Menu Xerais

O brillo da paixón: «Un mundo de palabras», de Agustín Fernández Paz. Crítica de Diana Pastoriza

O blog Palabras de man ao corazón, de Diana Pastoriza, publicou unha recensión sobre o libro Un mundo de palabras, de Agustín Fernández Paz.

Words in Books: Un mundo de palabras

Un mundo de palabras (2017) foi o título escollido anos atrás por Agustín Fernández Paz para recompilar os traballos que dedicou á lectura. Como apunta Isabel Soto no limiar, o libro é “o legado dun lector”. Está dividido en dous bloques: “un primeiro máis subxectivo que aborda “dende a vivencia íntima, convertida en relato biográfico, a súa memoria de lector” (p.8); e un segundo, desde a perspectiva do docente, que se centra no fomento da lectura na educación primaria e secundaria, cun enfoque máis teórico e obxectivo.
Sabemos que pode resultar difícil que a rapazada/mocidade aparte tempo para ler (e desexe facelo). Abundan as distraccións “electrónicas”, e para moitos ler é sinónimo da monotonía de facer tarefas escolares. A motivación para ler ten que partir dun interese persoal e dun desexo de facer unha actividade placenteira. Non pode ser unha obriga.  Ese principio subxace todos os artigos do libro de Fernández Paz, que a min me lembrou moitísimo aos comentarios doutro sabio, Xabier P. Docampo,  na súa intervención no XIII Simposio O libro e a lectura: Ler para comprender o mundo (do que xa vos falei aquí) “Ler na escola. O risco de prender lume“. Dicía Docampo que a lectura non é só un pasatempo, nin un xeito de adquirir coñecementos, senón que se parece máis que outra cousa a falar só, pois permítenos atopar o que o texto que lemos nos di de nós mesmos. Recordaba que nunha escola a lectura é proveitosa cando se aprende a ler ben, comprometendo a subxectividade do individuo. E indicaba que a verdadeira campaña de animación á lectura pasa por ter PROFESORADO LECTOR. Se nós como docentes non lemos, como vai ler o noso alumnado?
Aí radica o brillo do volume de Agustín Fernández Paz. Percíbese en cada artigo, en cada parágrafo, a paixón dun lector que devece pola palabra, e que desexa compartir eses mundos verbais cos demais. Un volume que debería estar en todas as nosas bibliotecas escolares e que debería ser de lectura obrigada para docentes.
“Abre as portas e entra. Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo fío de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca” (p.19)
“Os libros: ríos de palabras que se nos ofrecen con xenerosidade para axudarnos a aprender o oficio de vivir, para cambiarnos a vida e implicármonos na transformación do mundo” (p.21)
“Beber soños, beber historias. Unha necesidade que temos todas as persoas, unha ansia que non nos abandona nunca” (p.28)
“… os coñecidos versos de Borges: “Que otros se jacten de las páginas que han escrito; / a mí me enorgullecen las que he leído” (p.35)
Punto cero de José Ángel Valente
SÉ TÚ MI LÍMITE
Tu cuerpo puede
llenar mi vida,
como puede tu risa
volar el muro opaco
de la tristeza.
Una sola palabra tuya quiebra
la ciega soledad en mil pedazos.
Si tú acercas tu boca inagotable
hasta la mía bebo
sin cesar la raíz de mi propia existencia.
Per tú ignoras cuánto
la cercanía de tu cuerpo
me hace vivir o cuánto
su distancia me aleja de mí mismo,
me reduce a la sombra.
Tú estás, ligera y encendida,
como una antorcha ardiente
en la mitad del mundo.
No te alejes jamás.
                                   Los hondos movimientos
de tu naturaleza son
mi sola ley.
                                   Retenme.
Sé tú mi límite.
Y yo la imagen
de mí, feliz, que tú me has dado (pp.43, 44)
“… porque a verdade é máis forte ca ningunha outra cousa, máis luminosa ca o día, máis terrible ca un furacán” (p.51)
“O papel que os profesores podemos xogar na creación e consolidación do gusto pola lectura é moi importante. Só hai que abrir un libro que conteña un texto poderoso e ler en alta voz. Non se precisa máis nada, todo é tan sinxelo como beber auga” (p.59)
“Porque todos sabemos que unha persoa que domina os mecanismos da lingua, que coñece o valor exacto das palabras, que é capaz de falar/ler/escribir desde a súa verdade e expresala con claridade e rigor, será sempre unha persoa crítica e creativa, capaz de utilizar plenamente as súas capacidades de expresión/comunicación nunha sociedade libre e democrática” (p.64)
“Dicía Johan Huizinga que “a poesía e o último reduto onde o xogo conserva toda a súa identidade e presenza” (p.79)
“O papel que o profesorado pode xogar na creación e consolidación do gusto pola lectura é moi importante. Un labor no que todo é moito máis doado do que parece, porque só se trata de crear no centro un ambiente que favoreza a lectura. Un ambiente que se crea coa posta en marcha dun variado abano de actuacións…” (p.94)
“A min paréceme magnífico este recoñecemento oficial. Creo que o traballo coa lectura nas aulas debe ocupar un lugar central e que non pode ser nunca algo subordinado, unha adherencia á que só se lle dedican algúns momentos puntuais do horario docente”(p.97)
“Por esta razón, parece moito máis idóneo, á hora de confeccionar unha proposta de lectura, ofrecerlles unha “carta” tan variada e xenerosa coma a do mellor restaurante. Unha carta na que se teñen que conxugar varios criterios, para atender precisamente esa variedade de intereses e de gustos, e para que cada alumno atope nela libros adecuados á súa competencia literaria e libros que lle propoñan outras fronteiras temáticas e formais que contribúan a abrirlle perspectivas novas e complexas” (p.101)
“Para min, os libros valiosos son os que teñen vida, aqueles capaces de suscitar en quen os le unha mirada nova, distinta, intensa, sobre as persoas e a sociedade” (p.114)
O segredo está en motivar, entusiasmar, contaxiar o gusto pola lectura. Algo que, necesariamente, debe facerse con “libros que fan lectores”, eses títulos que teñen demostradas a súa calidade e a súa eficacia” (p.138)
“A expansión das tecnoloxías da información e da comunicación fai aínda máis urxente esta formación lectora, pois a lectura na rede esixe, cada vez máis, un modelo de lector capaz de discriminar e valorar a inxente cantidade de textos de todo tipo que contén”(p.143)

Deixa un comentario!