Menu Xerais

Camiños literarios que nos levan por espazos vencellados ao suspense, ao romanticismo e á descuberta da memoria colectiva, e que non deixan a ninguén indiferente: «Fálame do silencio», de Pablo L. Orosa. Crítica de Ramón Rozas

O xornal dixital Galiciaé publicou unha recensión de Ramón Rozas sobre a novela Fálame do silencio de Pablo L. Orosa.

Os silencios do tempo

Fálame do silencio, escrito polo xornalista Pablo L. Orosa, convértese nun abraiante debut no terreo literario que nos enfronta á descuberta do pasado, así como o propio descubrimento interior de quen fai dese pasado unha necesidade para coñecerse a si mesmo.

Nunca deixa de ser emocionante atoparse cunha nova voz literaria, cunha nova proposta que dende a nosa lingua converte en literatura unha historia dende a que facernos partícipes da nosa propia historia común. Unha emoción que medra cando un pasa páxinas e páxinas, e non deixa de preguntarse cuestión como: de onde sae este mozo? Como estivo calado ata o de agora? Como se pode escribir con tanta madurez unha primeira novela?, e unha exclamación ao chegar ao final: Bravo!

Fálame do silencio, publicado por Edicións Xerais cóntanos o encargo dun xornalista para completar a historia dun home. Fóra de Galicia voltará a ela, á Coruña de 1977, converténdose a descuberta daquela persoa na descuberta do protagonista. Ou o protagonista é esa persoa da que se investiga? O libro está cheo de brillantes momentos literarios, de capítulos que arrincan cunha forza estarrecedora, tamén con certos instantes poéticos que, como as gotas da chuvia sobre os cristais, van compoñendo os camiños co protagonista debe seguir. Camiños casuais, camiños que mudan de dirección, camiños polos que equivocarse. O autor proponlle tamén ao lector outros vieiros que seguir e que enchen de riqueza formal o texto, camiños que nos levan por espazos literarios vencellados ao suspense, ao romanticismo, á descuberta da memoria colectiva, todos eles para tentar compoñer o crebacabezas dunha vida anterior, pero con fíos no presente da novela.

Aparece o texto repleto de instantes que describen o ambiente portuario, as relación no bar, no prostíbulo, o contacto con medio mariño, emerxe o mar como nexo de unión non só entre xeografías, senón tamén entre almas, entre sentimentos que en Galicia préndense desa liña do horizonte na que se define moito do que somos como comunidade, ventos e salitre, que compoñen unha paisaxe social, pero tamén interior de moitos de nós. Ese horizonte permanece ao longo da novela como unha liña que todos queren alcanzar para descubrir que se atopa tras ela, cada un cun motivo diferente, cunhas arelas singulares, pero sabedores de que esa liña salgada marcará o seu futuro.

Aquel ano 1977 foi un ano bisagra entre a superación dos anos da ditadura e a apertura dun novo tempo. E a novela non renuncia recuperación de moitos feitos dese pasado escuro, de resistencia e loita para alumear a longa noite de pedra. A memoria emerxe así como unha ferramente necesaria para alumear o pasado, pero sobre todo para poñerlle sons ao silencio. Se algo está moi presente nesta novela é o silencio. Todo prodúcese para resolvelo, para que o silencio deixe de ser unha fosa abisal na que conter un pasado descoñecido, pero necesario para coñecernos hoxe. Todas a nosas vidas teñen zonas de silencio, espazos co tempo deixa pendurados dun fino pero resistente fío no que moitas veces se prenden feitos importantes, pero cos que non nos gusta enfrontarnos. Zonas de tensión ás que tarde ou temprano temos que enfrontarnos, e para iso necesitamos motivacións para darnos o empurrón a seguir furando neses ocos co tempo deixa en nós. Pablo L. Orosa decántase por empurróns tan necesarios como o amor, tanto polas persoas como pola cultura, así este libro é tamén un canto á necesidade de facer da cultura, do mundo dos libros, unha ancoraxe necesaria para movernos pola vida.

Fálame do silencio non pode deixar a ninguén indiferente. A boa literatura é a que nos move por dentro e na que un sente que hai algo dun nesa escritura, a parte de moitas afinidades literarias ou musicais, neses horizontes un atopa un afoutado compromiso coa realidade a partir dese pasado que nunca debemos esquecer. Beizóns!

Ramón Rozas

Deixa un comentario!