Menu Xerais

Diego Ameixeiras no Sant Jordi 2016

Diego Ameixeiras visita Barcelona para participar en actos académicos e asinar libros no Día de Sant Jordi

O escritor galego Diego Ameixeiras visitará Barcelona para participar en varios actos académicos na Universitat Autònoma de Barcelona (UAB) e na Universitat de Barcelona (UB). Aproveitando a súa estada na cidade tamén asinará os seus libros, na versión orixinal en galego e as traducións a catalán e castelán, o propio día de Sant Jordi.

A visita de Diego Ameixeiras comezará coa sinatura de libros no día de Sant Jordi que terá lugar o sábado 23 de abril, ás 12 h. no posto da Euskal Etxea situado nas Rambles. Haberá libros do escritor á venda nas edicións catalá, galega e castelá. Este acto supón, dunha banda, a presenza dunha representación da literatura galega na maior festa literaria de Europa e, por outra, difunde a obra dun autor galego con certo vencello coa cidade a través das súas referencias ás coleccións clásicas de novela negra da editorial Bruguera e aos homenaxes aos mestres do xénero como Manuel Vázquez Montalbán.

Os actos académicos de Diego Ameixeiras comezan o luns 25 de abril na Universitat de Barcelona, onde impartirá ás 11,30 h. a conferencia “Mujeres duras y hombres fatales” dentro do seminario “Males dones” i altres estereotips de la novel·la criminal organizado pola Sección de Estudos Galegos e Portugueses da UB.

Como colofón, o acto central do paso do de Oregón por Barcelona será un encontro aberto co escritor vasco Harkaitz Cano, que ten como motivo principal a difusión das literaturas galegas e vascas no eido catalán.

Diego Ameixeiras e Harkaitz Cano conversan na UAB

Martes 26 de abril, ás 15.00 h. na Sala Cinema, Plaça Cívica.Campus da Universitat Autònoma de Barcelona

Organizado polo Lectorado de galego da UAB (Mínor en Estudis Gallecs) en colaboración co Mínor en Estudis Bascos e Cultura en Viu.

Coa vontade de difundir as culturas galegas e vascas no ámbito catalán, un ano máis, por volta da celebración de Sant Jordi, botamos unha ollada comparada sobre a actualidade das literaturas galega e vasca, tan próximas e á vez tan afastadas do día a día literario catalán. Nesta ocasión póñense en diálogo dous autores que pertencen á xeración dos nados na década de 1970 e que se caracterizan por ter unha produción literaria, en grandes liñas, de carácter popular, contemporánea e urbana, que supuxo unha renovación nos seus respectivos sistemas literarios. Ademais da obra narrativa ou poética, a condición polifacética de traballadores das letras levounos a participar en proxectos audiovisuais, de banda deseñada ou de teatro. Malia a súa xuventude, foron recoñecidos mediante importantes e destacados premios e as súas obras foron traducidas a diferentes linguas polo mundo adiante.

A conversa partirá dunha posta en escena distendida que achegue a figura dos dous autores aos públicos. Os temas a tratar pretenderán ir máis aló do estritamente literario de das confluencias ou diverxencias entres as obras dos autores; tamén se falará da súa condición de creadores culturais nun mundo globalizado e mercantilizado, desde a perspectiva de sistemas culturais non hexemónicos; de como afrontan a súa profesionalización e de cales son as estratexias para vivir da escritura nun contexto subalterno.

Deixa un comentario!