinteiro, sentíame incómoda, aprisionada, faltábame liberdade… Son quen de admirar un poema fermoso e profundo escrito por outro, pero non sinto a tentación de escribilo eu. A poesía non é o meu medio.

Carlos Loureiro Rodríguez

Deixa un comentario!