Menu Xerais

O pulso da vida: «Galería de saldos» de Diego Giráldez. Crítica de Ramón Nicolás

O crítico Ramón Nicolás publicou no suplemento Fugas de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre o libro de relatos Galería de saldos, de Diego Giráldez.

 

A vida que non é de purpurina

Estréase co mo narrador con libro independente Diego Giráldez con Galería de saldos: unha proposta amarrada á actualidade e, ao mesmo tempo, orixinal en canto á súa estrutura e tonalidade.

            Giráldez articula unha construción literaria conformada por vinte e sete relatos curtos, dispostos desde a suxestión inicial de imaxes procedentes de diferentes movementos artísticos que van desde o rococó ata o  expresionismo, pasando polo orfismo, o construtivismo, a land art, o surrealismo, o neoplasticismo, o realismo social ou o modernismo entre outros e que nos explican como Falconet, Malevich, Seurat, Hopper, Caravaggio, Asorey ou o Greco tantas veces se coan na vida cotiá en forma de linguaxe publicitaria ou adoptando outras aparencias.

Todo isto para tratar unha serie de asuntos do máis heteroxéneo que recalan no amor, na morte ou nos sentimentos humanos máis abxectos e naqueles máis nobres. Hai aquí historias brillantes de soidades a través do que agochan obxectos comisados, hai cadros que serven para atacar o violador dunha muller, hai tamén xornalistas que contan desafiuzamentos…, mais non só neste libro aparecen perdedores,  tamén se retratan outros universos como o dos vellos, o dos adolescentes, o das casualidades que percorren a vida cotiá, o das necesidades básicas que non se cobren ou o dos oficios desgrazados…, todo por xunto a través dun estilo propio que bebe na metáfora e que non converte os relatos nunha recreación en si mesma. As altas doses de ironía, por veces esvarando cara ao sarcástico, resultan operativas para manter a distancia da man dunha voz narrativa nada aséptica que revela con enxeño e pulso propio que a vida, tantas veces, non “é de purpurina”.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!