Menu Xerais

Ecos de biografías, soñadas ou tecidas, que as mulleres da nosa tribo padeceron: «Pioneiras», de Anaír Rodríguez e Nuria Díaz. Crítica de Francisco Martínez Bouzas

O crítico Francisco Martínez Bouzas publicou no seu blog Novenoites unha recensión crítica sobre o álbum PioneirasGalegas que abriron camiño, de Anaír Rodríguez Rodríguez, ilustrado por Nuria Díaz.

 

E fano elas

As liñas que seguen non pretender recensionar nada. Soamente facer unha pequena cala nun libro que, en formato álbum, veñen de poñer nos andeis das nosas librerías Anaír Rodríguez e NuriaDíaz. Anaír escribiu os textos e Nuria pintou as ilustracións. Refírome a Pioneiras. Galegas que abriron  camiño. E asemade, renderlle unha insignificante mais sentida homenaxe a aquelas mulleres que, na realidade da historia ou na imaxinación dalgúns escritores e escritoras galegas, foron pola súa forma de pensar ou de actuar, verdadeiros piares da nosa identidade comunal. E todo isto, á marxe do día no que andamos, deste 8 de marzo porque a reivindicación da igualdade das mulleres non se pode acoutar simbolicamente a un só día. Tamén onte e mañá e todos os amenceres, solpores e noites do ano son días da muller.

Ao longo da historia, moitas mulleres teñen loitado por acadar un espazo destacado ou ao menos visible nun mundo que sempre semellaba, e de feito así era, dominado polos homes. Tamén o fixeron e fano moitas mulleres galegas. En Pioneiras, Anair Rodríguez e Nuria Díaz rescatan do esquecemento da historia, case que sempre escrita por homes, a doce mulleres ás que a súa afouteza empuxou a transitar por vieiros que semellaban ser trazados soamente para varóns.

Endalí que foron pioneiras en profesións, oficios ou aventuras que semellaban, e aínda semellan, ser propiedade exclusiva dos homes. Doce mulleres pois forman a nómina que teñen visibilidade nestas páxinas e ilustracións. Case que ningunha demasiado coñecida. Non aparecen Rosalía de Castro, Concepción Arenal nin Emilia Pardo Bazán, pero están, coma outras cuxos nomes non soan tanto. Doce mulleres valiosas polo que fixeron, non polo que foron como persoas.

Exeria, a viaxeira de hai 1600 anos

Exeria, a primeira escritora e peregrina na Hispania romana do século IV. Isabel Barreto,  a primeira navegante do mundo ao fronte dunha expedición marítima no século XVI. Quizais unha pioneira cruel, varonil e despótica, segundo din as crónicas, nas coordenadas, poren, do que foi a conquista e a colonización. Isabel Zendal, a primeira enfermeira no século XIX. Ela foi a única muller que participou na Expedición Filantrópica da Vacina da Variola. Sofía Casanova, a primeira correspondente na Primeira Guerra Mundial. Marcela e Elisa, as dúas mulleres que, no albor do século XX, conseguiron casar como cónxuxes pola Igrexa. Irene González, pioneira do fútbol feminino e asemade a primeira muller que xogou a este deporte nun equipo de homes. Áurea Rodríguez, gaiteira e líder dun grupo musical na primeira metade do século XX.

Mª Luz Morales

Mª Luz Morales que durante a Guerra Civil dirixiu un xornal, La Vanguardia de Barcelona. Olimpia Valencia, a primeira muller licenciada e doutora en medicina, tamén no primeiro tercio do pasado século. Celia Rivas, a primeira muller que, con vinte anos, conduciu un camión. E Ángeles Alvariño, especialista no plancto e primeira muller que participou en expedicións científicas en buques oceanográficos.

Elas, seguramente sen falar a lingua de noso, forman parte da nosa tribo. Fixeron aquilo que se propuxeron ser nas súas vidas. Como tantas mulleres que, nos nosos tempos e malia as moitas discriminacións, tamén o fan.

Imaxe que pretende representar a María Balteira

Fano elas como outras mulleres ás que homenaxean os nosos poetas e narradores e narradoras. Algunhas con vida real, outras, seres anónimos que tiveron vida nesa confusión entre a realidade e a ficción que é a literatura. Todas elas, mulleres galegas que tamén están nos alicerces da nosa identidade. Como María Balteira, muller meiga, xacia e soldadeira. Despeiteada, rebelde e pecadora que “era moitas mulleres para ser nunha muller soa” (Marica Campos). María Soliño, un caso sanguento no que os homes, o tribunal da Inquisición, intentou borrar do mapa da historia xunto coas súas veciñas por teren facenda e patrimonio que lles foron confiscados para se liberaren da fogueira. Cantada por Celso Emilio Ferreiro (“Polos camiños de Cangas / a voz do vento xemía: / ai, que soliña quedache / María Soliña”) e narrada a súa aventura por Pemón Bouzas. Outra muller anónima de Paderne de Allariz tivo a carraxe de lle responder así ao visitador do Santo Oficio: “onde un home libre e unha muller libre, libremente xacen, non hai ofensa e, se non hai ofensa non hai dano, se non hai dano non hai mal e, se non hai mal non hai pecado” (Alfredo Conde)

Mulleres que formaron parte da revolución dos servos, dos irmandiños ferroláns; derrotados, unha delas chama por Roi Xordo e na súa elexía escóitanse estes berros: “Eu son a muller./ eu son a muller que mollou os seus beizos / nas feridas de cada un dos vencidos.” (X. L. Méndez Ferrín). Tamén ás viúvas de vivos e as viúvas dos mortos “que ninguén consolará” que cantou a nosa poeta primordial. A épica sen nome nin visibilidade continúa en figuras femininas do común; como tal, naquela María, muller da herba que, desde as súas noventa e moitas mans, deixa car na cunca das do poeta Anxo Angueira a liñaza atávica xunto co mandato: “Sementa ti” para que non deixe de haber flor de liño nas primaveras de Manselle.

Como a vella muller do noso rural cuxa historia acaba de reescribir con fotografías e letras Emilio Araúxo, que xa non pode, pero algo aínda vai facendo; non cre nin nos curas nin no inferno porque xa o ten aquí, que se derrea con labores da labranza, e  o frío e a sarabia son a súa malandanza; ela é metáfora viva da identidade da xente do rural. Ou como as lavandeiras do río Con que, na Vilagarcía do tempo das pistolas, do medo e do silencio, pagaron un alto prezo, mesmo coa dignidade do seu corpo -non da súa alma -para saberen algo dos homes fuxidos no Xiabre do terror falanxista. Mais tamén aquela marquesa que estaba en todas as liortas para desfacelas e a súa marabillosa solidaridade para evitar a morte de dúas mulleres de Ribadumia, nai e filla, acusadas de parricidio, en defensa do seu honor.(X. Vázquez Pintor)

Son algúns dos ecos, fermosos “como as buguinas do mar” de biografías, se cada soñadas ou tecidas con palabras literarias do que as mulleres da nosa tribo fixeron ou padeceron. Elas foron verdadeiros suxeitos da nosa común identidade. Na escrita de poetas, narradores e narradoras fixéronse nosas para sempre. Foron protagonistas da súa condición tantas veces esquecida.

Francisco Martínez Bouzas

Deixa un comentario!