Menu Xerais

Unha gran lección: mentres hai vida, hai esperanza e futuro: «Nena e o mar», de Érica Esmoris. Crítica de Eulalia Agrelo

Eulalia Agrelo Costas publicou en El correo Gallego unha recensión crítica sobre a novela Nena e o mar, de Érica Esmoris, Premio Merlín de Literatura Infantil 2015, ilustrada por Dani Padrón.

 

Da decadencia á esperanza

En ‘Nena e o mar’, de Érica Esmorís, unha agoniante vila mariñeira revive grazas á intervención dunha valente pequena

Desde a súa aparición no ano 1986, o Premio Merlín de Literatura Infantil deixou tras de si un ronsel de obras de referencia por seren anovadoras nas súas temáticas e estratexias discursivas, de aí que se inclúan en diferentes seleccións e gocen do favor do público. Esta venturosa travesía é a que está a percorrer Nena e o mar, de Érica Esmorís (A Coruña, 1977), que foi galardoada na convocatoria de 2015 do premio de Edicións Xerais e que xa alcanzou a súa terceira edición. Isto non é de estrañar, pois esta coruñesa, que abandonou a profesión de veterinaria seducida polos encantos da creación, enrolouse na escrita desta historia fornecida dos aparellos apropiados para capturar preadolescentes ansiosos por morderen o anzol de textos máis complexos e substanciosos.

‘Nena e o mar’ articúlase en dezasete episodios salpicados polas atraentes ilustracións verde-azuladas de Dani Padrón (Ourense, 1983). O seu carácter de novela coral xustifica que os primeiros pasos narrativos se centren na descrición da decrépita vila mariñeira de Porto Balea, da que os seus lonxevos habitantes agardan indolentes a fin dos seus días. Un narrador heterodiexético desvela as historias persoais do calado mariñeiro Umu, da lapadoiras mestra Aia, da transgresora enfermeira Hannah, do fantasmagórico fareiro Noon… A todo este elenco de personaxes marcado por negativas experiencias oponse Nena quen, malia sentirse magoada pola orfandade materna, se deixa levar pola súa teimosía e se dispón ao imposible para salvar o seu pai Otto.

É neste intre cando Nena e o mar suca polas augas dos relatos marabillosos e a súa protagonista central actúa como unha destemida heroína disposta a iniciar unha arriscada misión, na que o amor e a solidariedade ecoan desde múltiples recantos. Dun xeito silandeiro, a apatía dos anciáns de Porto Balea transfórmase en compromiso e avituallan a Nena de todo o necesario, sen esquecer o elemento máxico representado polo dente de quenlla de Noon. É a partir de aquí cando ondean con máis intensidade as augas desta reescritura, xa que a chegada á Illa das Sereas, o rescate do pai e o asedio das pérfidas sereas sitúan nun estado de extrema inquietude os protagonistas e o lectorado.

O enfrontamento máis cruel está aínda por librarse, pero a actuación da colectividade determina que esta reescrita repleta de aventura e emoción, que nos fai lembrar o relato de “A serea da Illa Negra” de Agustín Fernández Paz, conclúa felizmente. Non todas as entortaduras do pasado se poderán remediar, aínda que, a través desta vivencia catártica, os homes e mulleres de Porto Balea libéranse dos seus traumas e conseguen pechar o círculo das historias encetadas nun inicio. Unha nena ben pequerrecha daralles unha gran lección: mentres hai vida, hai esperanza e futuro.

Eulalia Agrelo Costas

Deixa un comentario!