Menu Xerais

Marcos Abalde, Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

O escritor Marcos Abalde Covelo resultou gañador da V edición do Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía cun poemario titulado Exhumación, que publicará Xerais. Nesta ligazón pode consultarse a acta do xurado en pdfMarcos Abalde Covelo (Vigo, 1982) , membro de EStaleiro Editora, obtivo xa varios galardóns, entre eles, o Premio Álvaro Cunqueiro 2011 por A cegueira, que publicou Xerais.

Na tarde do 29 de febreiro do 2016 tivo lugar na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela a xuntanza do xurado que decidiu o IV Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, constituído por dona Carmen Carreiro Montero, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, que actuou en calidade de secretaria con voz e sen voto; don Luís Cochón Touriño, presidente do xurado e mais os vogais dona Mercedes Queixas Zas e Armando Requeixo.

Logo da deliberación, o xurado decidiu outorgar por unanimidade o premio ao poemario presentado baixo o título Exhumación e lema Cerval, texto que se impuxo aos outros corenta e catro traballos presentados.

O xurado resaltou o alto nivel de participación e a diversidade dos textos enviados a concurso. O certame, que chega agora á súa cuarta convocatoria, segue a consolidar a súa andaina coa colaboración tanto do Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio, coma da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe da mesma localidade e mais a editorial Edicións Xerais de Galicia, que se incorpora este ano ao certame como responsable da publicación do volume gañador, a presentar publicamente o vindeiro 9 de abril no acto de entrega do premio en Fornelos de Montes.

O xurado salientou en Exhumación o tempero dunha voz moi afinada, chea de resonancias e lecturas que soubo procesar para ofrecer unha aproximación ben persoal a temas e motivos entre os que a memoria dos desfavorecidos, represaliados e desherdados resulta decisiva.

Posuidor dunha arquitectura moi sólida e tramada, a dicción culta deste poemario convence polo seu poder evocador e a fulguración das imaxes labradas con gran mestría.

O xurado quixo recomendar tamén a publicación dun segundo orixinal, presentado baixo o título Entullo, pois entende que a calidade deste poemario ben merece que vexa lume.

 

Deixa un comentario!