Menu Xerais

Elena Gallego Abad: «Os rapaces pensan que a maioría dos escritores morreron»

O xornal La Voz de Galicia publicou unha información de Ángel Palmou sobre a escritora Elena Gallego, e a súa serie Dragal.

 

«Os rapaces pensan que a maioría dos escritores morreron»

Elena Gallego Abad, autora da saga «Dragal», abriu en Baio a cuarta edición dun proxecto que xunta literatura e ensino

O que comezou coma un reto persoal da xornalista Elena Gallego Abad cun único lector como destinatario, o seu fillo, acabou por se converter nunha exitosa saga literaria fantástica, Dragal (Xerais), que tamén deu o salto ás aulas de ensino da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Fíxoo hai tres anos a través dun programa de encontros que permitiu a alumnos de diversos centros de toda Galicia entrar en contacto coa autora, e aos seus mestres, comprobar como a literatura, mesmo a fantástica, pode servir de canle para aprender en eidos tan diversos como a historia ou a toponimia.

A cuarta edición do Proxecto Dragal botou a andar este luns no instituto baiés Maximino Romero de Lema cun proveitoso encontro cun grupo de escolares da ESO no que Gallego relatou como foron os primeiros pasos das aventuras do seu dragón galego. «Conteilles os obxectivos da historia, como naceu a saga e os personaxes principais e logo presentei unhas proxeccións audiovisuais para que os rapaces poidan imaxinar algúns dos escenarios onde se desenvolven os libros, como unhas catacumbas», explicou a autora.

Gallego Abad, que foi entrevistada polos escolares baieses para o blog do centro, está convencida de que os libros son unha boa ferramenta para transmitir coñecementos e valores aos rapaces -«atenden doutro xeito ao que lles conta un personaxe de ficción»- e ve nesta faceta didáctica un premio engadido ao feito «marabilloso» que supón ter lectores que «se enganchan aos teus libros». A experiencia permitiulle ademais axudar a derrubar varios tópicos: «Con estas visitas descubrín que os rapaces pensaban que os escritores son xente inaccesible e que a maioría deles están mortos»; «descubrín tamén como en calquera lugar do mundo a historia dun dragón galego e de Galicia funciona», detalla.

Tras probar fortuna -tamén con éxito- na novela negra con Sete caveiras, Gallego Abad prepara xa o quinto volume de Dragal -o segundo da nova triloxía- e promete máis novidades. Seguen en marcha os plans para trasladar a saga ao mundo audiovisual, aínda que as cousas van con calma pola magnitude do proxecto, e en primavera publicará outra novela: «Escribir é un soño», explica para revelar que ten un cartafol repleto de ideas que poderían ser xerme de cadanseu novo libro.

Mentres esperan por máis material, os rapaces do instituto de Baio seguirán traballando con Dragal (que suma xa dez edicións). Nos próximos meses elaborarán un mural sobre a saga e máis adiante volveranse reencontrar co autora para participar nun xogo de rol no Pico Sacro xunto cos escolares dos outros cinco centros (de Santiago, Vila de Cruces, O Barco de Valdeorras, Cuntis e Castroverde) que participan este ano na iniciativa de Política Lingüística. Entón poderán deixar voar a súa imaxinación e acompañar nas súas aventuras ao dragón de Elena Gallego Abad.

Ángel Palmou

Deixa un comentario!