Menu Xerais

Artigo de Xoán Carlos Domínguez Alberte sobre «Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte», de Emilio Xosé Ínsua López e Xurxo Martínez González

Sermos Galiza publicou un artigo de Xoán Carlos Domínguez Alberte sobre o libro Común temos a patria. Biografía dos irmán Villar Ponte de Emilio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez.

 

Común temos a patria

É o título dunha subtitulada Biografía dos irmáns Villar Ponte. A autoría correspóndelle a dous autores que teñen dado mostras abondas nas súas pescudas do benfacer na esculca da nosa historia e dos seus protagonistas.

 É o caso de Xurxo Martínez González, responsábel do traballo Luís Soto. A xeira pola unidade galega. E, dende logo, de Emilio Xosé Ínsua López, mantedor da interesante bitácora A Ínsua do Ínsua e autor, de xeito recente, do -moi recomendábel- ensaio Díaz Castro: poeta en formación (1914-1939), que, de seu, constitúe todo un exercicio de honestidade ética e intelectual do que cómpre tomar nota.

 No volume que se comenta realízase un intenso labor de exhumación hemerográfica. No máis de medio século de prensa galega analizada debúllanse os principais fitos nos que os irmáns de Viveiro tomaron partido na construción dos alicerces da sociedade galega contemporánea. O interese da obra vén dado dende múltiples ángulos, que contribúen a pór luz nun período fundamental da nosa historia recente. O tempo que abriu coa creación das Irmandades da Fala en 1916, caracterizado pola expansión, modernización, progreso e definición da cultura galega nas súas múltiples vertentes.

Resulta de elocuente actualidade a claridade defendida por aqueles homes no relativo ao uso inequívo do galego fronte á “intelectualidade rexional” abandeirada do castelán. Debido a que isto, arestora, marca un vivo contraste co entreguismo ben recompensado de significadas voces do noso contexto cultural, claudicantes ou consentidoras da política hexemónica exercida dende as instancias do poder.

 Ao longo das intensas e extensas páxinas deste traballo pódense enxergar asemade os ataques disparados dende a prensa españolizante ao movemento nacionalista. Do mesmo xeito que nelas se fan evidentes os conflitos, mormente de xorne político e ideolóxico, xurdidos entre moitos dos protagonistas do período iniciado en 1916. Con todo, isto non empeceu que o consciente labor irmandiño, no que Antón e Ramón Villar Ponte tiveron especial relevancia, constituíse un piar esencial no desenvolvemento da lumieira da Galiza contemporánea.

 Estas e outras razóns fan que sexa ben meritoria a tarefa levada a cabo por Emilio Ínsua e Xurxo Martínez. Nunha obra cun título -do poema “Irmaus”, de Longa noite de pedra- ben acaído á nosa realidade: “si os nosos soños son igoales/coma un irmau che falo./Común temos a patria,/común a loita ambos”.

Xoán Carlos Domínguez Alberte

Deixa un comentario!