Menu Xerais

Faleceu Agustín Fernández Paz

 

Actualización: 13:30h.

Hoxe, a partir das 17 horas estará na sala número 9 do Tanatorio de Pereiró, así como mañá a partir das 10:00 horas. Ás 19 horas de mañá mércores terá lugar un acto na súa memoria no Salón do Tanatorio.

O escritor Agustín Fernández Paz, unha das persoas que máis contribuíu literaria e persoalmente á dinamización do proxecto cultural de Xerais, faleceu ás 07 horas desta mañá no seu domicilio de Vigo. O cadro de persoal de Xerais, profundamente entristecido, quere expresar a súas condolencias pola desparición dunha das figuras máis salientables da cultura galega de hoxe, alguén que, co seu labor, estivo intimamente vencellado á traxectoria da editorial. Desde o proxecto pedagóxico de Xerais –ligado aos libros de texto e á asesoría didáctica– pasando polo seu asesoramento literario e á dirección e coordinación da colección Merlín –que constituíu un dos piares do florecemento da literatura infantil e xuvenil en Galicia–, ata o seu incansable e recoñecido labor como escritor, que lle valeu numerosos recoñecementos en Galicia e no mundo, o papel que xogou Agustín Fernández Paz no crecemento estratéxico da editorial foi fundamental non só para Xerais senón para toda a cultura galega. Con Agustín Fernández Paz, Galicia perde non só un escritor excepcional e popular senón un referente ético de primeira magnitude. O prestixio dos seus libros, constantemente reeditados e traducidos a moitas linguas, deu a coñecer en diversos países do mundo o valor da literatura infantil e xuvenil galega.

Nacido Vilalba en 1947, Agustín Fernández Paz foi unha das figuras máis destacadas da literatura galega contemporánea. Publicou entre outras obras: Contos por palabras (Xerais, 1991), Premio Lazarillo 1990, Lista de Honra do IBBY 1992; Rapazas (Xerais, 1993); Trece anos de Branca (1994), Premio Edebé de literatura xuvenil 1994; Cartas de inverno (Xerais, 1995), Premio Rañolas ao mellor libro xuvenil; Amor dos quince anos, Marilyn (Xerais, 1995), relatos; O centro do labirinto (Xerais, 1997), novela; Aire negro (Xerais, 2000), Lista de Honra do IBBY 2002, Lista The White Ravens 2004 e Premio Protagonista Jove 2001; Noite de voraces sombras (Xerais, 2002); Tres pasos polo misterio (Xerais, 2004); Corredores de sombra (Xerias, 2006), Premio Frei Martiño Sarmiento; O único que queda é o amor (Xerais, 2007), Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil, Premio Neira Vilas da AGE, Premio da AELG, Premio Frei Martiño Sarmiento; Lúa do Senegal (Xerais, 2009), novela, Premio da AELG; Non hai noite tan longa (Xerais, 2011), Fantasmas de luz (Xerais, 2011), A viaxe de Gagarin (Xerais, 2014) e A neve interminable (Xerais, 2015). Reuniu textos memorialísticos no libro O rastro que deixamos (Xerais, 2012). A maior parte da súa obra está traducida a todas as linguas ibéricas, coreano, árabe, francés, chinés, búlgaro, bretón, italiano e inglés. Entre outros recoñecementos á súa traxectoria, recibiu o Premio Irmandade do Libro (2003); o Premio Xosé María Álvarez Blázquez (2008), a Letra E (2009) da AELG; e en 2011 recibiu o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. Foi o candidato da OEPLI ao Astrid Lindgren Memorial Award; en 2011 foi escollido pola OEPLI como o candidato español ao Premio Andersen 2012 e en 2015 a AELG propúxoo como candidato ao Premio Nobel de Literatura.

 

 

Deixa un comentario!