Menu Xerais

Un clásico da literatura xuvenil galega: «Conta saldada», de Suso de Toro. Crítica de David González

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre a novela Conta saldada, de Suso de Toro.

 

 

Suso de Toro, Conta saldada

En 1996 Suso de Toro publicaba a novela “Conta Saldada” na editorial Obradoiro, sendo esta unha das súas novelas máis interesantes para o público xuvenil. Traducida a varias linguas e sempre cun éxito razoable de público, Xerais reedita a novela na colección Fóra de Xogo como  preludio a publicación da próxima novela do autor.

Conta saldada é unha novela moi peculiar na que se combinan distintos xéneros sen caer nunha mestura ilexible. O onirismo, os fantasmas, as referencias literarias, os problemas da adolescencia, os resultados do tráfico de estupefacientes e o desexo da vinganza máis hamletiano dan lugar a un produto digno de comentario. Unha publicación que permite unha lectura moi áxil e agradable para calquera momento libre neste verán

Os personaxes son a priori antitéticos. Suso de Toro aproveita a súa construción para criticar de forma subxacente a diferencia de clase social e os desequilibrios que a economía pode causar na sociedade. Catuxa e a nena ben, filla duns pais que permítenlle todo o que está na súas mans (e veremos que aínda máis). Xermán é un rapaz que coñece as leis non escritas da rúa, que non ten as facilidades que ten Catuxa para encaixar e que experimenta a necesidade de loitar contra as adversidades con calquera arma, cuestionable  moralmente ou non. Sen embargo ambos forman unha parella na que ambos se inflúen e esquecen as súas diferencias, incluso o seu contacto produce un avance moito maior cara a madurez.

Non cabe dúbida que esta novela é unha homenaxe a Hamlet explícita. Catuxa ten contacto co seu pai morto en forma de fantasma na súa oficina, situada no alto do edificio non creo que de casualidade, e este confésalle quen foi o seu asasino e o que ten que facer para vingalo. A lectura do Hamlet de Shakespeare funciona en Catuxa como unha inspiración que moitas veces critica. Incluso nesta novela a nosa protagonista ten momentos de reflexión que na obra de Shakespeare poderemos atopar en verso.

Para min tamén foi duro, supoño que todo o mundo pensa que os seus pais non van morrer ata que sexan vellos e xa non nos fan falta porque un xa é un adulto e tal. O caso é que eu acababa de aprender no meu coiro que non, que calquera persoa, e os teus pais tamén, poden morrer a calquera idade. E sen mediar enfermidade, nin aviso nin nada, así, zas!. E alá vai. Por suposto, aprender estas cousas fortes da vida é duro e doloroso. (páx. 11)

Non esquece o autor referencias máis exactas a propia literatura en galego, algunhas máis agochadas na súa prosa e outras explícitas no propio discurso.

Os seus pés tropezaron na caveira de goma, tomouna de mal xenio e mandouna para atrás. Non puiden menos que sorrir, <<pobre Yorick>>. Acordeime tamén da narración de Castelao Un ollo de vidro en que os esqueletos xogaban ao fútbol coa caveira dun rapaz. (páx. 189)

Respecto do estilo hai moi pouco que dicir. A narrativa do autor é de sobra coñecida e sempre está caracterizada pola súa autonomía e marcas propias, outorgando os personaxes a súa propia linguaxe e introducindo distintos narradores en función das necesidades. As descricións na novela non son moi habituais pero nelas podemos observar a intención do autor de crear unha narrativa moi visual na que os lectores podan recrear con facilidade os escenarios de cada acción.

Pasei, apartei un Marca do sofá do tresillo e senteime a agardar. Había unha foto de voda daquela muller cando era máis nova e un home de pelo negro liso e brillante ollos grises azulados cunha sobrecella mesta que ía dun extremo a outro da fronte. Sorrían os dous. [...] No sofá do tresillo había ciscados unha bolsa de plástico cun labor de gancho, un Hola, uns rulos de plástico, prospectos de propaganda das ofertas dun hipermercado, un trapo engurrado que ben podía ser un pano de man usado, aínda que quizais era una braga… Na mesiña baixa de falso mármore situada entre o sofá e a tele había dous mandos a distancia sobre un tapete en cuxo centro campaba un froiteiro con froitas de plástico e unha boneca Barbie no medio. (páx. 54)

É unha agradable sorpresa atoparse de novo con este xa clásico da literatura xuvenil galega nas librarías. Agardo que os que non tivechedes ocasión de achegarvos a el o fagades canto antes.

Sinopse:

Catuxa fala co fantasma do seu pai despois de que morrera no despacho da súa xestoría, probablemente asasinado por un cliente violento que se dedicaba ao narcotráfico. O fantasma encárgalle que lle entregue a Xermán, de quen lle di que é o seu medio irmán e do que Catuxa nada sabía, unha importante cantidade de cartos se colabora con ela na descuberta do autor do crime.”Conta saldada” iníciase como unha historia de fantasmas, desenvolvéndose como unha novela trepidante de intriga e acción na que dous rapaces de ambientes sociais moi diferentes asumen os riscos de desentrañar as misteriosas circunstancias da morte do pai, nunha indagación onde tamén mudarán os seus sentimentos ás portas da idade adulta. Este feito, aparecido de improviso nas súas vidas, levaraos a descubrir, como no Hamlet de Shakespeare, que quizais ningún dos dous é como pensaba ser e que deben tomar decisións.

David González Domínguez

Deixa un comentario!