Menu Xerais

Ramón Nicolás: «O Medievo e a Galicia medieval son un pozo extraordinario de historias suxerentes»

O xornal La Voz de Galicia publicou unha entrevista de Maite RodríguezRamón Nicolás sobre a súa novela O espello do mundo. (Foto de Xoán Carlos Gil / La Voz de Galicia).

 

«O Medievo é un pozo de historias»

O autor vigués presenta en Ramirás unha novela situada no mosteiro de San Pedro

O desaparecido mosteiro de San Pedro de Ramirás -do que hoxe só queda a igrexa- é o espazo no que o escritor Ramón Nicolás (Vigo, 1966) sitúa a súa primeira novela, O espello do mundo (Xerais, 2016). Logo dunha ampla traxectoria como profesor, tradutor e crítico literario, o autor intérnase na narrativa para contar a historia do saber das mulleres abadesas do medievo galego. Ramón Nicolás presenta hoxe (20.30 horas) o libro no local social de Escudeiros (Ramirás) nun acto no que estará acompañado polo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, por Manuel Bragado, director de Xerais, e polos escritores e profesores Xoán Carlos Domínguez Alberte e Carlos Méndez.

-Aínda que ten traballos anteriores como ensaísta e crítico, esta é a súa primeira novela?

-Si. É a primeira novela, como texto narrativo longo. Hai xa bastantes anos publicara algún relato curto, nun libro que nalgunha medida está relacionado con este. Na biografía de Celso Emilio Ferreiro que publiquei hai catro anos facía un exercicio de ficción. Deses capítulos que ficcionalizaba sobre asuntos que lle puideron pasar a Celso Emilio vén esta novela.

-Por que escolleu o mosteiro de Ramirás para a historia?

-O entorno arredor do cal xira a intriga é mosteiro que houbo ao lado da igrexa de San Pedro de Ramirás. Hoxe non hai mosteiro, pero hai documentos que explican que foi un mosteiro feminino. A inspiración parte de aí. Nalgún sentido é unha reflexión sobre o que foi noso patrimonio e a súa desaparición.

-É unha novela histórica ou de ficción?

-Hai unha figura histórica, a monxa alemá Hildegarda von Bingen, e a outra é unha personaxe que sitúo no mosteiro, Ona Guiomar. Ese diálogo que establecen esas personaxes é histórico e o contexto que as rodea. Arredor diso hai unha intriga contemporánea, da man dun historiador ao que lle chegan, dun xeito un tanto fortuíto, unha serie de papeis, e a partir de aí empeza a investigar.Mestura unha intriga cunha parte máis puramente histórica.

-Por que personaxes femininas?

-Estaba obrigado porque o mosteiro de San Pedro foi un cenobio feminino, gobernado por unha ona, ou abadesa; reciben este nome só aí, é unha singularidade do galego-portugués da época. As personaxes femininas eran de regra porque poboaron ese mosteiro e gobernaban esas terras. A outra personaxe feminina, Hildegarda von Bingen, vén ao fío da propia Ona Guiomar. É contemporánea dela -falamos do século XII- unha persoa con moitos saberes no ámbito da protomedicina, da bioloxía ou da curación natural. Pareceume interesante poñelas a dialogar. A parte epistolar da novela está baseada nese diálogo entre as dúas mulleres.

-E lle dá esa capacidade intelectual porque tamén a tiñan nesa época medieval?

-Hildegarda von Bingen é unha destas grandes mulleres da historia. Posuía moitos saberes e publicou libros. Ona Guiomar establece un diálogo con ela para aprender e lle amosa realidades do seu entorno que non son tan distintas das que comenta Hildegarda.

-A linguaxe é actual ou remite á época medieval?

-Foi un exercicio que as cartas que se cruzan Hildegarda e Ona Guiomar tivesen na linguaxe un arrecendo da época, sobre todo nas fórmulas de tratamento, pero sen dificultade engadida. Está escrito en galego contemporáneo.

-Vostede é de Vigo. Cal é a ligazón con Ramirás?

-Vivo en Vigo pero teño unha residencia en Ramirás, en Escudeiros. Para min foi un descubrimento ese espazo natural e vivencial da Terra de Celanova. A novela xorde aí, cando descubro a igrexa e a historia do mosteiro de mulleres. Síntome fillo desas terras.

-Queda moito por descubrir desa Galicia medieval?

-O Medievo e a Galicia medieval son un pozo extraordinario de historias suxerentes para o presente.

-Ademais ten outra faceta, como membro da Fundación Celso Emilio Ferreiro. Que queda por saber del?

-En Celso Emilio non se ve o fondo. Hai aspectos por ser rescatados da súa obra: a súa prosa política, as colaboracións en revistas ou os textos en castelán.

Maite Rodríguez

Deixa un comentario!