Menu Xerais

A despedida de Agustín Fernández Paz

Onte celebrouse no cemiterio vigués de Pereiró o acto cívico de despedida do escritor Agustín Fernández Paz. Foi un acto multitudinario, unha despedida emotiva marcada polos prolongados aplausos das persoas asistentes. A cerimonia estivo conducida polo director de Xerais, Manuel Bragado, quen, como se recolle en La Voz de Galicia, «deu paso a Ledicia Costas, quen leu un anaco dun texto de Agustín Fernández Paz. Seguiron as intervencións de Fina Casalderrey, Paco Martín, Xabier Senín, Xosé Lastra e Xabier DoCampo. As súas palabras xiraron arredor da obra literaria de Fernández Paz, o desenvolvemento da súa vocación pedagóxica, tanto nas clases como na organización de seminarios e diversas publicacións, así como a súa calidade humana. Por último, Bragado retomou a palabra para pechar o acto, que concluíu cunha interpretación na zanfona de Negra sombra, un colofón cumprido á emoción que caracterizou as intervencións e os asistentes que ateigaban a sala». O músico Luís Caruncho foi o responsable de interpretala. Todas as persoas que interviron estaban acompañadas por, continúa o relato de La Voz de Galicia, unha «ampla representación da cultura galega, que acompañou onte en Vigo á familia e os amigos de Agustín Fernández Paz no acto en memoria do escritor, finado o pasado martes. Nas súas salas acudiron a despedirse do autor e amosar ás súas condolencias á súa dona, Inma Reino, e á súa filla, Mariña, un incontable número de escritores, editores ou políticos que trataron a Fernández Paz ao longo da súa traxectoria literaria, pero que tamén gozaban da súa amizade». As imaxes foron recollidas tamén polos informativos da TVG, tanto no Telexornal Mediodía como no Telexornal Serán.

«Compañeiro. Amigo. Irmán. Mestre da palabra. Figura colosal da literatura galega. Educador comprometido», resume a xornalista Maite Gimeno, en El Correo Gallego, as referencia á Agustín Fernández Paz, «despedido onte en Vigo con centos de bágoas e recordos cheos de emoción cos que se debuxaron a súa paixón polas palabras, á literatura e o idioma galego, además da súa profunda humanidade. Arropado o féretro coa bandeira galega e presente no recordo cunha fotografía que presidiu o acto, na despedida de Agustín Fernández Paz estiveron presentes, ademáis do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, numerosos escritores», así como diversas personalidades do ámbito da cultura, da educación e da política. En calquera caso, «non era doado atopar as palabras para despedir até sempre a Agustín Fernández Paz, un home que fixo da palabra un ben todavía máis prezado», sinala Ana González no Faro de Vigo.

A crónica deste xornal continúa: «O director de Xerais, Manuel Bragado, unha das persoas que máis trato tivo con Fernández Paz nos derradeiros anos, foi o encargado de presentar o acto e agradecer as mostras de solidariedade en nome da familia do escritor. “Agustín vive en nós, forma parte do noso xeito de ver o mundo”, asegurou o editor. Bragado salientou que as mostras de pesar polo seu pasamento foron “un feito sen precedentes na nosa sociedade” e que se debía a que o escritor era unha “persoa que influé, que nunca rexeitou a ninguén”. “O perímetro do seu abrazo foi sempre o máis inclusivo posible. É un diamante moral no que poderemos espellarnos sempre”, engadiu.
Ledicia Costas leu un dos fragmentos de “O rastro que deixamos” no que os escritor destacaba que “temos dentro de nos a materia que lle pode interesar a calquera no mundo” e que “só se pode ser universal dende as propias raíces”. Costas recoñeu que “foi un placer inmenso poder darlle voz as palabras dun autor tan inmenso”. Despois, os membros da chamada “Xeración Lamote” á que pertencía Fernández Paz, dedicáronlle unhas verbas. Xabier Senín, Paco Martín, Xosé Lastra, Fina Casalderrey e Xabier P. DoCampo enchiron de emocións o salón mentres lle deron as gracias por tanto ao mestre e ao escritor.
“Eu aínda quero imaxinar aos meus netos –que aínda non teño– remexendo nos meus andeis e dicindo: “ah, este que é de Agustín Fernández Paz”, dixo Casalderrey. Xabier P. DoCampo, que foi mestre en prácticas co escritor, recitou uns versos do poeta José Ángel Valente do que gostaba Fernández Paz e que remata así: “Pues más allá de nuestro sueño / las palabras, que no nos pertenecen, / se asocian como nubes / que un día el viento precipita / sobre la tierra / para cambiar, no inútilmente, el mundo”».

O Concello de Vilalba declarou onte día de loito oficial e as bandeiras da casa consistorial ondearon a media altura. La Voz de Galicia dá conta do feito: «Vilalba lamenta a perda dun dos seus grandes embaixadores. Agustín Fernández Paz, nado no barrio vilalbés das Fontiñas, era unha persoa moi querida e respectada na vila. O escritor aínda fará un último acto de servidume aos seus veciños. Hai apenas un mes enviou un artigo que se publicará no próximo libro das festas do San Ramón en agosto. Representantes dos centros educativos da vila, de asociacións, amigos e veciños de Agustín amosáronlles as súas condolencias á familia a través dunha mesa de firmas instalada na Casa da Cultura vilalbesa. «Marchou un dos nosos, nunca o esqueceremos porque deixa moito por que recordalo», comentaba unha das persoas que se achegou a mesa de sinaturas que contaba tamén con algún dos libros do escritor».

«Considerado un clásico en vida, Fernández Paz presumía de lecturas, nunca do que escribía», escribiu Armando Requeixo no artigo «A escrita na xema dos dedos», que se publica hoxe no Faro da Cultura de Faro de Vigo. E é que, en palabra de Manuel Bragado, entrevistado por Olalla Rodril, sobre a figura de Agustín Fernández Paz para o xornal Semos Galiza, «Agustín deixa unha comunidade de afectos, de lectores, unha obra extensa que vai ser cada vez máis valorada co paso do tempo. Será un clásico de entreséculos na literatura galega e unha das máis importantes da contorna estatal».

 

 

 

Deixa un comentario!