Menu Xerais

Poemario delicado e intenso: «Poemar o mar», de Antonio García Teijeiro. Artigo de Xoán Carlos Domínguez Alberte

Sermos Galiza publicou un artigo de Xoán Carlos Domínguez Alberte sobre o libro Poemar o mardo escritor Antonio García Teijeiro, que foi Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017.

 

Poemar o mar

O escritor Antonio García Teixeiro recibe neste 2017 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil pola súa obra Poemar o mar. Trátase dun galardón, outorgado polo español ministerio de Cultura, á considerada mellor obra escrita en calquera dos idiomas oficiais do Estado.

 Engádese este, logo, ao ronsel de títulos, dentro da dita categoría, merecentes deste recoñecemento escritos na nosa lingua: (1986) Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín; (1995) Cando petan na porta pola noite, de Xabier Docampo; (1996) O misterio dos fillos de Lúa, de Fina Casalderrey; (2008) O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz; (2015) Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas.

 A singularidade do volume comentado, alén da distinción de seu que supón o premio, é que é o primeiro título poético en galego que obtén este mérito. Esta feliz nova serve ademais para recoñecer, xa dende un ámbito internacional, a dilatada traxectoria dun escritor que leva décadas de dedicación e entusiasmo a ofrecer un tan coidado coma necesario discurso poético para a nosa xente máis nova.

Levarlles a poesía aos cativos, achegarlles a musicalidade auténtica da lingua aos máis pequenos. Ofrecerlles palabras nosas coas que xogar e aprender os primeiros pasos no nacente da vida. Zugar cos beizos o celme do envoltorio do papel do poema nas aulas.

 É esta unha obra na que se establece un diálogo intenso e fecundo coa natureza. Nela unha caixa de alquimia ponlle rumbo ao leme da singradura de Manuel Antonio, no ronsel dos versos do capitán Neruda, deica aportar, coma Paco Souto, no espazo marabilloso de poetas e navegantes: “PERDÉRONSE uns mariñeiros,/quizais no ventre do mar./Din que están cunhas sereas/nunha cova de cristal”.

 Poemario delicado e intenso —enriquecido con fermosas ilustracións de Xan López Domínguez—, o cromatismo dos sentidos mergúllase coas voces salgadas dos soños. Versos en barcarolas que serven para arrolar a tenrura deica ao infinito.

 O poder do acto creativo por veces establece unha longa travesía en soidade que representa a mesma afirmación da propia identidade: “Din que o neno era algo raro/porque falaba co mar,/pero o barco que o levaba/ninguén o viu naufragar”.

 En un querendo, a enerxía das ondas crea remuíños de voces que lle abren novas dimensións positivas ao horizonte: “ATOPEI/unha palabra/que rima/co sorriso do mar:/sorrimar”.

 Xoán Carlos Domínguez Alberte

Deixa un comentario!