Menu Xerais

Texto de Lucía Novas sobre «Os fillos da fame», de Ismael Ramos

O blog O triste Stephen publica o texto que escribiu Lucía Novas para a presentación do libro de poemas Os fillos da fame, de a Ismael Ramos, Premio de Poesía Johán Carballeira 2015.

 

 

na boca dos peixes, o cereal

[este texto foi lido por Lucía Novas na presentación do libro Os fillos da fame que tivo lugar o 10 de agosto no Estaleiro de Casqueiro]

Moitas agardabamos por este libro, despois de ir deglutindo pouco a pouco eses poemas de Ismael que foramos lendo ou escoitando, nos que brillaban pedras de poeta, ollomoles surrealistas e coitelos afiados. Quizais non sexa moi literal reproducindo as súas palabras poéticas, mais isto é parte das sensacións que producían en min eses textos que foramos coñecendo. E todo adobiado cunha maneira de recitar (aínda que el humildemente  escuse), que está ateigada de escamas e de perfís.

Os fillos da fame, galardoado co Johán Carballeira, supuxo un grande éxito da poesía publicada no 2016: rapidamente se esgotou a primeira edición e foi moi ben acollido pola crítica. Unha obra moi sinxela aparentemente, en canto á linguaxe, de fácil lectura, mais en realidade moi complexa e poliédrica, onde se agochan varios libros, como caixas chinesas.

Achamos, por unha banda, un texto de temática amorosa, de desexo, de descubrimento do amor no seu aspecto máis absoluto. A voz poética enceta o libro afirmando que casou co “fillo máis novo dunha familia feliz fronte ó mar”, e vainos expresando  a súa intimidade, o seu mergullamento neste mundo descoñecido dunha familia mariñeira, das súas relacións, dos seus vimbios psicolóxicos. Neste texto, para min o máis intenso, aparecen fragmentos líricos marabillosos, nos que se expresan as vivencias do amor e do desexo.

Mais atopamos tamén un libro dedicado ó mar, a unha vila mariñeira, coa súa socioloxía ligada a certas rutinas. Un espazo poético detrás do cal se albisca un lugar real: Cangas do Morrazo. Aparecen constantemente os areais, ateigados de nenos, a praia de Rodeira, cos versos de Celso Emilio dedicados a María Soliña; as conserveiras, os peixes, a praza de abastos…; xorde a cafetería Plantacións no poema de título homónimo e mergullámonos no seu ambiente; chegamos á vila no barco dende Vigo e vemos a brancura desta cidade dende lonxe; e, no fermoso texto que pecha o libro, atinximos Cabo Home, e redescubrimos sensacións: a inmensidade, o neboeiro, a intimidade do amor.

Por último, xorde un poemario de temática social, aínda que enfocado dende a perspectiva das relacións familiares e psicolóxicas: a “fame”, o cereal na boca dos peixes,a ausencia do pai mariñeiro, o sufrimento do neno, as camisas brancas, a figura da viúva, as conserveiras, a praza do peixe, a distancia do amor. Un libro de temática social nun ambiente onírico, irreal.

En canto ó estilo e á estética, achámonos con varios elementos que se entrelazan: a poesía do cotián, dos coitelos e os peixes, da casa, dos areais, do cuarto; poesía narrativa, que nos relata unha historia de amor como se fose un conto, cun punto naif; o simbolismo, intenso, marabilloso: o peixe, o cereal, e esas cores (o branco da casca do ovo e das camisas, da dor, o vermello do sangue, o azul…); un simbolismo enredado con tinturas surrealistas, con ese oso, eses leóns, as gaiolas, esas relacións e escenas propias dun soño, incluso desacougante, como un cadro de Magritte; a intertextualidade, que xa se albisca nas citas do comezo do libro, e que o mesmo autor confesa na última páxina, e sobre a que farei resaltar varias autoras e un autor coas que dende o meu punto de vista dialoga máis intensamente: María do Cebreiro, cuxo verso enceta o último e marabilloso poema (“Negar o azul é máis que nomealo”), Luisa Castro, con ese ambiente onírico , surreal e marítimo, con peixes e conservas, Xohana Torres, coas súas estacións ó mar, e o poeta anglosaxón John Ashbery, do que toma esa claridade e ollada sobre o cotián que agocha tanta plurisignificación; e a sinxeleza do estilo, a linguaxe depurada, a utilización dun verso que se converte case en poema en prosa.

E, para rematar, o meu poema favorito do libro: “Imaxina que houbese un león agora mesmo na cidade./ Salvaríame a adoración polo teu corpo de morrer/ devorado?”. Intensos e breves versos de desexo.

Lucía Novas

Deixa un comentario!