Menu Xerais

Un libro que é signo dos tempos: «Tempos de bebidas isotónicas e fast-food», de Álex Alonso. Anotación en Brétemas

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre a presentación do libro  Tempos de bebidas isotónicas e fast-food, de Álex Alonso, XVII Premio de Narrativa Curta Ánxel Fole.

 

 

«Tempos de bebidas isotónicas e fast-food» no Café Badía

XG00246601 (1)Visitamos onte o Café Badía, para min o máis xeitoso dos novos cafés literarios do país, para presentar Tempos de bebidas isotónicas e fast-food, o libro de relatos de Álex Alonso, gañador do premio Ánxel Fole 2015.  Foi unha gozada acompañar a Álex na conversa que mantivo con Marcos Calveiro, o noso xeneroso anfitirión.

Comezou Marcos lembrando que coñecera ao autor cando Álex traballaba de camareiro no Café Dublín de Vigo. Unha experiencia que para Calveiro facilita a capacidade para escoitar, onde quizais estea a razón de que a maioría dos contos do libro estean escritos en primeira persoa, cun rexistro lingüístico diferente e un galego moi vivo. Confesou Álex Alonso que para el «o barman é coma un periscopio, capaz de controlar cousas que as persoas que están doutro lado da barra non son conscientes. barman identifica a soidade da xente ou recibe confesións que os clientes non farian a ninguén». «En cada un dos relatos quixen poñerme no lugar do personaxe, do outro. Este é un exercicio moi positivo para todos, que permite comprender a quen é ou pensa diferente ca ti. Se nos puxéramos máis no lugar do outro, a sociedade será máis tolerante.»

Despois Marcos propuxo unha reflexión sobre o carácter urbano dun libro, que definiu como «político e indignado», onde semella desapareceu o mundo rural. Álex  desvelou que «os relatos están tirados de noticias de xornais que me chamaron a atención, coa intención de expresar a rabia sobre a situación de precariedade que vivimos, dende as preferentes á precariedade laboral, que se dan na cidade». Marcos salientou o carácter cinematográfico de moitos dos títulos dos relatos dun «libro no que se alterna o foco entre o humor e unha denuncia moi dura». Alonso confesou que os títulos lles saían moi rápido, «quizais por que vou sempre ao cinematógráfico». Con respecto á outra cuestión, o autor confesou que o seu primeiro libro, Xénero imperfecto,  no que abordaba o tema da violencia de xénero, «a algunha xente resultoulle moi duro». «Neste segundo quixen escribir relatos moi duros, pero tratei ir compensando. No libro aparecen os relatos ordenados tal como os fun escribindo, mesturando o humor, a parodia e a ironía duns coa dureza doutros.»

Calveiro abordou despois o papel sobranceiro das novas tecnoloxías no libro, onde hai críticas moi duras ás redes sociais. Entre sorrisos Álex confesou que «hai anos cría que Facebook era algo narcisista, mais agora o utilizo con frecuencia, a pesar de que son cosciente que estamos completamente idiotizados polo uso destas tecnoloxías das que penso hai que facer un uso máis racional». Marcos seguíu o fío dese nobelo e reiterou a preocupación de Álex pola diversidade de voces e pola autenticidade do galego, mais tamén «pola preocupación pola perda da linguaxe, pola escritura con xeroglíficos, pola vacuidade de moitas conversas». Alonso contestou que «hai unha involución no xeito de expresarse, provocada polo uso das linguaxes icónicas». «Sobre a cuestión do galego pretendín que os personaxes non se afastasen do seu rexistro, sobre todo para que non perdesen autenticidade nin credibilidade».

Rematou a conversas comentando o uso de palabras claves nalgúns relatos como «chinito», «balón medicinal», »la chica» e «terrorista». Ao respecto da última, Álex comentou que coñecera cando traballaba en Lugo a Antón Santos, a quen dedicou un relato no que «quixen salientar a desproporción coa que se abordan algúns destes casos». Pechou Marcos Calveiro agradecendo a Álex Alonso «un libro que é signo dos tempos, polo tanto unha homenaxe a Prince. Un libro claramente político».

Manuel Bragado

Deixa un comentario!