Menu Xerais

Perseguir unha palabra soñada: liberdade. «A hora de espertarmos xuntos», de Kirmen Uribe. Crítica en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publicou unha anotación sobre a novela A hora de espertarmos xuntos, de Kirmen Uribe.

 

A hora de espertarmos xuntos

Veño de ler con paixón e aprendizaxe este libro que vos recomendo encarecidamente: A hora de espertarmos xuntos de Kirmen Uribe publicado por Xerais. A partir cun cadro do pintor Antonio Gezala téceseo libro no que o propio autor cobra voz para nos indicar que realiza unha investigación sobre as persoas retratadas nese cadro, involucrándose así persoalmente na historia, facendo que a novela sexa máis real porque dende o primeiro momento o autor indícanos que o que temos nas mans é o produto da súa investigación persoal, case un personaxe máis que nos explica con detalle os pasos que foi seguindo para averiguar canto nos quere contar e as lagoas que quedaron sen resolver, mesmo as súas propias suposicións nalgúns momentos. De aí que ficción e realidade se mesturen sabiamente, ata o punto de non sabermos cando espertar para contemplar a verdade ou cando mergullarnos no mundo novelístico e ficticio das súas páxinas. Aínda así, nos momentos de datos eu aprendín moito sobre a historia do pobo vasco. Son cicuenta anos de historia as que nos ofrece, sempre dende o seu punto de vista, claro está. Sobre estes anos pesa a longa sombra da guerra civil e a ditadura fascista que se vinga e impón, que mata e castiga por pensar, por falar, diferente.

Ritmo pausado para amosar a vida dos protagonistas, voltas e reviravoltas da vida que sofren, aman e resisten ao abeiro dun gran amor: o da terra e o da linga, que se agochan baixo unha palabra soñada: liberdade.

Deixa un comentario!