Menu Xerais

Orellas, filloas e peliqueiros. Viva o entroido!

Chega o entroido, é tempo de orellas, filloas e peliqueiros e en Xerais recuperamos dous excelentes libros sobre este tempo tan de noso, con humor crítico e gastronomía. Miguel Vilas ofrécenos o xeito de cociñar e disfrutar do cocido, do lacón con grelos, da androlla, das filloas e freixós, das orellas de frade, das rosquillas, do tripón doce, etc. As mellores receitas! E Federico Cocho lévanos de xira e de visita, cun profundo coñecemento da nosa tradición cultural, polos entroidos máis significativos de Galicia: as máscaras da cultura rural, os Momos e Mecos, Os Felos de Maceda, os míticos Cigarróns, os Troiteiros de Bande, os rechamantes Xenerais do Ulla, os Merdeiros de Vigo, Peliqueiros, Pantallas, Tamborradas de Viana do Bolo, Foleiros de Sande, Marfois, Choqueiros, Zarrampallos, Madamas e Galáns de Cobres… Viva o entroido!

 

A cociña do Entroido e San Xoán

Miguel Vila Pernas

Entanto o tradicional entroido galego está en decadencia a favor dun carnaval unificado que nos transporta a celebracións afastadas da nosa cultura, a cociña do entroido conserva, por fortuna, todo o seu esplendor secular, de xeito que hoxe contamos cunha verdadeira cociña galega do entroido.Miguel Vila Pernas ofrécenos, con rigor e amenidade, un libro práctico que debulla a cociña do entroido (co porco como protagonista da mesa) e mais a cociña do San Xoán (evocada polas sardiñadas e os churrascos), pescudando na tradición e na cultura propias, sen esquecer as materias primas e ofrecendo un amplo receitario para cociñar, na casa os máis diversos pratos.Para o entroido: o cocido, o lacón con grelos, a androlla, as filloas e freixós, as orellas de frade, as rosquillas, o tripón doce, o bandullo, etc. E para o San Xoán: as sardiñas, cos seus diversos xeitos de preparalas (asadas, en escabeche, recheas, guisadas, rebzadas, cocidas con patacas, salgadas, en tortilla) e as receitas para a grella (churrascos, costelas, chourizos, polbo á grella, luras, paspallases, espetadas, cordeiro en brochetas, etc.).

 

 

 

O carnaval en Galicia

Federico Cocho

O carnaval en Galicia é unha rigorosa e amena monografía de Federico Cocho, con fotografías de Manuel G. Vicente, sobre o entroido. O carnaval, tempo que precede á Coresma no calendario tradicional, é a festa da transgresión e da burla, que é tamén purificación, parodia, rexoube na representación do mundo. As súas raíces afondan na memoria máis antiga da nosa cultura e, a pesar das prohibicións cíclicas ao longo da historia, rexorde cun pulo sorprendente. Este rigoroso traballo de campo leva ao lector a través das máis diversas e carnavalescas paisaxes da nosa xeografía: as máscaras da cultura rural, os Momos e Mecos, Os Felos de Maceda, os míticos Cigarróns, os Troiteiros de Bande, os rechamantes Xenerais do Ulla, os Merdeiros de Vigo, Peliqueiros, Pantallas, Tamborradas de Viana do Bolo, Foleiros de Sande, Marfois, Choqueiros, Zarrampallos, Madamas e Galáns de Cobres… E tamén a rica tradición do carnaval nas vilas e cidades: o Urco e o Ravachol de Pontevedra, os apropósitos coruñeses… Un libro que afonda na profunda significación da festa.

Deixa un comentario!