Menu Xerais

O relato dos labregos: «Todo ser humano é un río», de Manuel Veiga. Información de Noelia Gómez

O xornal Sermos Galiza publicou unha información de Noelia Gómez sobre a presentación en Compostela da novela Todo ser humano é un río, de Manuel Veiga Taboada. (Foto: Natalia Porca / Sermos Galiza)

 

 

APRESENTACIÓN DE “TODO SER HUMANO É UN RÍO”

Manuel Veiga: «Facendo un libro descóbrense moitas cousas»

Na cuarta feira tivo lugar en Compostela a presentación de Todo ser humano é un río, de Manuel Veiga. A novela concibe o paso do tempo e a vida coma un río. Unha viaxe pola historia  da Galiza e dos seus labregos.

Ao redor das oito da tarde, Manuel Veiga -doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía, director de A Nosa Terra entre os anos 2007 e 2010 e colaborador habitual en Sermos Galiza- entrou na libraría Couceiro. Viña acompañado de Lourenzo Fernández Prieto, catedrático en Historia Agraria e Historia do século XX. Xuntáronse para presentar a nova criatura de Veiga: Todo o ser humano é un río.

O primeiro en intervir foi Prieto, quen comezou lembrando como coñeceu o autor. “Viñas de redactor de A Nosa Terra”, afirma. A emoción quixo saír dos libros da Couceiro e foi para alí: ás mans dos homes. De seguido explicou que o relato dominante do pasado dos galegos é unha das realidades reflectidas no traballo de Veiga. O relato dos labregos. O relato do atraso da Galiza que comezou sendo dos pobres e rematou converténdose no relato do poder.

Todo ser humano é un río é o libro de quen leva toda a vida tratando de entender un pasado. Un espazo adicado á Galiza en xeral, e aos labregos en concreto. A filosofía de Parménides tamén estivo alí presente.

Ao longo da coidada escrita de Veiga, destaca o tratamento da mocidade durante a transición, ben como o papel dos pazos e a relevancia que adquiren tres elementos: os desterrados, os apartados e os contrabandistas. Amais, cumpre engadir que as personaxes do libro son reais.

Por outra banda, descríbense as rúas de Monforte. Non obstante, o autor comenta que o seu obxectivo é que esas rúas sexan todas as rúas. É dicir, que o lector se identifique. “Ese é o obxectivo dun escritor”, afirma.

A educación e o coñecemento muda a nosa visión do mundo. A realidade que temos diante dos ollos é diferente segundo as lentes coas que miramos. As lentes é todo aquilo que fai que sexamos quen somos. Esta idea tamén aparece en Todo ser humano é un río. E, neste sentido, Veiga comenta que se trata dun libro colectivo. “Eu son do centro da cidade. Para min o monte era baleiro. Con todo, co coñecemento que obtiven o monte esta tan cheo como a rúa dunha cidade”.

Deixa un comentario!