Menu Xerais

Manuel Rivas: «Terranova é a literatura e o dereito a soñar»

O escritor Manuel Rivas presentou onte en Carballo, na Biblioteca Rego da Balsa, a súa novela O último día de Terranova. Reproducimos a información da Voz de Galicia:

 

 

Un día feliz para as librarías e os libreiros

O escritor Manuel Rivas presentou na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo «O último día de Terranova»

Manuel Rivas volveu onte a onde tanto tempo pasou e a onde tanto escribiu: Carballo. Levou á Biblioteca Rego da Balsa a súa novela máis recente, O último día de Terranova. Terranova, toda unha libraría, todo un mundo. «Hoxe é un día feliz para os libros e para as librarías», dixo Evencio Ferrero, alcalde. Na primeira fila, Ramón Tasende, Moncho Tasende, Moncho Brañas, a quen a libraría «xa lle impregnou o nome e a identidade». Un bo exemplo de terranovismo. Díxoo o mesmo Rivas: «Brañas tamén é unha Terranova». «Vimos sempre entusiasmados a Carballo, un referente na cultura do libro en Galicia, un referente indiscutible de dignidade no país»: foron as palabras de Manuel Bragado (Edicións Xerais). Recalcou el tres aspectos: que O último día de Terranova é unha homenaxe ás librarías, aos libros e aos libreiros, sobre todo aos desaparecidos («recoñecendo que o factor humano dálle un valor engadido ao encontro do lector co libro»); que a novela, na forma de mosaico e tamén no eixe cultural, garda unha fonda relación con outra obra de Rivas (Os libros arden mal); e que asemade ten un vencello claro co poemario A boca da terra. Hai palabras compartidas, esferas comúns. A psicoxeografía que ten Manuel Rivas como pouso, as resistencias e as reexistencias, a convivencia do real e do imaxinario. Humor e dor. «Estou nunha situación anfibia», dixo o autor. Saíndo de Terranova para volver a Terranova. A liña do horizonte, a xeito de corda frouxa do funambulista; a causalidade e a casualidade; e mesmo un David Bowie que se foi, pero que no libro está, foron pasando polas verbas do escritor. Fusión de corpo, natureza e imaxinación que leveda, literatura e dereito a soñar. Iso é Terranova. «Un xeito de loitar contra a realidade é crear novas realidades. Unha novela é un proceso de descuberta, os personaxes mesmos contan cousas que descoñeces», afirmou. O Rivas lector leu, interpretou. Dixo Bragado que esta novela é unha «obra maior», das que ficarán na memoria.

Deixa un comentario!