Menu Xerais

A escritora Ledicia Costas, Premio Lazarillo 2017

A escritora Ledicia Costas resultou gañadora onte do Premio Lazarillo de Creación Literaria 2017 que concede a OEPLI, Organización Española para el Libro Infantil e Xuvenil cunha novela presentada co título Plumas e unicornios, que publicará Xerais. O premio, elixido entre un total de 68 obras, foille concedidco ex aequo canda a obra No te muevas musaraña, de Rafael Salmerón. O xurado estivo integrado por Xosé Antonio Perozo, copresidente da OEPLI, e por Nuria Ranz, Montse Pena, Arantxa Bea e Idoia Etxegoien, en representación das catro seccións territoriais da OEPLI; actuou como Secretaria, sen voz nin voto, Ana Cendán, Secretaria Técnica da OEPLI.

A novela de Ledicia Costas está ambientada no Londres victoriano e ten unha marcada estética steampunk. Un dos seus personaxes principais é Ágata, unha humana mecánica, e o seu robot Tic-Tac, que emprenden unha viaxe para salvarlle a vida ao máxico León, o seu grande amigo, sen saber que tras eles vai Jack o Destripador. Trátase dunha novela coral, onde o amor convive con sentimentos tan desgarradores como o odio ou a vinganza. Segundo o xurado, o texto crea un universo de fantasía orixinal poboada de poderosos personaxes. Unha representación da loita do ben o o mal nunha obra literaria extremadamente coidada.

Ledicia Costas (Vigo, 1979) é avogada e dedícase en exclusiva á literatura. Neta dun inventor e filla de dous creadores de soños, escribe desde que ten memoria. Debutou na colección Fóra de Xogo coa novela “Unha estrela no vento” (Xerais 1999), obra escrita en plena adolescencia e que está traducida ao catalán. Na colección Abismos, xunto con outras 24 narradoras, publicou o relato “Negrita” no volume “Narradoras” (Xerais 2000). “O corazón de Xúpiter” (Xerais 2012) foi a súa segunda novela, e logo veu “Recinto Gris” (Xerais, 2014) e ”Un animal chamado néboa” (Xerais, 2015). En 2014 gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015 con “Escarlatina, a cociñeira defunta” (Xerais, 2014), en 2016 publicou “Esmeraldina, a pequena defunta” e “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta” Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2015. Neste 2017  publicou “A señorita Bubble” e “Os arquivos secretos de Escarlatina”, en colaboración co ilustrador Víctor Rivas. É poeta con alma de equilibrista, porque recita nos lugares máis propicios á caída: no autobús, no supermercado, nos bares, en tendas de conxelados… E debe ser por iso que forma parte do colectivo Poetas da Hostia. A súa obra poética está recollida en distintas publicacións colectivas. Individualmente publicou o poemario “Xardín de Inverno”.

Deixa un comentario!