Menu Xerais

Novela forte e envolvente: «A dúbida», de María Reimóndez. Recensión de Diana Pastoriza

O blog Palabras de man ao corazón, de Diana Pastoriza, publicou unha recensión sobre a novela A dúbida, de María Reimóndez, Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia.

 

Letters in Books: A dúbida

Collín A dúbida (2016) de María Reimóndez e lina no baleiro de non saber nada previo sobre o libro. Trata dun tema serio e punzante: o abuso de menores. Só mencionalo e sentes ferver a bile e o desasosego atafegándoche.
Era a miña primeira novela sobre esta temática (e primeira tamén da autora, aínda que non será a última) e estou impresionada. Malia que o libro trata un tema escuro, o seu estilo, axilidade narrativa e acercamento, fixeron que o lese dunha sentada.
Reimóndez ten unha misión que non nos deixa esquecer nin un só segundo: exorcizar o tabú, facernos pensar nas vítimas, no estigma que sofren e no trato indigno que lles damos na sociedade, en múltiples ámbitos (os medios, o círculo dos coñecidos, os profesionais da xustiza, e o público en xeral). Pero esa misión non nubra nunca a narrativa, e onde outros se deixan levar polo melodramatismo, a autora emprega un estilo expositivo dunha finesse admirable e un toque destro para acenarnos a entrar nunha historia horrenda, pero sen empurrar, deixándonos ir ao noso paso.
Dúas características facilitan o ritmo lector. Por unha banda, o formato de novela por entregas é ideal, pois permítenos alentar e coller azos á fin de cada breve capítulo, prepararnos para coser o seguinte retrinco da historia, mentres descosemos os nosos propios prexuízos, emulando a Deli no seu cuarto de costura, porque nós tamén queremos que todo encaixe perfectamente no noso exercicio de patchwork lecto-reflexivo (p. 34). Pola outra, entramos na historia non a través dos ollos de Ana, a vítima, senón dos de Deli, que resulta ser vítima colateral.
Esta narrativa forte e envolvente soporta o peso da atrocidade que se narra, incomodándonos, sen dulcificarnos a realidade e ao tempo sen caer no voyeurismo da chamada “misery lit“. Algunhas citas a seguir a modo de exemplo:
As palabras contundentes, a voz enérxica. A xente parece que sempre está disposta a que gobernen déspotas” (p. 22)
Non quere ser a mater dolorosa, a esposa fiel e abnegada que tan ben aparenta (…) Hai a vida dunha nena potencialmente partida, ou a dun home inocente. Por unha vez sabe o que quere. A verdade” (p. 23)
“- Vai para doce.
- As nenas de hoxe en día con doce anos sábenas todas. Ven moitas películas.
- Mamá, non sigas por aí” (p. 31)
A vida da nena aberta nas páxinas do xornal coma se fose un cadáver. Mais esa nena está viva, viva neste mundo” (p. 41)
Deli sorrí. Como se fose tan parva. Pero o importante é parecelo, algo no que o seu aspecto axuda considerablemente. A muller desvalida, mida e insignificante” (p. 43)
“… mamá xa sabes que só usa a cabeza para poñer o moño” (p. 46)
O patrón habitual?” E que era iso? É que había algunha manera estándar de reaccionar cando un adulto, un home no que confiabas, usa esa confianza para violarte” (p. 97)
Sente un bruar que lle atorda as tempas, como se estivese toda a noite nun bar coa música moi alta. Debe ser o volume da dor allea” (p. 117)
Hai dúas cartas neste libro, as dúas vergonzosas: unha de Rafael a Vicente (p. 62) e outra, de Vicente a Deli que bota “ao lixo sen abrir” (p. 130).
Ao rematar o libro, volvín ler a dedicatoria:
“Para Eli Ríos e para todas as mulleres que loitan por saber a verdade e por protexer as súas fillas e fillos. Para as crianzas e mozas que sobreviven a situacións de abuso. Non estades soas” 
E busquei as estatísticas de UNICEF de abuso de menores por ver un pouco a dimensión do problema. Arredor de 120 millóns de nenas menores de vinte anos (1 de cada 10) sufriron abusos sexuais nalgún momento da súa vida. Estarrecedor. E nós coa nosa “cómoda vida” (p. 114).

Deixa un comentario!