Menu Xerais

María Canosa: «’Muriel’ naceu da necesidade de espir os sentimentos, ao calado, en voz baixa»

O xornal La Voz de Galicia publicou unha información de Patricia Blanco sobre  a novela infantil Muriel, de María Canosa, ilustrada por Lucía Cobo, Premio Merlín de Literatura Infantil 2017.

 

«Muriel», o premio Merlín de María Canosa, xa na rúa

O libro leva, ademais, unha dedicatoria especial: «Para Ana, bolboreta de luz»

Muriel, con esas ilustracións tan especiais de Lucía Cobo, con esas páxinas dondas de pasar, é unha desas obras para ler mainiño de noite, antes de durmir, antes de soñar, sendo un neno ou non tan neno. Muriel é a obra coa que María Canosa (Cee, 1978)gañou este ano o Premio Merlín, convocado por Xerais, na categoría de literatura infantil. Xa está na rúa, xa se pode mercar a primeira edición, dende este mes de outubro.

«Naceu da necesidade de dar voz á sinxeleza e á complexidade simultánea de espir os sentimentos, ao calado, en voz baixa. Do mesmo xeito que fala o amor, a ledicia e a tristura. Con Muriel destaco a combinación de fraxilidade e fortaleza dos que están tocados pola sensibilidade, os mesmos que se atreven a soñar…». Deste xeito falaba a propia autora sobre a obra nunha entrevista en La Voz, o pasado mes de xuño, logo de saberse galardoada. Levaba catro anos sendo finalista do Premio Merlín, e por fin puido ser. Foi como quitar unha espiña, foi un broche de ouro a un 2016 con oito obras editadas e máis dunha trintena escritas ao longo da súa longa carreira como escritora, dende que era nena. María Canosa é tamén enxeñeira de Camiños e articulista de La Voz. O galardón Merlín, é, xa que logo, un recoñecemento moi importante para aqueles que escriben literatura infantil.

«A Muriel custáballe prender no sono, botaba de menos as conversas coa avoa e o tempo que pasaban xuntos. E os seus contos e os seus pasteis. E as súas limoadas. E os seus bicos máxicos que curaban calquera dor. E as súas bufandas. E a dose exacta de mel que había que botar na cunca (…)». Así se presenta unha para explorar, desas que teñen un arrecendo especial. O libro leva, ademais, unha dedicatoria especial: «Para Ana, bolboreta de luz». Algo máis de 180 páxinas, e catorce capítulos, para soñar.

Patricia Blanco

Deixa un comentario!