Menu Xerais

Tensión amorosa de alta voltaxe: «O xogo de Babel», de Elena Gallego Abad. Crítica de David González

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre a novela O xogo de Babel, de Elena Gallego Abad.

 

 

Elena Gallego Abad, O xogo de Babel

Elena Gallego é unha das autoras máis recoñecidas da literatura galega actual no eido da fantasía. A saga de Dragal conquista cada ano a milleiros de lectores e a calidade das súas historias e mundos e sorprendente. Sen embargo, o meu primeiro contacto con esta autora ven de Sete Caveiras, unha novela negra e policial que recomendo a todo amante do xénero. Esa toma de contacto tan doce foi o que me convenceu para achegarme a O xogo de Babel, e o resultado non foi o agardado.

A nova publicación da autora prodúceme un cúmulo de sensacións distintas dende o propio inicio. A autora vende moi caro o pacto ficcional que propón ó lector dende o comezo, xa que temos unha relación a cegas que ten un proceso de maduración excesivamente rápido para aceptarse con facilidade, non polo tempo senón polo tratamento do mesmo. Partindo desta base non é preciso dicir que dende o primeiro momento non crin na relación e que o comportamento de Pandora e de Babel paréceme moi discutible, rozando moitas veces a toxicidade.

Un feixe de bolboretas etéreas cobrou vida no ventre de Patricia.

Compartir un secreto cun descoñecido?

A estudante releu a mensaxe varias veces, antes de decidirse.

E por que non? (páx.15)

Vas facer o amor cun estraño?

Patricia conseguiu afastarse do lume que a mantiña prisioneira.

- Por favor, así non. Non podo- rexeitou.

A sorpresa reflectiuse no rostro do seu acompañante.

- Que acontece?

A moza aproveitou a ocasión para desprenderse da aperta, buscando espazo para respirar.

-Non podo. Eu….- fuxiu.

Afastouse do home mais non foi capaz de liberarse da súa ollada interrogante. [...]

- Non sei que fixen mal pero prégoche que me disculpes – murmurou-. Eu pensaba que ti… que nós… (páx. 50)

 Pese a todo o que isto me disgusta, vexo que a intención da autora era crear esa tensión tan destructiva entre ambos personaxes polo que algúns momentos que non me parecen adecuados responden a esa tentativa. A toxicidade é voluntaria pero a resistencia e crítica á mesma é feble por parte da propia Patricia.

Tenme moito coidadiño, Patricia, porque estás a namorárte del… Si, xa sabemos que estabas toliña polo seu avatar, ese Babel que durante meses che escribiu correos fermosos, pero… Pero este é un home de carne  e óso e a cousa estase poñendo seria de máis. Recoñéceo: polo camiño que levas, vásteme botar a perder. (páx. 72)

Sen embargo, a grata sorpresa aparece cando comeza a viaxe no cruceiro (esquezámonos neste momento da relación que o provoca), xa que a autora fainos un percorrido por distintas cidades que logra recrear con facilidade. Elena Gallego consegue crear atmosferas con moi poucas pinceladas, o que demostra a súa calidade como narradora.

Como remate da visita permitíronlles o acceso aos museos arqueolóxicos que naquel momento existían en Sabratha, un deles dedicado a albergar restos púnicos e outro, con achados romanos. Nas súas escangalladas instalacións amoreábanse esculturas, mosaicos, frescos e outras obras de arte das distintas épocas que se atoparan durante as excavacións do incrible xacemento, xa daquela abandonadas. (páx. 74)

Teño que destacar que o desenlace da novela é moi sorprendente, cargado de ironía tráxica, e conecta moi ben as pezas que a autora disemina polo texto. A estrutura de flashbacks e flashforwards funciona bastante ben, aínda que se pode traballar moito mellor, e dota a novela dunha incertidume que a relación amorosa non logrou crear. Tamén me parece moi loable a introdución de aspectos que xa poden considerarse “enxebres” para moitos dos lectores como o comunicación por correo electrónico e a inexistencia de smartphones que dean todos os datos que os personaxes precisan en cada momento.

Como conclusión, O xogo de Babel é unha novela que crece bastante coas páxinas e que se o lector conecta ben coas relacións entre personaxes pode gozar dunha tensión amorosa de alto voltaxe. Se non o consegue, outros aspectos da novela poden facer que a lectura poda ser moito máis levadeira e divertida.

Sinopse:
«Pandora é o perigo; Babel, a confusión. O noso amor non ten futuro.»Ou si?Atreveríaste a acudir a unha cita a cegas?Un cruceiro polo Mediterráneo, Tunisia, Libia, Malta… Uns ollos de cor verde intensa, coma o mar en días de temporal… E Patricia, agora casada co profesor que un día dirixiu a súa frustrada tese de doutoramento, que descobre na pequena filla Mencía a pegada dun amor esquecido que regresa para atormentala. Alén dunha simple aventura, “O xogo de Babel” traza, desde os distintos puntos de vista e circunstancias dos protagonistas, un intenso triángulo amoroso complicado pola fidelidade debida a unha antiga amizade que, desde a infancia, une marido e amante.

David González Domínguez

Deixa un comentario!