Menu Xerais

Queres participar como xurado nos Premios Xerais 2016?

Despois de tres décadas de protagonismo dos lectores e lectoras non profesionais nos xurados dos seus premios literarios, Xerais acordou continuar neste 2016 coa posibilidade de que participen neles aquelas persoas que así o desexen. Con esta intención, ábrese unha convocatoria para escoller tres persoas que formarán parte de cada un dos xurados da 33ª edición do Premio Xerais de novela, da 31ª do Premio Merlín de literatura infantil e da 8ª do Premio Jules Verne de literatura xuvenil.
Nesta convocatoria poderán participar todas aquelas persoas maiores de 18 anos e residentes en Galicia que antes do 11 de marzo de 2016 envíen ao correo xerais@xerais.gal un texto no que xustifiquen o seu interese por participar no xurado da súa preferencia. Nesta comunicación deben facer constar o seu nome, enderezo postal, teléfono, correo electrónico e calquera outro dato persoal que consideren de interese para a súa candidatura.
As persoas participantes comprométense a valorar os orixinais que sexan sometidos á súa consideración durante os meses de abril e maio de 2016, a asistir ás dúas reunións deliberativas convocadas pola editorial, así como a acudiren ao acto do ditame que se celebrará no curso da Festa Xerais o 4 de xuño. Do mesmo xeito, asumen que estas tarefas non serán retribuídas, declaran non ter relación familiar con ningunha das persoas concorrentes e comprométense a actuar de maneira confidencial sobre as lecturas, deliberacións e acordos nos que participen.

Foto: Reunión xurados Premios Xerais 2015

Deixa un comentario!