Menu Xerais

Unha novela para que o lector non se despegue das súas páxinas: «A noite enriba», de Diego Ameixeiras. Reportaxe en Tempo de lecer

Tempo de lecer publicou unha entrevista con Diego Ameixeiras sobre a súa novela A noite enriba.

 

 

«A noite enriba» é o título da obra, que o autor presentou este xoves na Librería Internacional

Diego Ameixeiras homenaxea ao escritor estadounidense David Goodis na súa última novela

No acto participaron tamén o director da editorial Xerais, Manuel Bragado e a escritora Elisa Iglesias

O escritor Diego Ameixeiras (Lausanne, Suiza, 1976), presentou este xoves en Ourense a súa décima novela, A noite enriba, na que segue a súa liña literaria de novela negra e coa que pretende facer unha homenaxe a David Goodis, escritor estadounidense referente do xénero. O libro foi presentado na Librería Internacional, nun acto no que o autor estivo acompañado pola escritora Elisa Iglesias Gil e o director de Xerais, Manuel Bragado

Manuel Bragado, director da editorial Xerais, foi o primeiro en falar facendo un repaso pola prolífrica bibliografía do autor e facendo unha especial incidencia no ano 2006, ano no que o autor gañou coa novela Tres segundos de memoria o Premio Xerais, “momento a partires do cal Ameixeiras se consolida como narrador ata converterse no que penso que é un dos autores máis prolíficos e referentes do noso tempo”. Con respeto a A noite enriba, Bragado definiu a novela como “unha reflexión sobre a novela negra, na que se recoñece o estilo caracterísitico do autor pero no que tamén se aprecia certa volta de torca, de renovación do xénero, dando un paso máis adiante e que está a entusiasmar aos lectores”.

A escritora Elisa Iglesias tomou a palabra para desvelar o desvelable, algo máis da trama da novela, “que parte da figura de Ricardo Barros, un escritor que reside no barrio de O Couto, na cidade de Ourense, un Ourense lonxano a ese estereotipo de burgués e clasista, senón máis ben oscuro, onde se poden desenvolver calquera tipo de tramas. Barros está obsesionado co escritor estadounidense de novela negra David Goodis e sobre el está a escribir unha biografía que o levará por diferentes acontecementos e entrarán novos personaxes”.

O escritor David Googis

O autor do libro, Diego Ameixeiras presentou, antes de nada, ao escritor estadounidense David Goodis, un referente da novela negra durante os anos 40 e 50, “que dende o meu punto de vista é menos coñecido do que debería e ao que cheguei por casualidade, vendo unha película dos anos 40 detrás da que estaba este autor. Busquei máis títulos do escritor, tarefa nada fácil xa que a maioría están descatalogados, e funme sumerxindo na súa lectura e sentíndome identificado en certo modo con el”.

David Goodis aborda “un caracter máis humano nos seus personaxes, non ideaba grandes tramas nos seus libros, pero si que os seus protagonistas están nun momento da súa vida difícil, nunha situación persoal ao borde da asfixia, vivindo unha especie de última oportinidade… e a min gustoume ese universo.  E logo veu afondar na súa vida personal, a súa parte máis ‘social’ de películas, actores e actrices e de como deixa atrás ese mundo de glamour en Hollywood, por outro máis real en Filadelfia”.

E con esta base foi como Diego Ameixeiras deu comenzo a A noite enriba, cando un escritor decide escribir unha biografía novelada de David Goodis que leva ao protagonista dende Ourense a Filadelfia cunha narrativa na que hai saltos no tempo, homenaxes literarias, policías corruptos, traficantes… que farán que o lector non se despegue das súas páxinas.

“Escribir sempre é difícil”

A noite enriba é a décima novela de Diego Ameixeiras quen afirma que “escribir sempre é difícil, pero sempre tento facelo con oficio e coa maior honestidade posible. Tras dez novelas, recoñezo que a este libro lle aporto certo aire reflexivo, unha pequena recapitaulación das miñas obsesións como escritor. Estes anos como escritor fanlle pensar a un na cantidade de horas que lle bota á escrita, a eses momentos de soidade, pero tamén de plenitude que conleva este tipo de vida. E é algo que tamén reflexo na novela”.

Con respeto á novela negra, Ameixeiras comenta que “é un xénero literario que, en Galicia, estivo algo marxinado pola crítica máis académica, aínda que nos últimos anos foi ocupando o seu espacio, un espacio ao que non lle foi doado acceder debido ao predominio doutros xéneros literarios. A novela negra está a escribir o seu discurso propio e, aínda que hai un camiño por andar, ten voz propia e moita temática que tocar”.

Sinopse

 Un escritor obsesionado con David Goodis, un dos grandes narradores esquecidos da época dourada do xénero negro nos EEUU, emprende a súa obra máis ambiciosa: a redacción dunha biografía novelada do autor norteamericano, reivindicado durante décadas polos filósofos existencialistas franceses. O apoio e os consellos do seu editor e de Vicente Malone, un vello mestre da literatura popular, outórganlle os azos suficientes para acometer un proxecto no que debe concentrar toda a súa potencia creativa, mais axiña comezan a xurdir as dificultades.

Construída a través de múltiples elipses e saltos no tempo, A noite enriba preséntase como unha novela ateigada de homenaxes literarias que reflexiona sobre a propia actividade do escritor. Transita tamén, da man de policías corruptos ou traficantes de droga, por un orixinal itinerario narrativo que levará das rúas de Ourense á Filadelfia natal de David Goodis, cidade na que o atormentado protagonista desta historia tentará rematar a súa obra definitiva. Afondando no seu estilo depurado de tramas cruzadas e economía narrativa, Ameixeiras homenaxea en A noite enriba os autores clásicos do xénero das décadas de 1930 e 1940. Unha excepcional novela negra na que se reflexiona sobre os límites do xénero e da súa modernización radical.

Deixa un comentario!