Menu Xerais

Unha novela para desfrutar: «O espello do mundo», de Ramón Nicolás. Artigo de Xosé Carlos Caneiro

O escritor Xosé Carlos Caneiro publicou un artigo en La Voz de Galicia no que fala da novela O espello do mundo, de Ramón Nicolás.

 

 

O espello e o saber

O oficio de crítico non é o máis recoñecido do mundo literario. Probablemente, tampouco é o máis grato. Cando o crítico adoita analizar a literatura dende a independencia de criterio non sempre encontra ao outro lado a comprensión dos seus interlocutores. Isto, en xeral. En particular, e falando da crítica galega, onde un debe escribir non só dende a razón senón tamén dende a asertividade, o oficio de crítico devén nunha sorte de altruísmo e xenerosidade que poucas veces se entende. Eu quero recoñecer neste recanto a un crítico en particular, Ramón Nicolás, que dende hai anos exerce o seu labor nestas páxinas compartidas. Un crítico que se tornou autor, novelista, con esta peza que acabo de degustar gorentosamente: «O espello do mundo». Imaxino os problemas de redacción. ¿Un crítico, cando crea, responde aos seus criterios como analista? Qué difícil labor o do crítico. Ausentarse tantas veces do gozo literario para aprehender as motivacións literarias dun texto. Deixar de ser lector feliz para se converter en especulador, instigador, procurador. Ramón Nicolás coloca un espello diante de si mesmo e transmúdase en novelista feliz. Feliz, este é o adxectivo acaído para esta novela. Que non é histórica, puidendo selo. Nin unha novela de xénero epistolar, aínda que tamén puidesemos considerar tal posibilidade. Nin unha novela de manuscritos perdidos e encontrados sobre os que xira a trama. É todo iso, e máis. Unha novela para desfrutar con goce estético e con curiosidade: porque o argumento fía episodios de modo maxistral para levar ao lector, inquedo e en desasosego, polas escasas duascentas páxinas desta obra. Esta é unha primeira gran novela. Aínda que o adxectivo resulta inxusto. Explícome: non hai primeira novela para un crítico literario, afeito aos centos de novelas que le no seu labor profesional e vocacional. Espero e desexo que os lectores galegos, tan distantes da crítica literaria, saiban recoñecer nesta obra a inmensa xenerosidade e talento de quen a escribiu. Escribir, para un crítico, é reescribir. (….)

Xosé Carlos Caneiro

Deixa un comentario!