Menu Xerais

Antía Otero: «É horrible que nas autoras o evento da súa escrita non se busque na súa escrita senón fóra dela»

Sermos Galiza publicou unha entrevista de Noelia Gómez a Antía Otero sobre o seu  libro de poemas O cuarto das abellas, de Antía Otero.

 

ANTÍA OTERO, POETA E EDITORA

«O rural non está en fase de desaparición, o rural morreu»

A poeta, editora e actriz, Antía Otero, vén de publicar ‘O cuarto das abellas’, o seu terceiro poemario, no que regresan ideas que xa se cocían nas obras anteriores. O rural, o feminismo, os sons, os cuartos, a presenza do cine e a arte son algúns dos trazos máis característicos da súa poética. O poemario está construído desde a consciencia e o zunido perpetuo das abellas como banda sonora.

- “As casas deixan cicatrices (ás veces invisibles) pero queiman”. Este é un dos primeiros poemas de ‘O cuarto das abellas’. Que hai detrás deses versos?
- Igual que ao mellor un non transitou nunca o que é a morte pero viviu moitas mortes ao longo da vida, as casas dalgunha maneira van deixando feridas. Non teñen porque ser cicatrices físicas nin estar asociado directamente co negativo. Teñen que ver con marcas. Como quen deixa marcas na codia dunha árbore. A casa como espazo incorporado no tránsito. A casa en ‘O cuarto das abellas’ é algo importante. É algo referencial como arquitectura e tamén a nivel simbólico.

- Falas da casa dos teus avós, mais tamén doutros espazos. Outros cuartos.
- A casa dos avós é importante neste libro. ‘O cuarto das abellas’ existe fisicamente pero até aí. Gustábame entrar no sentido da casa como orixe. A casa como matriz. E outros espazos. Todos os outros espazos que ao longo da vida imos sentindo como casas. É dicir, o cuarto de baño dun bar pola noite pode ser unha casa. As casas, os lugares de calma ou de protección que un vai creando e desenvolvendo ao longo da vida.

- “Foi aquel cuarto de teito alto”, dis. Explícanos a historia dese cuarto.
- Non hai unha historia concreta. O que hai é unha visibilización dun tipo de arquitectura que xa non existe. Xa non se constrúen casas con teitos altos. Era unha maneira de construír dun xeito cómodo e que tiveses aire por riba. No que a luz puidese entrar. Ese tipo de arquitectura xa non se fai. Vivimos máis que nunca como abellas en colmeas, pero houbo un tempo no que as arquitecturas era moito máis amables. Eses teitos fan mención aos teitos altos que están aí pero que de algunha maneira xa deixaron de existir. As cousas que hai nese poema, os recordos, as fotos da comuñón… son cousas que poden seguir existindo pero que de algunha maneira deixaron de existir.

- Nos libros anteriores xa estaban presentes as casas e os cuartos. En ‘(Retro)visor’ xa se intuían varios cuartos. Hai algún fío?
- Antía Marante, na presentación en Coruña, dixo que ela observa a nivel arquitectónico unha vontade de directora de cine nos meus textos. Sempre teño a idea de secuenciación do tempo. Do tempo físico e do tempo da escrita. Intentar crear unha liña temporal. En ‘(Retro)visor’ estaba moi marcado porque para min todo o libro era como se fose un gran plano secuencia. Aquí ao mellor non estivo marcado dunha maneira tan consciente, pero si a nivel de pasar dunha casa a outra. Dun cuarto a outro. Dun espazo a outro, aínda que ao final todos formen parte desa colmea que é un único espazo.

- Afondando nas palabras de Antía Marante, neste libro hai un “proxector ao fondo”, un “inicio do documental” e “secuencias”. A presenza do cine e da túa formación como historiadora da arte está de novo, como xa o estivera en ‘O son da xordeira’ e en ‘(Retro)visor’.
- Creo que é algo do que non me vou poder desfacer nunca. Porque dalgunha maneira conformou o filtro e a forma de mirar. Hai algo no cine que a min interésame moito, sendo unha arte do tempo. Creo que a escrita é unha arte do tempo. As luces e as sombras como parte dese tempo. O que se oculta e o que se desvela. Isto está moi presente no cine, na arte, na pintura, mais na poesía dunha maneira moi clara.

-Por que as abellas?
-Por varias razóns. Cada vez vou atopando máis. Unha é polo poder simbólico que teñen. A abella a nivel de construción social. A abella coa idea do traballo de ir a buscar fóra e traballar cara a dentro. A idea da abella como algo que está desde o principio dos tempos. Algo fundamental, sen o que incluso ecoloxicamente non nos manteriamos. Mais logo tamén a abella como un elemento salvaxe. Como un animal salvaxe como é a abella se converte nun animal doméstico en moitas casas, coma na miña casa materna. Esa idea de albergar á abella  até o punto que houbese un cuarto na casa que se chamase o cuarto das abellas. Logo hai algo na elaboración, a cantidade de pasos que a abella dá até que finalmente é unha esmelga e fai o mel. É como se estivesen en proceso continuo. Pero a abella tamén como elemento feminino.

- As abellas movendo as ás e unha imaxe que se repite ao longo do poemario. De feito, contra o comezo dis “non podo escribir sen as súas ás petando na parede”.
- Neste traballo houbo unha consciencia do son moi grande. A idea do son, ao igual que a idea do tempo, acompáñanme na escrita. En ‘O son da xordeira’ hai un ruído das máquinas que é un son xordo. En ‘O cuarto das abellas’ hai moitas referencias aos sons. Hai autores que escriben con bandas sonoras. Para min a banda sonora foi o zunido perpetuo das abellas como algo que non che da alento.

- O libro ábrese cunha cita de Sylvia Plath. Cal é a súa relación con ‘O cuarto das abellas’?
- Foi unha autora na que as abellas estiveron moi presentes. Ese fragmento do poema está sacado da súa obra ‘A filla do apicultor’. Interésame moito a disección do corpo de Sylvia Plath. A cantidade de Sylvia Plath que ao longo da historia a crítica foinos dando da autora, até o punto que chegou un momento no que a importancia da súa obra non estaba na obra, senón na súa vida. Hai un poema en ‘O cuarto das abellas’ -que é o que acompaña ao vídeopoema- que fala diso. Fala do abandono da escrita para que o evento estea noutro lugar. É algo horrible que nas autoras o evento da súa escrita non se busque na súa escrita senón fóra dela. E segue pasando.

- ‘O cuarto das abellas’ está dividido en 5 partes: Abellariza, Melisa, Formalina, Obreiras e A Esmelga. En todas elas a pegada feminista é importante. Sobre todo nas Obreiras.
- Aí recuperei algo que se avanzaba en ‘O son da xordeira’ que era unha mirada cara ao colectivo. Alí estaba centrado no colectivo das costureiras e aquí no colectivo das obreiras. En ‘(Retro)visor’ quizais perdín ese pulso, pero aquí recuperouse.  Non sei se se recuperou pola propia organización das abellas ou porque había un interese. Creo que había un interese por recuperar o traballo cara a colectividade.

- O feminismo tamén tiña protagonismo nos libros anteriores. En ‘O son da xordeira’, o teu primeiro poemario, dis “incrongruencia é dicir que a muller naceu da costela do primeiro home cando ela foi a que lle deu o ser”. Agora, en ‘O cuarto das abellas’, obsérvase, en concreto, no poema ‘Matronas veladas’, que lle dedicas a Dorés Tembrás. 
- O texto das matronas xurdiu a través dunha conversa na que Ana Abelenda nos xuntou a dialogar a Dores Tembrás, a Olalla Cociña e máis a min sobre a relación entre a literatura, a muller e a arte. De aí xurdiron unha serie de conversas entre nós e deume para escribir ese texto. Algo que falamos Dores e máis eu era sobre as mulleres que traballamos na literatura como autoras e editoras. O triplo traballo que hai que facer para moitas cousas. Para que che dean o lugar. Parece que non é un lugar que ti tes por dereitos, senón que cho teñen que dar. Iso paréceme terrible. De aí xurdiu ese poema, e tamén bebendo da idea das Guerrilla Girls. Ese colectivo de mulleres que nos anos 80 viron que nos museos a presenza das mulleres era sempre como obxecto. Non como autoras. Formaban parte das obras de arte como espidos que os homes pintaban. En relación con todos estes elementos xurdiu o texto.

- Agora que falas da túa faceta de editora, ‘O cuarto das abellas’ publicase cando ti observas todo desde outra perspectiva. Ademais de ser autora es editora. Cal é a maior diferenza que atopaches?
- Cando naceu o proxecto de escrita de ‘O cuarto das abellas’ Apiario aínda non estaba creado. Iso no proceso de escrita, non agora no proceso de edición. Pero de moitísima emoción. Sendo editora unha dáse conta do esforzo que se pon na creación dun libro. Pensaba estes días no que supón ser editora en relación a ser autora. Supón moitas cousas. Supón deixar de lado un espazo como autora, entregarte a outros autores en corpo e alma e namorarte dos textos de outros, tanto ou máis se os tiveses escrito ti. Iso é fantástico, porque para que un edite un texto por ese texto mata. Polo que sentir que outros editan os teus textos é como se entendeses moitas cousas. É moi fermoso.

- A natureza e o rural é outras das temáticas a destacar na túa poética. En ‘O son da xordeira’ había millo, campo e bolos de pan. Agora  dalgunha maneira regresan. 
- Para min hai algo que está pasando na natureza. Neste caso no entorno rural. O rural non está en fase de desaparición, o rural morreu. Polo menos tal e como o coñeciamos. En ‘O cuarto das abellas’ non quixen falar desde a dor. Quixen falar desde a consciencia. Está abandonado. E o abandono é salvaxe e duro. A emoción está no abandono, mais non xeremos drama disto. É así. A miña relación coa natureza non foi una visión contemplativa. Foi como de estar dentro e ser consciente. Había en ‘O son da xordeira’ un poema que falaba dos eucaliptos. Creo que aí xa comeza este deterioro. Aquí foi contado desde dentro.

-“A historia comeza xusto agora cando o sangue xa non ole ao néctar das paisaxes”, dis cara ao final da parte de Obreiras. Estes versos van nesa liña de morte do rural, non?
- Si, esa é a idea no fondo. Ten que ver co cambio de territorio. De óptica ante as cousas. O sangue é sangue e non está edulcorado, como o abandono non ten drama nin nostalxia. Todos os atributos que poidan ter esas palabras xa os teñen en si mesmas. Pero a paisaxe muda e iso non hai quen o cambie. Non volverá ser a que era. Sacáronnos as ferramentas mentres mirabamos o fume do incendio. Asumámolo.

- A Esmelga remata con ‘Non quixera morrer’, baseado na canción de Boris Vian. Mais a verdade é que ao longo de todo o poemario a música está presente dun xeito ou doutro. Refírome á linguaxe. Ao vibrar das palabras. 
- Fun consciente da caixa de resonancia entre as palabras. Como se para min entre as palabras houbese un roce. Unha chispa que xera tamén un son. Hai algo en relación aos sons e ao ritmo que me interesa. O que unha secuencia de ritmo xera con outra secuencia. Tamén está na palabra. A palabra como resonancia. É un libro que traballa entre o choque de elementos. O doméstico e o salvaxe está aí como choque. O íntimo e o colectivo tamén.

- Ademais non hai puntos para frear ese choque, como si que había en ‘O son da xordeira’. 
-Nese sentido está relacionado co que falabamos antes dos cuartos. Como esa liña temporal que vai unindo celas, aquí vai entrando dun cuarto a outro cuarto sen estar fragmentado.

- Tamén o estaba en (Retro)visor.
- Si, tamén.

- Este último poema, ‘Non quixera morrer’, é unha promesa á avoa.
- Ao comezo da entrevista falabamos das cicatrices como das mortes. Non é preciso que te fagas un corte físico para sentir unha cicatriz, como non é preciso que che morra alguén ou morras ti para sentir a morte. Este poema para min foi a escrita máis próxima que de momento teño cara a morte. Decateime de que ao mesmo tempo que en sentía que a casa, o rural e o lugar no que eu me criei morre dun xeito figurado e simbólico, non vivira a morte dunha maneira real. Os meus avós son persoas moi lonxevas e seguen vivindo. Ninguén na miña familia morreu. Non vivín esa morte no eido máis íntimo. Entón para min foi un achegamento á morte valéndome de Boris Vian. Creo que hai persoas que camiñan preto da morte pero que non lle teñen medo. Hai un texto de Boris Vian que se chama ‘Non quixera morrer’ no que fala de todas as cousas que quere facer antes de morrer. Tentei facer ese mesmo exercicio na miña realidade e rematar con esa oración á avoa -que de algunha maneira é a abella raíña da colmea- propoñéndolle que non a vas cagar. Será outra a casa que se xere. Outro lugar. Pero ti non a vas a cagar. É un falarlle á raíña da tribo.

Noelia Gómez

Deixa un comentario!