Menu Xerais

Agustín Fernández Paz, Manuel Rivas e Rosalía de Castro son os autores máis traducidos da literatura galega

Galicia Confidencial publicou unha reportaxe sobre o Catálogo da Tradución Galega, que funciona desde 2004 impulsado polo grupo Bitraga. Agustín Fernández Paz (con 116 traducións en 16 linguas), Manuel Rivas (89 traducións en 25 linguas) e Rosalía de Castro (33 traducións a 16 linguas).

 

 

Cales son os autores galegos máis traducidos a outras linguas?

As literaturas das comunidades con lingua propia (Cataluña, Galicia e País Vasco) comezan a espertar interese no exterior, segundo apuntan desde o grupo Bitraga

A tradución de literatura infantil e xuvenil xogou e aínda xoga un papel relevante no mercado de tradución ibérica, especialmente nas comunidades con lingua propia. “Este é un dos ámbitos nos que os fluxos de importación e exportación se nos presentan de modo equilibrado”, explica a profesora Iolanda Galanes, que fai fincapé en que desde o grupo Bitraga (responsable de idear e alimentar o Catálogo da Tradución Galega desde 2004) xa detectaran o marco ibérico como circuito preferente de exportación, da que son protagonistas autores como Agustín Fernández Paz (con 116 traducións en 16 linguas), Manuel Rivas (89 traducións en 25 linguas) e Rosalía de Castro (33 traducións a 16 linguas). 

Esta mesma tendencia tamén se observa para o éuscaro (a literatura éuscara tradúcese maioritariamente ao español, catalán, inglés e galego) e ten en Bernardo Atxaga, Unai Elorriaga e Mariasun Landa os seus principais valores. Pola contra a cultura catalá consolidou un circuíto de exportación literaria preferentemente europeo, pero encabezado igualmente pola traducción ao español, seguido do francés, alemán, inglés e italiano, e con Mercé Rododera, Ramon Llul e Quim Monzó como autores máis traducidos.

Son algunhas das conclusións que se recolle no libro “La tradución literaria. Nuevas investigaciones“, un volume colectivo de máis de 350 páxinas no que se fai un pormenorizado retrato do sector da tradución literaria en España no período 1980-2015. A obra foi realizada por Ana Luna, investigadora principal do grupo Bitraga e editora, xunto as profesoras Iolanda Galanes, Silvia Montero e Áurea Fernández.

Polo que se refire aos circuítos de importación recíbense, segundo recalcan no libro, obras das seguintes culturas: española/inglesa, francesa, alemá e italiana. Nestas traducións teñen unha gran presenza clásicos universais como Conan Doyle, Shakespeare, Allan Poe e Agatha Christie, ou máis contemporáneos como Paul Auster.

Situación da tradución galega

Polo que respecta á situación da tradución galega é, segundo as autoras, a dunha comunidade na que a tradución é importante en parámetros semellantes a comunidades co mesmo marco de regulación. “O volume absoluto de traducións presenta valores cuantitativos intermedios entre Cataluña e o País Vasco e con valores relativos máis semellantes á primeira”, subliñan dende Bitraga, ao tempo que explican que os circuítos de edición de traducións son compartidos, sendo o europeo preferente como fonte de traducións, e o ibérico como preferente para a literatura galega e éuscara.

“Se ben se seguen a importar moitas obras da cultura anglosaxona, nas últimas décadas danse a coñecer autores doutras literaturas que apenas se lían en España como a xaponesa e as literaturas nórdicas, principalmente polo crecente interese dos lectores máis novos afeccionados ao cómic e as novelas nórdicas”, recalca Ana Luna, que lembra tamén que o falecido profesor da Universidade de Vigo, José Antonio Fernández Romero (1931-2011) ― Premio Nacional de tradución por Antología de la poesía nórdica traducido conxuntamente co poeta e dramaturgo Francisco Javier Uriz Echeverría ―, foi pioneiro na tradución destas literaturas con Historias islandesas (1982).

Novo espertar para a literatura das comunidades con lingua propia

Outro dos feitos relevantes que pon sobre a mesa o libro é que as literaturas das comunidades con lingua propia analizadas (Cataluña, Galicia e País Vasco) comezan a espertar interese no exterior, algo que se produce logo dunha visibilización exterior desas culturas a través da súa literatura e que se acelera a partir do novo milenio. “Estas comunidades amplían exponencialmente o número de espazos co que entran en relación a través da tradución literaria e a partir de 2000 practicamente duplican o número de obras traducidas”, explica Galanes, que fai tamén fincapé en que este proceso de visibilización faise aínda máis evidente coa participación en feiras internacionais como é o caso da cultura catalá como invitada de honra na Feira de Frankfurt (2007) ou da cultura galega na da Habana (2008).

O libro reflicte tamén como a poesía e a obra dramática seguen a ser os xéneros menos cultivados e menos seguidos polo público en xeral e, polo tanto, son tamén os que menos ingresos ofrecen. Esta realidade faise sentir tanto na creación como na tradución e, segundo afirman os galegos María do Cebreiro e Manuel F. Vieites, autores dos dous capítulos do libro dedicados a afondar nesta temática, trátase fundamentalmente dunha cuestión de compromiso coa cultura.

Deixa un comentario!