Menu Xerais

Unha novela de recordanza homérica: «Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro», de Xosé Mª Lema. Crítica de Pepe Carballude

O escritor Pepe Carballude publicou na revista Grial nº 125 unha crítica literaria sobre a novela Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, de Xosé Mª Lema. O autor da novela reprodúcea no seu blog.

 

Costa do Solpor, unha novela de recordanza homérica

    O verán é tempo de gozar da familia, dos amigos, lo lecer, das festas e tamén da lectura vagarosa. Para o verán déixanse a mantenta os libros longos que precisan de maior concentración, aqueles quemesmo reclaman o día enteiro, mañá e tarde. Ás veces mesmo a noite. Este é o caso de Costa do Solpor [3], de Xosé Mª Lema, doutor en Historia da Arte, profesor xubilado, presidente do SEMESCOM (Seminario de Estudos da Costa da Morte) e traballador incansable na defensa da conservación do rico patrimonio do Finis Terrae romano.
           Costa do Solpor é un libro de peso. Non só polas máis de catrocentas páxinas desta edición xuvenil para a colección Fóra de Xogo (a primeira tiña máis de 650), senón tamén pola historia que conta. Nunha ocasión pregunteille a Torrente Ballester con qué libro quedaría de todos os que lera na súa vida e respondeu que escollía a Odisea, un libro fantástico, de viaxes, de lendas, de aventuras e, sobre todo, un libro onde o mar é un personaxe máis. ¡Que mágoa que xa non viva don Gonzalo! ¡Canto gozaría hoxe lendo Costa do Solpor! Aquí tamén hai fantasía a embute: unha meiga, a descendente dunha serea, furnas, lendas e tradicións ancestrais… Por iso resulta unha lectura amena, por veces engaiolante, que chega a lembrar a literatura homérica.
            Especialmente homérica é a figura do pegureiro Chavián. Garda as ovellas con tres cans chamados: ComatíComamín e Nonchodigo. Lémbrese que o astuto Ulises lle dixo ó xigante Polifemo que el se chamaba Ninguén. De aí que, cando ficou cego e pedía axuda a seus irmáns, lles dicía que o cegara Ninguén. Eles, por suposto, non lle fixeron caso.
            Amais dos cans, o Chavían herdou de seu pai, un náufrago inglés que ficou na aldea e casou con súa nai, a estraña habilidade de falar coas pedras. Cando fai os valados de protección das ovellas, pon as pedras na orella para escoitar o sitio que elas lle piden. Naturalmente para iso precisa que zoe o vento, canto máis mellor. Tamén na Odisea Eolo, o deus do vento, xoga un papel importante axudando a Neptuno, pai do xigante Polifemo, á hora de vingar a cegueira do fillo. En Costa do Solpor o vento axuda sempre, non só a poñer as pedras no lugar atinado, senón actuando de aliado necesario no desenlace final. “…de súpeto levantouse unha fortísima ventada afuracanada que nos empezou a empuxar polas costas cunha forza do demo. En canto sentiu o zoar, o Chavián encoraxounos a berros:
            -¡Axiña, camaradas: o vento vén na nosa axuda!”
            Homérico así mesmo é a anagnórise do Chavián, o recoñecemento de quen é realmente. Igual que na Odisea. Aquel farrapento que pide probar sorte na competición de arco coa que os pretendentes tentaban conseguir a man da raíña non era quen parecía, un vello decrépito e apoucado, senón o propio rei de Ítaca, que partira á guerra e que regresaba á casa. Aquí tampouco. Chavián non é un simple coidador de ovellas, fillo dunha aldeá e dun náufrago inglés. Non desvelo máis.
            Non se pode finalizar sen falar da lingua. Non se trata unicamente dunha novela ben escrita, cun idioma puro, que sabe a noso. É algo máis. Trátase dunha obra de lexicógrafo, que manexa a lingua coma ninguén, os ditos e os dicires, os refráns e modismos do lugar. Así a señora Andrea, nai do Chavián, cando relata o tráxico naufraxio do marido Alfred, exprésase en lingua fisterrá tal coma se fose gravada nunha cinta (‘nuite’, ‘fui’, ‘muita’, ‘consentino’, ‘deno’, ‘falén’…) Por certo, Alfred, igual que Ulises, sentía paixón polo mar e ollaba para el todos os días desde o monte da Vela ou baixaba ó areal onde viñeran recalar os cadáveres dos compañeiros.
            En fin, Costa do Solpor é unha novela de estirpe, un canto á Costa da Morte, unha homenaxe literaria ás súas xentes e ás tradicións, á súa historia, ó mar, ás lendas, ós mitos, ó idioma… Un monumento de palabras que, como dicía o poeta Ovidio, sobrevivirá no tempo.

Xosé Mª Lema

Deixa un comentario!