Menu Xerais

Eva Mejuto: «Impactoume o sufrimento das crianzas trans»

O xornal Sermos Galiza publicou unha entrevista de R. Castro á escritora Eva Mejuto sobre a súa novela 22 segundos.

 

EVA MEJUTO, ESCRITORA

«Impactoume o sufrimento das crianzas trans»

Coñecémola como a cara visible de Oqo e como autora de álbum ilustrado, pero Eva Mejuto deulle unha viraxe á súa vida para entrar no mundo da xestión cultural cun novo proxecto chamado Capicúa. Ademais, vén de publicar ’22 segundos’, a súa primeira novela xuvenil que aborda o tema da transexualidade e que presentará mañá cuarta feira na Casa da Luz de Pontevedra xunto cun dos rapaces que inspiraron a historia.

- Mañá, Día do Orgullo LGBTI, presentas ’22 segundos’. Por que o tema da transexualidade para a túa primeira novela xuvenil?
- Todo veu dunha reportaxe que vin en TVE, ‘El sexo sentido’, que falaba de crianzas de 3, 4 ou 5 anos cuxa identidade de xénero non se correspondía co sexo asignado. E a verdade é que foi moi conmovedor, impactoume o sufrimento das crianzas trans, o descoñecemento que temos, e como a a transexualidade estivo vista sempre desde a marxinalidade, ligada á prostitución, ás drogas e ao mundo da farándula, sempre desde unha perspectiva moi denigrada e tratada con moi pouco respecto. Esa reportaxe amosaba unha parte moi tenra e a partir de aí fun tirando do fío e… A verdade é que nunca exercín moito de xornalista pero algunha cousa sempre me quedou, aínda que me dediquei case toda a vida á literatura infantil e xuvenil, e pareceume unha boa oportunidade para mesturar os meus dous mundos, como achegar a unha realidade invisibilizada a un público mozo que a min, particularmente, é o que máis me interesa, porque son unhas idades onde está todo por construír. Para min a literatura nesas idades é superimportante, porque poden cambiar a túa visión do mundo. A min fixéronme moito ben na vida os libros nesa idade, nesas idades complexas con tradicións duras.

- Documentácheste con persoas reais.
- Si, a través do documental coñecín un cantautor  que se chama Viruta, que é un cantante trans madrileño, entrevisteime con el e a través del cheguei á asociación Arelas de familias trans. E a partir de aí puxéronme en contacto cun grupo de whatsapp de Galiza e varios  mozos  prestáronse a compartir comigo a súa vida e as súas cicatrices reais e as simbólicas. Quedei moi impactada e a partir deles creei o personaxe de Alex, que é un pouco todos e ningún. Para min foi fundamental ter ese contacto directo. Se non, moitas veces por ‘buenismo’ ou boa vontade  acabamos metendo a pata, así que tiven trato tanto con asociacións como con persoas trans.

- Alex, o protagonista, tivo moita sorte na vida.
- Si, está inspirado en boa medida nun rapaz de Cangas que se chama Marcos Ceive e que vai estar mañá na presentación. Boa parte das experiencias son del e sempre di que tivo moita sorte, porque non tivo excesivos problemas a pesar de estudar nun colexio de monxas. E ten unha personalidade tamén moi forte, e foi quen de enfrontarte con moita afouteza a todas as complicacións,  fundamentalmente con el mesmo, porque esa moitas veces é a parte máis complicada, aceptarse a un mesmo. A verdade é que o quixen afrontar en positivo, aínda que hai moitos casos de xente que se acabou suicidando, como Alan, aquel rapaz de Barcelona. Quixen dar esa mensaxe de que hai dificultades, pero que enfrontándonos á realidade é posible solucionalas, rachando o silencio, que é un pouco o que resume  o libro. O que non se fala non existe e é necesario romper con ese silencio porque cómpre visibilizarse para conseguir o respecto e a empatía dos demais.

- Ti defendes que a literatura serve para axudarnos a entender a vida. Sen embargo, saíron voces críticas que dicían que na cultura galega hai exceso de literatura de valores e defecto de literatura a secas. Como ex editora e escritora, que opinas?
- A literatura é certo que ten que estar ben contada: personaxes ben construídas, unha acción, unha trama, que sexa crible, etc. Iso é fundamental, pero iso non quere dicir que non poida ter outras características: pode servir para entreter, para evadirse, para inventar mundos que non existen… pero sempre serviu tamén -e para min sempre servirá- para coñecernos primeiramente a nós mesmos e logo o mundo que nos rodea. E para min ese debate é absurdo, porque unha cousa non está ‘reñida’ coa outra. Se unha historia está mal contada non funciona, porque non vai conseguir aquilo que se pretendía. Pero os valores son intrínsecos, ti cando contas unha historia contas tamén unha ideoloxía, uns valores… Estas historias de fantasía, Harry Potter, etc. non están exentas de valores, aínda que non estean tan evidentes. Tamén conlevan comportamentos e roles de xénero. Un libro ten que estar sempre ben construído, ten que ser estimulante, ten que retar á persoa que o le, pero iso non quere dicir que non poida levar consigo ideas, valores e ferramentas que che axuden a ter unha perspectiva crítica da sociedade para que aprendan a pensar por si mesmos.

- Esta é a túa primeira novela xuvenil, pero creo que tes máis proxectos na gaveta, o que quere dicir que chegas para quedar. Que nos podes contar dos teus vindeiros proxectos?
- Si que é certo que teño moitas historias gardadas e teño gana de contalas. A verdade é que hai aí unha historia escrita, só lle faltan unhas voltiñas, e tamén teño un proxecto para público mozo que ten que ver coa recuperación da memoria. Si que me gustaría falarlles aos rapaces de partes do noso pasado que penso que non están contadas de todo, non aparecen nos libros de historia oficial e probablemente eles xa non teñan contacto con xente que o viviu. Estou agora nun proceso de investigación de varias historias que van acontecer en distintas épocas. Basicamente acontecen en distintos momentos da historia do noso país, vai nesa liña do que me apetece escribir. Tamén ten que ver coa tese de doutoramento á que lle dediquei moitos anos, que vai da literatura infantil como ámbito para o testemuño, e supoño que iso me influiu moito á hora de analizar os libros infantís. E resulta que unha das cousas que descubrín nos álbums ilustrados é que había moitos máis libros sobre a II Guerra Mundial que da Guerra Civil. Logo aparecen libros de texto que din que Lorca morreu accidentalmente, así que paréceme importante contar a historia desde distintas perspectivas. Había unha profesora vasca que dicía que ás veces a ficción serve para encher os baleiros da historia oficial, e esa idea gustoume moito.

- Vas continuar a facer álbum ilustrado para crianzas ou quéreste asentar na narrativa xuvenil?
- Teño algún proxecto que quedou no caixón e supoño que nalgún momento se retomará, en función de moitas cousas, pero agora mesmo como estou tan enganchada con isto e estou indo aos institutos.  O contacto coa rapazada estame a resultar moi estimulante. Eu traballei con nenos moi pequenos durante moito tempo e considero que agora me toca estoutra parte.

- Aos adultos tes previsto meterlle o dente?
- Non o sei, sempre estiven tan vencellada ao eido infanto-xuvenil que se cadra non sei ver máis alá. Este é o mundo que máis me interesa e creo que aínda teño bastante que facer por aquí.

- Polo que vexo vés de ter un cambio profesional importante na túa vida: vés de publicar a tese de doutoramento e tamén abandonaches o ano pasado a dirección de Oqo. Como se abandona algo que ergueches co teu propio esforzo?
- Quixera matizar que Oqo era un proxecto colectivo, eu era parte dun grupo de xente, aínda que se cadra era a parte máis visible. Creo que hai etapas e momentos vitais que piden cousas distintas. Entón a min o corpo pedíame seguir no mundo da literatura e da xestión cultural, que é no que estou a traballar agora, pero desde outro lado. E penso que é interesante renovarse e seguir con proxectos novos e estimulantes para que nunca se perda o ánimo nin a ilusión. A min tocábame, non sei se foi polos 40 anos, pero si que foi unha necesidade vital. Tocaba un cambio, pero sempre en positivo. A idea é trasladar o aprendido, o experimentado e o vivido a outros ámbitos, coa cultura e cos libros, pero nun novo proxecto.

- Queres dedicarlle agora máis tempo á cuestión creativa?
- Si que me gustaría, pero vai depender do traballo, que non sei se hai moita xente que poida deixalo todo e dedicarse a escribir. Dou clase tamén nun Máster de Belas Artes, e tamén o mundo de investigación tamén me tira. Teño tantos campos abertos que teño que buscar tempo para dedicarlle á creación, pero teño ilusión, vontade e ganas -e penso que pulo- para facer cousas, así que mentres teña enerxía, dareille caña ao cerebro.

- Como creadora e ex editora, como ves a industria editorial galega, que parece que non despega?
- Unhas van e outras veñen. Eu veño de estar na pasada fin de semana na Festa dos Libros de Pontevedra e a verdade é que foi fantástico, con moito público, moitos libros, moitas librarías… Se cadra é unha illa, pero cando ves que hai lectorado, libros de calidade…. dá moito ánimo. Pero si que é certo que o sector leva pasando por unha etapa complicada máis tempo do que se debera. Houbo editoras e librarías que quedaron no camiño, e cunhas políticas públicas que non o fan demasiado ben, entón é complicado e duro, así que as editoras teñen que controlar bastante o que editan porque hai que minimizar riscos. Por iso é tan importante a literatura infantil e xuvenil, porque crearmos lectores novos é fundamental. Ou nos aseguramos que temos unha produción que atope un público ou a cousa complicase moito. Eu teño esperanza, pero co realismo de saber que o sector está a sufrir moito. Pero, por outra banda, hai creadores e creadoras fantásticas, un caldo de cultivo interesante e creo que fan falta iniciativas que unan esa produción literaria co público interesado, ademais de formar para que o resto do público se achegue, que hai moito reality na televisión e moita Internet, que ocupa tempo de máis, e esquecemos o importante que son os libros na nosa vida para conformármonos, para formar o noso pensamento e tamén para reflexionar. Hai que pararse neste mundo tan rápido. O tempo de parar, de poñerse a ler, de gozar e de pensar é algo que como sociedade temos que replantexarnos.

R. Castro

Deixa un comentario!