Menu Xerais

Unha novela necesaria: «22 segundos», de Eva Mejuto. Crítica de David González

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre a novela 22 segundos, de Eva Mejuto.

 

Recensión: Eva Mejuto, «22 segundos»

Dentro da semana mundial do orgullo LGTBI non hai mellor forma de falar dun tema necesario no mundo actual que non sexa a través da literatura. 22 segundos é unha proposta pioneira na LIX galega para falar ós xóvenes da transexualidade e da necesidade de visibilizar esta elección como unha tan válida e socialmente aceptada como calquera outra.

 Eva Mejuto mostra a evolución do protagonista de Ánxela a Álex, que non soamente supón un cambio dun xénero imposto ó desexado, senon unha busca da liberdade dende a infancia dunha “nena” que nunca quixo selo. Mediante o uso dunha primeira persoa, escolla fantástica, coñecemos os pensamentos e preocupacións de Álex, que dende a súa infancia séntese distinto das rapazas que coñece, e que sufre todo tipo de discriminacións por ser muller en ámbitos que semellan tan pouco importantes coma xogar no patio, pero que son definitorios na formación dunha personalidade.

 A novela está chea de enunciados moi certeros que colaboran moitísmo no calado da mensaxe. Non se pode ignorar a intención didáctica que hai nesta ficción pero non por iso a desvirtúa, xa que a novela responde a unha estructura moi forte e non deixa ningunha incógnita por resolver, nin personaxes por desmenuzar.

—Querer ser coma o rabaño é de covardes, Adeliña. O que hai que tentar, sempre, é ser un mesmo ou unha mesma, con todas as letras. Se lles gusta aos demais, perfecto. E se non, pois tamén. (páx. 48)

—Vouche dicir algo, sempre vai haber quen non nos queira, que non nos acepte, pero nós non temos que vivir para esa xente, temos que vivir para nós. Ti o único que tes que saber é quen es e que queres. A min dáme igual ter neto ou neta, chamarte dun xeito ou doutro. Eu o que quero é saber que es unha boa persoa e que es feliz, que es quen de loitar polo que queres. (páx. 93)

 O avó é o personaxe máis importante da novela na miña opinión. Tanto na infancia como na adolescencia de Álex, como na súa presencia ou ausencia na vida do rapaz, cumple a función dun lugar simbólico e propio onde pode el acudir para ser quen é. O avó é o suxeito da maior parte das secuencias máis simbólicas da novela e considero que o cambio de Ánxela a Álex non se daría se non fose por él.

 Como comentario negativo, sorprende un pouco a aceptación que recibe este cambio por parte de case todo o mundo, sobre todo nunha etapa tan complexa como é a adolescencia. É dicir, Álex pelexa máis consigo mesmo que co seu entorno. Non nos equivoquemos, é unha ledicia inmensa ver unha historia onde a aceptación tanto de amigos, familiares, e incluso dunha parella, é case total. Por desgraza temos que entender que a autora, representa un caso que non ilustra a actitude máis habitual da sociedade; amosa máis a conducta que “debería ser” que a que “é”.

 Este libro pola súa brevidade, a prosa sinxela e directa e a brevidade dos capítulos constitúe unha lectura moi entretida e que un pode ler nunha sentada. Unha novela necesaria para ilustrar tanto a xóvenes coma adultos sobre temas tan importantes como que a sexualidade e o xénero son formas de liberdade e que estar contra elas é unha forma de opresión.

Sinopse:

O que non se di é coma se non existise, afirmara o avó un día, e xa ía sendo hora de existir. Ata ese momento só vivira de portas para dentro. Agora xa non había marcha atrás. A cámara pedíalle que falase.”Son Álex, un mozo transexual. Abro este vlog para compartir con vós a miña vida. Quen me coñeza e estea a ver este vídeo entenderá moitas cousas, ou mesmo non comprenderá –ou non quererá comprender– nada. O distinto asusta, dá vertixe porque obriga a cuestionarse tantas cousas… E por iso fago este vídeo, porque non quero ter máis medo, nin vergoña de ser quen son.”Antes de que lle dese tempo a pensar, conectou a cámara co ordenador. Vinte e dous segundos. Ese foi o tempo que tardou o arquivo en subir á rede. “22 segundos” relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe –sen poñerlle etiquetas– que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer. Unha obra que busca visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoas historicamente silenciadas e denigradas que loita por que as leis –e a sociedade– deixen de consideralas enfermas.

David González Domínguez

Comentarios pechados