Menu Xerais

Ledicia Costas gaña o Premio dos Clubs de Lectura 2016 e tamén o Premio Losada Diéguez por «Un animal chamado Néboa»

A escritora Ledicia Costas, que se atopa na Feira do Libro de Bos Aires, foi recoñecida esta fin de semana con dous premios: O Premio dos Clubs de Lectura 2016, que concede a Asesoría de Bibliotecas Escolares, dependente da Consellería de Educación e Cultura, así como co Premio Antón Losada Diéguez no apartado de Literatura pola súa novela Un animal chamado néboa.

O Premio dos Clubs de Lectura 2016, que concede a Asesoría de Bibliotecas Escolares, recoñece o labor das autoras e dos autores que facilitan cos seus libros a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese das lectoras e dos lectores que participan nos clubs de lectura do ámbito educativo. A escritora Ledicia Costas recibirá o premio no transcurso da IX Xornada dos Clubs de Lectura, que terá lugar en Santiago de Compostela (EGAP) o 10 de xuño, e na que se reunirá o profesorado que coordina os clubs de lectura existentes este curso en 239 centros de ensino secundario de toda Galicia.

Pola súa parte, o xurado do Premio Antón Losada Diéguez, reunido no salón de plenos do Concello de Boborás nunha convocatoria promovida polos municipios de Boborás e o do Carballiño, co apoio da Deputación de Ourense, contaron con representantes da RAG, das universidades de Compostela e A Coruña, do Museo do Pobo Galego, do Consello da Cultura e dos organismos convocantes, baixo a presidencia da concelleira de Cultura de Boborás, e acordaron premiar o libro Un animal chamado néboa, Ledicia Costas, porque os seus relatos «conseguen demostrar a condición global da memoria dos traumas da nosa historia recente, grazas a un hábil manexo de innumerables fontes documentais. A autora ofrécenos unha crónica do mellor e do peor da condición humana. Viaxamos así, sen solución de continuidade, do xeral ao particular por medio dun conxunto de historias que suscitan en nós un abano de emocións que chegan a deixarnos case sen alento». E así faise constar na acta do xurado.

 

Deixa un comentario!