Menu Xerais

Presentación en Muxía de “Contos do mar de Irlanda” de Xurxo Souto

O sábado, 2 de abril, ás 19:30 horas, na Biblioteca Municipal de Muxía, terá lugar un novo espectáculo de “Océano para Terrícolas” no que Xurxo Souto presentará Contos do mar de Irlanda.

Un día Xurxo Souto sentiu unha terrible falta de ignorancia. Vive nunha cidade-barco, A Coruña, mais nunca ninguén lle tiña falado do mar.  Decidiu facer algo elemental: preguntar. E axiña apareceu o océano por todos os curruchos.  Desta descuberta xurdiu un libro, Contos do Mar de Irlanda. E tamén este espectáculo radicalmente interactivo, porque os asistentes coñecen e, inmediatamente cantan, pezas que naceron no Gran Sol e Terranova. Corpus sonoro da Galiza do mar que, por fin, comeza a arribar a porto.

Até o momento ten realizado unhas oitenta representacións por todo o país. Tamén en xeografías máis distantes como Lisboa, Bruxelas ou Barcelona.

Agora, con humildade e vehemencia, achégase esta capital dos océanos, para homenaxear a un dos grandes protagonistas do libro: Belarmino Trillo. Mariñeiro muxían, sabio das cousas de Irlanda, máis de vinte anos enrolado en barcos desta illa.

Todos os camiños de Galiza levan ao mar. E todos os camiños do mar levan a Muxía!

Deixa un comentario!