Menu Xerais

Novela de gran axilidade e dinamismo: «A ira dos mansos», de Manuel Esteban. Crítica de X. M. Eyré

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog Ferradura en tránsito unha recensión crítica sobre a novela A ira dos mansos, de Manuel Esteban, obra gañadora do Premio Xerais de Novela 2016.

 

Nación Down

“A sociedade sinala estas persoas como enfermos, aínda que eles non se senten máis nin menos indispostos que calquera. E etiquétaos como atrasados, aínda que eles, que nunca tiveron présa por chegar a ningures, non se sente por detras nin por diante de ninguén” (188) Extractamos estas palabras do épilogo do autor onde define as persoas con síndrome de Down ou, maís cientificamente trisomía do par 21, porque eles son sorpresivos protagonistas da novela que gañou o Premio Xerais deste ano. Están aí, ao lado noso, todos sabemos da súa existencia, mais a nación Down permanece illada nunha extensión paralela á do noso vivir. A ira dos mansos non só está dedicada a esta xente, senón que os reivindica ao noso carón, un colectivo tan esquecido como o desta xente que erradicamos de onda nós exhibindo unhas táboas de “normalidade” á que nos asimilamos, mais que, aínda recoñecendo o vantaxismo de crearmos nós o estándar de “normalidade, habería que ver quen é máis normal ca quen. E hai que dicilo así, nada máis comezar, polo infrecuente que é, na nosa literatura coma en calquera outra, que o mundo da ficcción literaria os lembre. Aínda que non sexan suxeito desa ficción literaria, senón obxecto. Aínda que a ira dos mansos non sexa a ira da xente con síndrome de Down, en ningún momento chegan a un estado sequera asimilábel de lonxe á ira.

                 Deféndenos, Señor , da ira dos mansos “José Saramago propuxo esta oración anticipando que un día os maltratados pola historia, os humillados, os mansos desprovistos de toda voz, se erguerían, cansos de calar, reclamando o seu dereito a figurar na gran foto da humanidade” (188). Aquí, os maltratados, os mansos, son as personaxes pertencentes á nación Down, Alza-Down na novela. Mais xa dixemos que non son suxeito da acción, senón obxecto e en ningún momento experimentan algún sentimento parecido á ira. Porén, o título tamén pode referirse ao inspector Carlos Manso, o eixo central da trama. O problema é que tampouco el é nada iracundo, máis ben é un inspector filósofo (lembrador especialmente de Kant), o típico inspector de volta de todo, un tantiño cínico ás veces, que se mantén en pé grazas aos litros de café que lle terman do corpo, e que se ve envolto en dous casos que teñen como protagonistas xentes da nación Down, personaxes con síndrome de Down que acudían diariamente a Alza-Down. Sen comelo nin bebelo, el vai ser a voz desta xente con trisomía do par 21, para algo é policía e primeiro matan a Violeta, caso que leva el persoalmente e resolve, e despois tratan de acusar de asasinato a Pedro, o  asasinato dun malandro que adoitaba insultar a xente coma el. No segundo non lle pertence a el o caso, mais aínda así será el quen o resolva.

                     Conta a novela un narrador en primeira persoa, a parte policial, porque na segunda parte (“Media noite no país de Lu”) aparecen uns capítulos en cursiva e terceira persoa que achegan a novela á novela negra, xa que aí atópanse as vísceras do asasino, a mente do asasino. Evidentemente, os capítulos policiais e os negros converxerán nun final único que integra a parte negra na parte policial, porque novela é unha novela policial, a medio camiño da negra, se se quer, mais novela policial, protagonizada por un inspector de policía. Isto, e o feito de estar contada en capítulos breves, tanto a primeira parte como a segunda, dotan a novela de grande axilidade e dinamismo. Ademais, o estilo é un estilo sen adobíos, seco, frío, directo, rápido. Todo o val fai que anovela se lea sen demoras. E demostra, máis outra vez, que  novela é o xénero da superación, porque a primeira parte non abondaba para novela, quedaba moi curta, artellouse unha segunda que lle incrementa o corpo superándose a  si mesma. Iso si.Houbera sido desexábel que, na parte onomástica, existira unha meirande uniformidade a prol da lingua galega.Nunca entenderemos esa manía de contaminar a onomática galega con nomes en castelán, que o único que fan é confundir realismo con hiperrealismo e non engaden absolutamente nada ao discurso, neste caso á novela.

Xosé Manuel Eyré

Deixa un comentario!