Menu Xerais

«A ira dos mansos» de Manuel Esteban, premio Xerais de novela 2016

O xurado da XXXIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 34 obras, formado por: Mercedes Corbillón (libreira. Librerías Cronopios de Santiago e Pontevedra), Concha Martínez Mayo (editora), Marta Gómez González (xornalista do programa Zigzag da TVG), Irene Penas Murias (editora), Almudena López Rodríguez (axente de viaxes) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentados cos lemas «Avó», «Comasio» e «Myttin da».

Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Comasio» que, despois de aberta a plica, resultou ser de Manuel Esteban Domínguez e corresponde ao título «A ira dos mansos».

Manuel Esteban Domínguez (Vigo, 1971) é médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e profesor da rama sanitaria de Formación Profesional. Actualmente é secretario do Centro Integrado de Formación Profesional Manuel Antonio. É pai de dous nenos, o maior dos cales ten síndrome de Down e foi durante oito anos vicepresidente de Downvigo.

A ira dos mansos

No seu ditame, o xurado da XXXIIIª edición do Premio Xerais de Novela sinalou o seguinte: «O cadáver dunha nena aparece nos terreos do edificio Bandeira en Vigo. A partir de aí, o inspector Carlos Manso ten que percorrer os intestinos da delincuencia viguesa e internacional para resolver o crime.

 A ira dos mansos é unha novela negra cun acusado enfoque social, que supón, para o protagonista e para as persoas que a lemos, unha viaxe de superación de moitos prexuízos. Cuestionando a normalidade e a perfección e obrigando á reflexión, as palabras das súas páxinas derruban as barreiras emocionais do personaxe principal. O inspector Carlos Manso móvese con facilidade por unha cidade, Vigo, cuns escenarios que tamén protagonizan, en pé de igualdade, a novela.

 A ira dos mansos está escrita cun estilo directo, rápido, eficaz, sen adobíos, con moito sentido do humor, ás veces ácido e cínico, e cunha trama que nos atrapa, e que nos obriga a seguir lendo, colocándonos contra as cordas á hora de percibir o que é e non é pertinente dentro das convencións sociais, e poñendo en valor as persoas que traballan con colectivos con síndrome de down. En definitiva, A ira dos mansos é unha novela negra cunha trama trepidante que trata sobre a inclusión, a dignidade e o respecto.»

Manuel Esteban Domínguez declarou cando coñeceu que fora premiado que «A ira dos mansos xorde coma unha necesidade terapéutica, unha catarse obrigada tras o nacemento do meu fillo maior. Nunca o tomei coma un exercicio literario senón coma un berro de impotencia, a necesidade de compartir un intenso sentimento de inxustiza. O inspector Manso e, polo tanto, un trasunto desa anguria, porque no xénero da novela negra, esa fronteira na que os matices morais cobran importancia, resalta mellor o contraste entre unha sociedade desmedida e un colectivo, o dos discapacitados intelectuais, considerado erradamente como enfermo ou retrasado».

Deixa un comentario!