Menu Xerais

Unha obra maior: «A nena do abrigo de astracán», de Xabier P. DoCampo. Crítica de Martin Pawley

O blog Acto de Primavera publicou unha recensión de  sobre a novela A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo.

 

A nena do abrigo de astracán

Transcorreron quince anos desde que prendeu a idea até a obra final, que vén de chegar ás librarías, mais xa se pode dicir con claridade: pagou a pena o esforzo e a espera. A nena do abrigo deastracán, o novo libro de Xabier P. DoCampo, o primeiro del editado nunha colección especificamente para adultos, é unha obra maior, outra desas novelísimas que aparecen cada poucos anos para marcar un fito no sistema literario galego. Éo non só porque o resultado estea á altura das súas ambicións, senón, sobre todo, pola naturalidade e enganosa sinxeleza coa que resolve todos os numerosos e inmensos retos.

A aparente protagonista da novela é Susana, unha nena adoptada polos seus padriños logo da morte da súa nai. Educada baixo os principios ultraconservadores do nacionalcatolicismo e gobernada a súa vida pola mentalidade beata e castradora de Agustina, a madriña, Susana achará nas sesións de cinema o refuxio necesario para sobrevivir a un tempo cruel. Mais o cinema non é só un refuxio e un espazo para a ilusión, tamén é un espazo para o coñecemento e o recoñecemento. Os sete filmes que Susana ve e lle conta á madriña, a miúdo en versións deliberadamente deturpadas para que encaixen na mente cativa de Agustina, son portas que se abren para a comprensión do mundo, para a comprensión do sufrimento e da felicidade, da xenerosidade e da hipocrisía, do amor máis grande e da miseria máis infame, pois todo iso está presente no ser humano. Os sete filmes, polo tanto, non lle dan só estrutura á novela, tamén lle dan estrutura á propia vida de Susana, e así nada máis lóxico que a súa acabe por imitar o final d’A loba, unha vez entendido canto se parece a patroa da súa casa á Regina Giddens que encarna Bette Davis: comparten a mesma destrutiva cobiza que non se detén ante nada, por máis que o seu obxecto sexa diferente, aquí non o diñeiro senón a posesiva necesidade de control e afecto.

Dicía que Susana é só a aparente protagonista porque o verdadeiro centro da novela é a vila toda, Ribadaínsua, narradora dos feitos estremecedores que acontecen ao longo duns poucos meses. Estremecedores mais tolerados con perversa normalidade polas persoas que habitan a vila, que interiorizaron dentro de si o mal até facer ver que non o ven aínda que estea diante. Lonxe de todo maniqueísmo, A nena do abrigo de astracán é unha gran novela sobre o mal, asociado inevitabelmente a un período sen perdón da nosa historia recente, a brutal posguerra, mais fácil de extrapolar a calquera momento e lugar en que o mal se estende sen que ninguén lle poña barreiras. A calquera momento e lugar en que a piedade e a compaixón desaparecen sepultadas pola avaricia, a vinganza e o odio. Iso é o que sucedeu en Ribadaínsua e iso é o que Ribadaínsua expón, para que non se esqueza, para facer dos feitos historia e da historia novela. Mais o mal non consegue agochar para sempre o sentimento de culpa, que agroma en forma de voces que resoan nos faiados. Os faiados das casas e os faiados da memoria. A nena do abrigo de astracán é, tamén, unha novela sobre os fantasmas que petan na porta pola noite. Unha novela sobre as culpas propias, por acción e por omisión, que a cada un se lle revelan nos retratos de xente pintada de costas que fai Antonina, un dos moitos personaxes memorábeis.

Mais non todo é mal e miseria. N’A nena… hai homes e mulleres sempre dispostos ao agarimo e a tenrura a pesar de que o mundo convide ao contrario, personaxes que non renuncian á bondade aínda que a súa actitude as poña de camiño ao sacrificio. É o caso do alfaiate Isidoro, o primeiro veciño de Ribadaínsua no que Susana encontra un xesto de cariño. De Engracia, a compoñedora tratada de meiga, entregada desde a súa infancia a intentar axudar aos demais. Personaxes valentes, como tamén o é Paulina, que racha co veleno das humillacións na procura dunha vida nova.

Un dos asombros que proporciona a novela vén do ben trazado que está o seu carácter coral. Nada do que se di é gratuíto, todo ten unha razón; non sobra unha voz, non sobra nada do que se di. A arquitectura do texto é impresionante, con ecos que van e volven. Así, non importa que un personaxe poida desaparecer fatidicamente nun certo capítulo, pois del saberemos máis logo da man doutra voz que o recorda e dá conta do que fixo. A pegada decisiva dunhas vidas nas outras. O autor, un dos grandes entre os nosos, asume desafíos complexos, fíos argumentais que tiñan o risco de caer nos tópicos, por outra parte reais, da Galiza dos anos 40, cos seus curas desalmados (como o é o don Amancio) e a submisión xeral ao medo. Ou episodios, caso da suposta aparición mariana, que podían derivar cara ao grotesco. Xabier vence, con oficio consumado, todos os perigos, porque na súa escrita persiste a fe en nós. Foxe do pesimismo e a podremia e iso produce unha novela triste, emocionante como poucas, e finalmente encamiñada á esperanza. Encamiñada á felicidade que é vivir nunha cidade na que hai unha ducia de salas de cinema.

Martin Pawley. “A nena do abrigo de astracán” vén de ser publicada por Edicións Xerais de Galicia. Para saber máis: entrevistas en vídeo con Xabier P. Docampo sobre a novela e o cinema da novela.

Deixa un comentario!