Menu Xerais

Eva Mejuto: «O tema da transexualidade sempre foi tratado dende unha perspectiva escura, dende a marxinalidade, ligándoa á prostitución»

O xornal Diario de Pontevedra publiou unha entrevista con Eva Mejuto sobre a súa novela 22 segundos.

 

Eva Mejuto: «Aínda quedan moitas cousas das que falar»

A primeira novela que trata o tema da transexualidade na literatura galega é obra da sanxenxina. A autora falará deste título, ’22 segundos’, no coloquio ‘Conversas orgullosas’, que terá lugar na Festa dos Libros de Pontevedra, un evento que este vernes se inaugura na Praza da Ferrería e polo que pasarán máis de medio cento de escritores

O que non se di é como se non existise”, escribe Eva Mejuto (Sanxenxo, 1975) no seu debut na narrativa xuvenil, 22 segundos. O título, do que falará o domingo (19.00 horas) na Festa dos Libros, que hoxe se inaugura na Praza da Ferrería, non só é a súa primeira novela, é tamén o primeiro volume no que se trata a temática transexual na literatura galega. Vinculada á edición infantil entre 1998 e 2016, primeiro en Kalandraka e despois en Oqo, Mejuto forma parte actualmente do proxecto de xestión cultural Capicúa.

Pasa do álbum infantil á narrativa para mozos.
Levaba tempo con ganas de escribir algo máis alá do álbum ilustrado. Escollín o público xuvenil porque me parece importante tratar na súa literatura temáticas como esta, que ata o de agora non foron tratadas de xeito explícito ou directo. Escollín dirixirme a estes lectores precisamente porque a súa é unha idade moi importante para formar conciencia crítica, para coñecer o mundo e para fomentar o respecto cara a diversidade, cara o outro.

A súa primeira novela é tamén a primeira que se achega á temática trans dun xeito directo na literatura galega.
É curioso, pero a temática da transexualidade sempre foi tratada dende unha perspectiva un tanto escura, dende a marxinalidade, ligándoa á prostitución, por exemplo. Pero eu quedei impactada despois de ver un documental en Televisión Española que se chama ‘El sexo sentido’, no que se fala de nenos trans e de como viven a súa condición dende que son moi pequenos. Decateime do enorme descoñecemento que temos desa realidade. Recoñecer a súa loita e o seu sufrimento conmoveume moito. Quixen contalo, quixen axudar a concienciar sobre esta realidade. Entre outras cousas, nese documental dábanse datos brutais, como que case o 70% destes nenos sofren bullying ou que os intentos de suicidio nese colectivo superan o 40%, cando na poboación xeral son dun 1%. Hai moita ignorancia sobre este tema e falta empatía. Non somos quen de poñernos na pel do outro. Eu creo que a literatura serve para moitas cousas, para entreterse, para desenvolver a imaxinación e a creatividade, pero tamén serve para axudarnos a entender a vida, para axudarnos a ter unha ollada crítica e aberta sobre o mundo.

Segundo a filósofa Judith Butler, o xénero non é algo que nos vén dado por natureza.
Iso é unha cuestión fundamental. En canto comecei a investigar sobre este tema atopeime con varios conceptos que tendemos a mesturar e confundir: un é o do sexo co que te identifican ao nacer, outro é o da túa identidade sexual e outro é o da túa orientación sexual. Son tres cousas moi diferentes. Por suposto, as tres cousas teñen que cinguirse á norma, que non se sabe ben quen marcou. Pero non é así. Porque somos seres complexos. Dío nun momento o protagonista da novela: “Do que non se fala é como se non existise”. Aí hai un problema. Hai que falar das cousas, visibilizalas e contribuír a entendelas e normalizalas.

Pero o propio día que se presentaron as actividades arredor do Día do Orgullo LGTBI en Pontevedra, que incluían charlas súas con mozos trans en distintos institutos, a concelleira Carme Fouces recoñecía que había centros que preferiran non participar.
Si, é así. Houbo centros, non só en Pontevedra, que non aceptaron a actividade. Eu percibo nalgúns casos un pouco de medo. É unha temática difícil que nos obriga a repensar moitas cousas. Sen embargo, precisamente por iso tratalo dende os propios centros de ensino é fundamental. Empezar a facer cousas como esta é moi importante. Os primeiros pasos sempre son difíciles e o que hai probablemente é unha barreira psicolóxica, pero con este tipo de iniciativas pensamos que se abre un camiño.

Vostede falou con rapaces transexuais para escribir este libro.
O meu é un texto literario inventado, pero que ten moito dos rapaces cos que me entrevistei. No libro hai moito das historias reais que coñecín, por exemplo, a de Marcos Ceive, que me contou como foi a súa experiencia de xeito moi xeneroso. Á fin e ao cabo o que fas aí é abrir o peito e mostrar as túas cicatrices. Grazas a Marcos puiden construír o personaxe central da historia. Eu quería que fose alguén real, non caer en tópicos, en lugares comúns, aos que ás veces acabas recorrendo, aínda sen mala idea, se non contas cunha fonte directa.

A súa novela demostra que hai moitos temas aínda por tocar na literatura galega?
Non sei se faltan tantos temas por tocar, que tamén, como olladas. Hai moitas olladas que fai falta ir incorporando. Poñamos por caso a feminista. Non é que non haxa mulleres na literatura galega, hainas, pero, como noutras literaturas, é imprescindible que o que se incorpore sexa a ollada feminista. Hai que propoñer novas formas de ollar, novas perspectivas. Pero si, é necesario falar de moitas cousas, porque aínda non se tocaron ou porque se tocaron moi por enriba.

        Eva Mejuto

Deixa un comentario!