Menu Xerais

«A señorita Bubble», de Ledicia Costas, encarna a necesidade de desafiar as convencións e cultivar o respecto á diferenza

O xornal La Voz de Galicia publicou unha reportaxe de Xesús Fraga sobre a novela A señorita Bubble, de Ledicia Costas, publicada na colección infantil Sopa de Libros.

 

Ledicia Costas reivindica en «A señorita Bubble» o papel da muller na ciencia

O libro aborda con humor os desafíos ás convencións e a necesidade de aceptar as diferenzas con maior tolerancia

Unha inventora que tanto embotella bágoas como fai medrar bastóns de caramelo que saben a ceo. É a protagonista do novo libro de Ledicia Costas (Vigo, 1979), A señorita Bubble (Xerais), unha muller que representa as dúas caras da excentricidade: ao mesmo tempo que engaiola coa súa personalidade e artefactos as irmás mozas Noa e Sofi, tamén é vista pola veciñanza con receo e mesmo xenreira. ¿Por que? «Porque é unha muller solteira, viste distinto, ten modais británicos e é un tanto estrafalaria», enumera a autora. A señorita Bubble encarna, xa que logo, a saudable necesidade de desafiar as convencións e os estereotipos e o máis necesario hábito de cultivar o respecto con quen é diferente.

A protagonista préstase a máis lecturas alén das estritamente narrativas. Co seu personaxe Ledicia Costas quixo «darlle unha volta a ese concepto, ese estereotipo do inventor home». A señorita Bubble reivindica o papel das mulleres na ciencia, tantas veces silenciado historicamente, e aínda hoxe descoñecido ou escamoteado recoñecementos.

Esa calidade extravagante da inventora -traducida a imaxes no libro por Andrés Meixide- achégaa a personaxes en coordenadas semellantes. O nome de Willy Wonka é o dos primeiros que acode ao maxín, pero Costas tamén cita a Eduardo Manstesoiras (outro personaxe da novela chámase Vincent en homenaxe ao creador do protagonista da película de Tim Burton): ambos, como a señorita Bubble, reclúense e prefiren vivir tranquilos, afastados dunha sociedade que os trata cunha mestura de desprezo e medo. No caso da peculiar científica, isto faise evidente en como a alcuman: de meiga a caníbal e comenenos.

O espírito de Roald Dahl tamén volve agromar en A señorita Bubble. Os adultos, por exemplo, non saen moi ben parados, e con razón, especialmente a directora e a bibliotecaria do colexio de Noa e Sofi, quen, malia os seus postos, aborrecen claramente a poboación infantil. As cativas, pola contra, son intelixentes, espelidas e dotadas dunha empatía da que carecen os maiores. Costas confirma que Dahl é unha das súas lecturas de toda a vida -«Matilda é un dos meus libros favoritos»- e que esas primeiras impresións, que se remontan á infancia e a adolescencia, tamén a marcaron como autora. Así, o humor preséntase como a mellor arma literaria para espir esas contradicións e miserias da vida cotiá e que parecen banais ata que se saen do rego e se volven con toda a súa virulencia contra persoas como Bubble. Precisamente Costas prefire a retranca ao sermón -«Eu non son ninguén para dar leccións»- e cre que unha historia divertida é un vehículo eficaz para reflectir valores, neste caso, a tolerancia coa diversidade.

O Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no 2015 permitiu a Costas deixar a avogacía e dedicarse por completo á escrita. «Se te vas dedicar á literatura profesionalmente tes que traballar sen parar e entregarlle todo o teu tempo», valora. O galardón gañoulle tempo, tranquilidade e seguridade, ademais de proxección, por exemplo, a través da tradución. O vindeiro ano aparecerán libros seus en coreano e mais en italiano. ¿Mellor entón as letras que as leis? «Infinitamente mellor. Non me arrepinto en absoluto».

Xesús Fraga

Deixa un comentario!