Menu Xerais

Texto de Malores Villanueva sobre «Os fillos da fame», de Ismael Ramos

O blog O triste Stephen publica o texto que escribiu Malores Villanueva para a presentación do libro de poemas Os fillos da fame, de a Ismael Ramos, Premio de Poesía Johán Carballeira 2015.

 

«Imos plantar unha cerdeira nova / temos que darlle esa alegría ó vento» de Malores Villanueva

[Este texto foi lido por Malores Villanueva na presentación do libro Os fillos da fame que tivo lugar o 15 de abril en Librouro]

Boa tarde a todos e a todas e grazas por abeirar a Ismael Ramos neste día de abril chuvioso. Din que Vigo é unha praza difícil, máis cando nin autor nin presentadora somos da cidade, pero Ismael ten a capacidade de mobilizar e así hoxe esta librería está chea de xente para presentarmos a segunda edición de Os fillos da fame, esgotada a primeira en menos dun mes. Poño o acento neste feito porque é realmente estraño nas nosas letras, vou máis alá, é estraño en calquera literatura. A poesía sempre é a gran esquecida das vendas e, polo mesmo, a gran esquecida das editoriais que lle fan un oco no seu catálogo con non poucas dificultades. Parabéns a Xerais por esta aposta que non é illada. E chega Ismael e rompe os esquemas e esgota a primeira edición en menos dun mes, e chega Ismael e remata as existencias de libros o primeiro día en Santiago, en Noia e nalgunhas librerías de Pontevedra, e chega Ismael e fainos vibrar coa súa poesía que é unha aposta temática anovadora e interesante. Así o recibiu o público que se achegou a este poemario sen necesidade da recomendación escolar que garante as vendas, algo que tanto obsesiona a este país. E chega Ismael e dinos que hai outros circuítos e di estou e veño a quedar, e iso sen dúbida reconcíliame con este país. No poema final Ismael di “Case non hai pobo, pero está aí”, agora creo que estaba agardándote Ismael.

Aceptei presentar Os fillos da fame moito antes de lelo, coa liberdade que me ofrece a amizade que temos, sabedor Ismael que se non me gustase diríallo, porque ademais el ten o poder de lerme sen necesidade de escoitarme. Cheguei a este poemario sen saber nada e confésovos que dende hai un mes lino compulsivamente e sempre descubro recantos que non visitara. Son filla dun patrón de pesca, neta dunha das poucas mulleres que foron ó mar, bisneta dun mariñeiro que morreu preto das Illas Cíes nun barco de carbón que naufragou nun temporal. Son todo iso que non é Ismael, que é fillo da montaña, e non obstante nos seus versos parece o contrario, quizais porque todos somos fillos da fame.

“Casei co fillo máis novo dunha familia feliz fronte o mar”, Ismael sitúanos máis que no mar na costa, dende a posición da familia. Esta liña temática espértalle unha gran curiosidade a Ismael Ramos non só neste poemario, tamén noutros poemas que ten publicados con anterioridade en Dorna ou na revista Grial. A familia é un eixo recorrente, pero aquí hai un desafío maior pois non é a súa familia, a do rapaz de terra adentro, ou a do de vila con mar que vive de costas a el, como acontece nalgunhas poboacións galegas. Esa podería ser a visión de Ismael, pero como se dun antropólogo se tratase analiza esoutra realidade que ata o momento ninguén achegou á literatura galega. Si hai poesía de mar, Manuel Antonio sempre na memoria, pero Ismael innova porque a súa non é unha poesía dende o mar e tampouco é unha poesía da paisaxe, case non hai barcos, nin ventos, nin hai léxico mariñeiro que abonda nos poemarios que se achegan ó mar. Tampouco hai un mar concreto, penso no Mar de Lira de Fernández Naval. En Os fillos do mar hai xente, hai un colectivo que se ve influído pola presenza inexorable do mar. Ismael Ramos non recrea estampas paisaxísticas como fai Cabanillas e tampouco pousa a súa vista en elementos concretos como á dorna ou penso na “Elexía d’a vella goleta” de Manuel Antonio. Ismael Ramos sitúase na posición da familia, do que senten, das experiencias do diario, das ausencias, das presenzas, do colectivo que vive abrazado polo mar e que ten unha posición diferente no mundo.

Neste poemario mestúranse diferentes sentimentos e todos van acompañados duns acordes que nos levan dun a outro poema. Hai moita música nas mulleres que enlatan peixe, nos bares, nos mariñeiros que asubían, hai música nos parágrafos que son estrofa, nas palabras dispostas con ritmo. Hai música no bar, porque nun poemario escrito á beira do mar parece que necesita dun bar, haino en De catro a catro, logo está a famosa tasca mariñeira de Bernardino Graña. Ismael tamén ten un bar, “Plantacións”, ese bar existe e alí Ismael escoitou unha historia que nos conta. A min lembroume uns versos de Méndez Ferrín, outro poeta de terra adentro que sentiu o mar, incluso creou un heterónimo Heriberto Bens, arousán da Proba do Deán. Ferrín é un dos autores dos que Ismael confesa influencia neste poemario, lembro estes versos de Estirpe (1994):

Daquela foi cando o patrón da lancha xeiteira

ordenoulle aos homes ciar todo de couso,

pero isto é unha estoria de arroaces insomnes

que inda non foi contada nas tabernas de Cangas

Entrementres

tatexan as paipas co ademán políglota das bandeiras

Ismael Ramos foi a unha taberna de Cangas a escoitar, a sentir, a tomar notas e contóunolo, como agardaba Méndez Ferrín Ferrín que alguén fixese. Deses cadernos  saen moitos poemas, do observar, desa mirada tan especial que profundiza nuns símbolos moi concretos e vai ata o final, ata aproximarse á verdade, ata tocala ou, cando menos, acariñala.

Impresióname a figura paterna: “Teu pai era un deus nun tempo de infieis”. O pai está moi presente neses homes ausentes do mar, neses homes que traen as mans cheas de peixes mortos e son capaces de acariciar (p.27). Son eses homes que durante un tempo nin sabes se os queres porque non están presentes e ensináronnos a querer na proximidade, no tacto, no contacto, pero a xente do mar aprende/aprendemos a querer na lonxanía e chegamos a amar sen corpo.

O tempo no mar cóntase en mareas e no día en que se vai ó peirao, quizais de aí a vaguidade da temporalidade nos poemas. Está a Pascua que sabe a laranxas e os días de reencontro de camisa branca, da camisa de recibir. Eu teño esa sensación aínda, miña nai vestíanos especialmente guapas cando viñamos buscar a meu pai, despois de sete meses, ó Berbés. No peirao todos luciamos ben e esa sensación de ver entrar o barco volvina experimentar lendo este poema, igual que a sensación dos reencontros nos aeroportos e das maletas que cheiran a salitre, alguén que viviu iso non o esquece.

E ás veces non hai eses reencontros (p.36) e ese tamén é o mar, que provoca dor e que fai viúvas. Neste poemario non se esquecen a esas mulleres fortes e cheas de medos, un dos sentimento máis valentes. Os homes de mar descóbrense como heroes ante nós, contan historias, falan doutros portos que non son os nosos, pero as mulleres constrúen a épica do cotián. Cando lía estes versos viña a min unha frase que non me esquece e que dicía miña bisavoa: ás mulleres viúvas ata as pedras dos camiños se tiran a elas. Ela era viúva, o mar devolvéralle o corpo do meu bisavó pasados os días, como di Ismael “Dixemos: a morte debe ter un lugar” e esa é unha cultura importante que se recolle neste poemario cunha delicadeza inusitada, tanto que doe, a min dóeme.

A perda dun fillo é unha dor intensa que se pon en escena sen grandes artificios, sen palabras potentes porque xa é suficientemente forte o sentimento que é quen de conter toda a imaxe. Paréceme un acerto esa limpeza que hai nos versos de Ismael, é unha verdade núa, que fire os ollos, que os atravesa sen roupaxes que interfiran na mirada. Pasamos deses nenos do primeiro poema que xogan na praia a facer piscinas, con xoguetes de cores vivas, que comen froita que lles dan as nais na area, a esa mesma area fría da noite na que descansan os corpos que devolve o mar. Somos quen de ver as miradas das nais ante os xogos infantís na praia e as miradas de dor ante a súa ausencia. Ismael non precisa ser explícito, non quere selo porque é capaz de transmitir toda a verdade con moi poucos elementos.

Camiñamos polo “territorio da ferida”. “A poesía é unha ferida sen coitelo” e certamente féresnos moitas veces con frases que se cravan, directas (p.41). Este poema podería ser actual, os pais que van ós aeroportos a despedir os seus fillos que traballan en Alemaña, no Reino Unido, esa emigración que se dá agora que non vestimos de negro, porque nos desprendemos do simbolismo externo, pero tamén é o amor no baleiro. Os fillos da fame ten máis dunha lectura, porque Ismael deixa moito espazo ó silencio e iso permítenos ir cubríndoo coas nosas propias lecturas e sentir ese silencio dende o propio. Considero que hai moito de social neste poemario, sen ser deliberadamente un poemario social, pero hai temas e sentimentos que traspasan ese momento que describe que ademais non é concreto. O silencio é moi difícil de xestionar, pero Ismael faino con mestría e está nos lugares nos que se agarda, onde unha palabra non achegaría máis que esa ausencia. “Por ti instrúome no silencio dese nome, no peso das flores”, Ismael instrúenos, esa é a palabra.

Dende que perdemos a inocencia vivimos na ditadura do sentido, todo ten que ter sentido, ten que cadrar, témolo que entender, haille que buscar unha explicación. Ismael consegue dende a inocencia deses nenos que xogan na area ata as mulleres que os perden no mar traspasarnos, non precisamos buscar o sentido de cada palabra, de cada imaxe, porque o sentimos e cando iso acontece é cando de verdade nos liberamos.

O último poema creo que abre un horizonte novo, Ismael anúncianos quizais que non volverá sobre este tema porque o antropólogo conseguiu o seu propósito, mergullarse na tribo ata entendela no máis profundo e o poeta bebeu dese coñecemento para facer uns versos que transmitisen o sentir do colectivo. Eu disfrutei moito da súa lectura, vouno seguir facendo porque sei que estes versos me acompañarán un tempo. Grazas Ismael pola festa, porque dende que saíu o poemario foi realmente unha celebración, unha celebración de que hai país para chegar, para emocionar. Hai un poema que me acompaña dende hai tempo e vouno traer aquí por tratarse de Avilés de Taramancos, poeta da túa Noia:

Imos plantar unha cerdeira nova

temos que darlle esa alegría ó vento

O tempo no espello (1992)

Iso é o que ti fixeches con estes versos Ismael e sei que non será unha cerdeira illada. Grazas novamente por querer compartir este día comigo, quero que saibas que dende este lado ou dende calquera outro non deixarei de aplaudir a boa poesía, a túa, que ten pegadas dos grandes autores da poesía galega e universal, de narradores, de ensaístas, porque Ismael é un lector voraz e un escritor veraz, Ismael bebe dos grandes para facer os seus versos aínda maiores. Oxalá soubese transmitirvos todo o que eu sinto cando abro as páxinas de Os fillos da fame, porque se foi así sei que recalarades nas súas páxinas pronto e sei que non vos vai defraudar a súa poesía, incluso se non estades afeitas a lela, só sentide, sen a escravitude do sentido sentiredes a alegría do vento.

Os mariñeiros da Arousa para desexar boa sorte teñen unha frase que me gusta e coa que eu quero rematar, Ismael que os ventos che sexan portantes!

Malores Villanueva

Deixa un comentario!