Menu Xerais

Unha xoia: «Lendo lendas, digo versos», de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa

O blog Vasoiras de xibarda publicou unha anotación sobre o libro Lendo lendas, digo versos de Antonio Reigosa e Antonio García Teijeiro, ilustrado por Xosé Cobas.

 

UNHA LENDA, UN POEMA, UN DESEÑO; UNHA LENDA, UN POEMA, UN DESEÑO; UNHA LENDA…

A idea é óptima. Antonio Reigosa, Antonio García Teijeiro e Xosé Cobas son os responsábeis dunha xoíña editada por Xerais a finais do ano pasado; trátase de Lendo lendas, digo versos.
A obra xorde da mestura de dous xéneros literarios: a narrativa inspirada na tradición oral e a poesía xestada a partir da narración; e mais da sociedade entre dúas artes, a literatura e a plástica. O resultado paga a pena.
Lendo lendas, digo versos resultará un libro fermoso en apreixándoo coas mans e fixármonos no seu feitío, coidado e elegante.
Citas de Bécquer e Eduardo Galeano visten o exterior do volume; sinais inequívocos da sensibilidade coa que se concibiu este produto literario que desde o primeiro momento contemplei como un bo fetiche para ritos de iniciación á lectura; penso en cerimonias destinadas a futuros adeptos de calquera idade.
Encontrámonos diante dun título confeccionado con tanto agarimo que apetece convertelo en obxecto de regalo para gañar amizades, mantelas vivas, ou incitar sinxelamente ao pracer de descifrar as crenzas dos que artellaron o país que nós gozamos, e sufrimos.
É esta unha fórmula para imitar, sen pudor ningún, sen medo a caer nun déjà vu lendario.
O experimento pode levarse a cabo con contos, con microrrelatos ou con calquera outra creación narrativa de dimensións moderadas.
A narrativa de Reigosa, a poesía de García Teijeiro e a plástica de Cobas veñen de crear unha fusión que debera sentar escola; polo ben da literatura galega e polo ben dun lectorado que sempre demostrou fidelidade a esa sección do noso patrimonio cultural inmaterial que ben deita da letra impresa para permanecer entre nós. A literatura oral -xa o temos dito- continúa a medrar grazas ás metamorfoses auspiciadas polo devir, mais aquela que inspirou a Risco, a Cunqueiro ou mesmo a Cela, mora na actualidade en libros coma Lendo lendas, digo versos.
Gocei especialmente lendo A cidade de Libunca e a Fonte de Laureana, mito onde o resón das Anas Louras do Valadouro (Ana, Xoana e Viviana), son evidentes, do mesmo xeito que son apreciábeis certas reminiscencias do coñecido conto xermánico da Branca de Neve.
Honremos a estes pioneiros tomando exemplo deste proxecto fermoso.

Deixa un comentario!