Menu Xerais

A inauguración dun camiño suxestivo e seductor: «O puño e a letra», de Yolanda Castaño. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica e no suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, unha anotación sobre o poemario: O puño e a letra. Antoloxía en cómic poético, de Yolanda Castaño.

 

O puño e a letra, de Yolanda Castaño

Á marxe que á hibridación entre dous códigos como son a poesía e a banda deseñada se lle pode procurar antecedentes en manuscritos iluminados por poñer un exemplo, o certo é que o denominado “Comic Poetry”, ou “cómic poético”, que goza de certa atención fundamentalmente no ámbito anglosaxón, chega agora a nós grazas a Yolanda Castaño, poeta de extenso e recoñecido currículo, sempre á caza das posibilidades que pode encerrar a difusión do feito poético como testemuña o activismo nesta causa reflectido nas louvables iniciativas en que desempeña un papel fundalmental como son a organización e coordinación tanto de “Poetas Di(n)versos”, na idade da Coruña, como o seu papel no Obradoiro Internacional de Tradución Poética, que se celebra na illa de San Simón.

A autora d´A segunda lingua, seguindo o ronsel de procurar ese elementos de confluencia entre poesía e outras artes, como xa fixo no seu día coa música, a plástica ou o audiovisual, decide antologar vinte e cinco anos de traballo continuado e concentralos en corenta composicións que, cos ollos postos na inauguración deste  xénero do “cómic poético”, distribúe entre artistas de banda deseñada para que interpreten, sen imposicións de ningún tipo, á súa maneira e co seu propio estilo, o poema asignado nunha soa páxina.

O certo é que o resultado desta orixinal iniciativa é, a todas luces, espléndido, ao que axuda non pouco o acaído tratamento estético que se lle outorgou ao libro e que posibilita, por unha banda, asistir e gorentar a algunhas das claves da estética pola que Yolanda Castaño vén transitando desde o seu primeiro libro ata hoxe -velaí o erotismo, a visión do corpo e a imaxe, a presenza da ironía, a ruptura de convencións, a querenza polo visionario e o onírico ou a alteridade, entre outras- e, ao tempo, reparar nas talentosas interpretacións que esas corenta relevantes sinaturas da banda deseñada realizan das composicións da autora coruñesa, sempre sorprendentes, heteroxéneas e imprevisibles.

O exercicio desta interacción entre poesía e banda deseñada, inaugura un camiño suxestivo e sedutor que leva aparellado canda si múltiples posibilidades de todo tipo. Sexa benvida esta proposta.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 2 de novembro de 2018.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!