Menu Xerais

«Zapatillas rotas» de Xabier Quiroga, Premio da Crítica

A asociación Española de Críticos Literarios deu a coñecer en Pontevedra o fallo dos os Premios da Crítica en narrativa e poesía en galego a Xabier Quiroga por Zapatillas rotas, así como a Gonzalo Hermo con Celebración, respectivamente. A trama de Zapatillas rotas desencadéase cando o señor Xaquín desaparece por sorpresa da residencia de anciáns na que, voluntariamente, pasa os derradeiros anos da súa vida. A mobilización para dar con el provoca un enredo en cadea que, decontado, chegará ata extremos inusitados. Ao tempo que se produce esa delirante busca, os protagonistas, un vello e un parado, figuras paradigmáticas deste inicio de século, van espertar unha historia do pasado que semellaba durmida. Aínda que a lectura de “Zapatillas rotas” por veces provoque o riso, mostra un perfil de tristeza, xa que esta é unha novela que fala de como somos e como procedemos, do que é esencial e, na maioría dos casos, pasa desapercibido, do que é frívolo e, porén, ten éxito no noso tempo. “Zapatillas rotas” trata, ao cabo e sen ocultar o sarcasmo, dos valores desta sociedade en crise irreversible. Esta novela confírmao como un dos narradores galegos máis sólidos e de mellor acollida entre os lectores e lectoras do noso tempo.

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre o premio, que reproducimos:

 

«Zapatillas rotas» de Xabier Quiroga, Premio da Crítica

Excelente noticia a que coñecimos onte ao mediodía, a do Premio da Crítica na categoría de narrativa en galego a Zapatillas rotas, a novela de Xabier Quiroga publicada o pasado setembro en Xerais Narrativa. Un premio moi valioso, froito do criterio adoptado pola sección galega da Asociación Española de Críticos Literarios (AECL), presidida polo galego Ángel Basanta, que Quiroga xa obtivera en 2010 coa súa novela anterior, O Cabo do Mundo, o que supón a súa confirmación como un dos máis grandes narradores galegos do noso tempo. O voceiro do xurado, Ramón Nicolás, destacou que «Zapatillas rotas é unha obra sobre a busca da identidade», citando entre as calidades do texto «a mestría do autor na combinación de recursos narrativos, así como o tratamento da vellez cunha visión crítica e case cáustica, que tamén dá pé ao humorismo e o divertimento». Mágoa que despois soubéramos da tremenda nova do pasamento de Benxa Riobó, o libreiro do Pontillón de Moaña, con quen compartimos tantas angueiras e esperanzas.

Manuel Bragado

Deixa un comentario!