Menu Xerais

Unha proposta cun sorriso doce: «O día que choveu do revés», de María Canosa e Dani Padrón. Anotación en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publicou unha anotación sobre o álbum ilustrado O día que choveu do revés, de María Canosa e Dani Padrón.

 

O día que choveu do revés

Volve María Canosa a agasallarnos cun sorriso doce cunha das súas propostas de lectura infantil, publicada desta volta por Xerais con ilustracións de Dani Padrón: O día que choveu do revés ten un protagonista moi particular: as nubes. Esas que ás veces miramos para descubrir as formas que adoptan, esas que ás veces chamamos porque as botamos de menos, esas que outras veces imploramos que marchen. Pois ben, desta volta temos unha nubes algo caprichosas que deciden baleirarse porque están molestas, e logo arrepíntense ao ver o desastre que veñen de provocar. Así de vulnerables son as nubes. Mais na súa bondade, logo de comprender a desfeita que veñen de provocar, son quen de tirar calquera cousa que poida ser precisa para a humanidade, unha vila asolagada que tenta sobrevivir e loitar contra os elementos. Uns elementos que tenden a man, porque natureza e humanidade poden convivir facilmente se existe o respecto mutuo.

Marabillosa conxunción de natureza e humanidade -con relevancia proposta dos libros-, nunha proposta orixinal que vén asolagada dunha potente fantasía mesturada con humor e optimismo. Gústame a chuvia, do dereito e do revés!

Deixa un comentario!