Menu Xerais

«A esencia da cidade», un relato de María Reimóndez para a descarga libre no Día Internacional contra a Violencia Machista


A esencia da cidade é un relato de María Reimóndez editado para a súa descarga libre, con licenza Creative Commons, no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller coa intención de que o texto que se ofrece e a experiencia que narra axude, en palabras da autora, «a reflexionar, a comprender e a cambiar. Porque a vida de moitas nenas, mozas e mulleres depende diso cada día». Esta edición nace coa vocación de que se utilice nos centros do ensino para traballar a igualdade de xénero e combater a violencia machista.

A edición, dixital en pdf, realízase na colección Narrativa de Xerais cunha foto de portada de Paula Gómez del Valle. A autora quere contribuír dese xeito a situar no espazo público as experiencias de violencia contra as mulleres: «Podo dicir sen temor a equivocarme que todas as mulleres que coñezo –e son moitas, de diferentes países do mundo– padecen ou padeceron diferentes tipos de violencia ao longo da súa vida. Esta dura realidade agóchase na nosa sociedade cun discurso de silencio e culpabilización, co medo a falar, co estigma. Poñer no espazo público as nosas experiencias de violencia é un paso ineludible para cambiar ese discurso e amosar a realidade dunha sociedade construída sobre a violencia contra as mulleres».

María Reimóndez, tradutora e intérprete de profesión e feminista por convicción, narradora, poeta, ensaísta e activista, fundadora da ONG Implicadas no Desenvolvemento, sitúa esta iniciativa literaria dentro da contribución a «este traballo colectivo que temos pendente. Nos últimos tempos fálase moito do incremento da violencia de xénero entre as mozas e mozos. Dende a miña experiencia persoal non sei moi ben se ese incremento é real ou só unha visibilización de algo que nos pasou a moitas e que oxalá deixe de pasarlle a outras tantas no futuro. É un relato que escribín hai tempo, a instancias de Amnistía Internacional para o seu libro Camiñan descalzas polas rochas pero que decidín facer máis accesible agora para que poida valer como ferramenta para as e os profesionais da educación, para familias e sociedade, á hora de falar coas mozas e os mozos sobre a necesidade dunha transformación pendente xa demasiado tempo».

Finalmente, Reimóndez confesa que «seguramente sexa o texto que máis traballo me custou escribir porque a todas nos remexe por dentro rememorar certas cousas. Mais é tempo de que o que unhas padecemos axude a que outras non o pasen. A establecer diálogos onde dende as nosas miles de experiencias concretas poidamos comezar a falar da outra cara da moeda. Porque detrás de cada agresión hai un home a quen o discurso social xustifica cada vez que se desconfía da palabra dunha muller, cada vez que se lle quita importancia ás violencias do día a día, cada vez que se reafirma no discurso literario, cinematográfico, televisivo, que os homes teñen dereitos sobre os corpos e as vidas das mulleres».

O relato vai poder descargarse de xeito permanente desde a sección de Descargas do Catálogo de Xerais ou, directamente, desde esta ligazón.

Deixa un comentario!